Normalización do galego: retos e avances

Lingua e literatura10,48 KB

A diglosia e os prexuízos lingüísticos

En Galicia existe, desde finais da Idade Media, unha situación de diglosia ou bilingüismo diglósico, é dicir, a coexistencia desequilibrada de dúas linguas, usadas en ámbitos distintos e que teñen un valor social diferente: unha lingua en expansión, o castelán, que foi ocupando progresivamente os ámbitos e as funcións de prestixio (medios de comunicación, ensino, ciencia...); e unha lingua minorizada, o galego, lingua propia que sofre un proceso de substitución lingüística ao ser desprazada dos usos de prestixio e quedar relegada ás funcións informais, cotiás e familiares. Esta marxinación do galego provocou que se asentase en boa parte da sociedade un fondo complexo de inferioridade denominado autoodio, un sentimento de rexeitamento e de desprezo polos sinais de identidade propios. Xurdiron así, os prexuízos lingüísticos: valoracións e actitudes negativas sobre o galego e sobre os seus falantes co obxectivo de provocar o seu rexeitamento. Están baseados na contraposición entre linguas que se consideran “boas, útiles e importantes” e outras que non o son. Son, xa que logo, un obstáculo para a normalización lingüística. Debido a estes prexuízos, fóronse creando tamén unha serie de estereotipos ou ideas simplificadoras e irracionais sobre a nosa lingua e sobre e os seus falantes. Os prexuízos non son estáticos, van cambiando coa sociedade, podendo así falar de:

  • Prexuízos vellos ou tradicionais (socioeconómicos, socioculturais e estéticos) que asocian o galego cunha lingua vinculada co mundo rural, a pobreza, a ignorancia e o atraso. Estes vellos prexuízos foron sufrindo progresivamente un retroceso na sociedade e xa poucas persoas defenden que é unha lingua inferior.
  • Prexuízos novos: rexeitase o galego normativo porque é un “invento” artificial, non é “auténtico”, pero, asemade, é mellor non falalo que facelo mal.

Os prexuízos lingüísticos están moi estendidos e teñen graves consecuencias: afectan moi negativamente ao autoconcepto individual e colectivo, son discriminatorios, manteñen os usos diglósicos, provocando o abandono da lingua e a ruptura da transmisión xeracional. É importante poñelos ao descuberto e combatelos para evitar a súa transmisión. A única forma de eliminalos é coñecer as causas que os provocan e cuestionar o discurso establecido.

Normativización e desviacións da norma

Enténdese por normativización o proceso de elaboración dunha norma estándar da lingua que sirva como modelo de corrección a todos os falantes nos usos cultos e formais, tanto orais coma escritos. Trátase de crear unha gramática e de establecer as normas ortográficas e morfolóxicas, así coma o léxico correcto que debemos empregar. Na maioría das linguas románicas o proceso de construción da variante estándar levouse a cabo desde o século XVI, pero no caso do galego, os primeiros intentos remóntanse ao século XIX, cando empezou a recuperarse como lingua da literatura.

As desviacións da norma son todas as formas que non coinciden co estándar:

  • Dialectalismos. Son formas propias dunha área xeográfica concreta.
  • Vulgarismos fonéticos e morfolóxicos. Deformacións propias da lingua oral coloquial.
  • Hipergaleguismos ou hiperenxebrismos. Palabras galegas coincidentes co castelán que son deformadas por diferencialismo.
  • Arcaísmos. Formas en desuso exclusivas dos usos formais.

As interferencias lingüísticas

As interferencias son préstamos innecesarios, elementos lingüísticos para os que xa existe unha palabra propia na lingua receptora. No caso do galego, os castelanismos son a interferencia máis frecuente, aínda que na actualidade son moitas tamén as interferencias do inglés (anglicismos). Tipos:

  • Os castelanismos léxicos: son os máis abundantes, substituíndo as formas propias; convivindo con elas, pero restrinxindo o seu significado; creando formas erróneas de aparencia galega; potenciando os sinónimos coincidentes co castelán e os termos de significado xeral en detrimento dos específicos galegos.
  • Castelanismos fónicos: non distinción, por exemplo, de vogais medias abertas e pechadas.
  • Castelanismos morfosintácticos: erros no xénero, na colocación dos pronomes átonos, formas verbais compostas con haber, ausencia do artigo diante do posesivo...
  • Castelanismos ortográficos: uso da ortografía castelá en lugar da galega.

A normalización lingüística

O galego é, desde finais da Idade Media, unha lingua minorizada porque está nunha situación de desequilibrio ou desvantaxe con respecto ao castelán, lingua dominante ou en expansión que goza de maior prestixio social e desenvolve as funcións elevadas, podendo provocar a substitución lingüística. Para superar esta situación e acadar un uso normal da lingua, cómpre levar a cabo o proceso contrario, coñecido como proceso de normalización lingüística, que ten o obxectivo de converter esa lingua en vehículo normal de comunicación entre os cidadáns do territorio, recuperando o seu uso en todos os ámbitos da vida por parte de todos os estamentos sociais. Tras a etapa dos Séculos Escuros, o galego comezou timidamente o proceso de normalización no século XIX, ao recuperarse para os usos literarios. Este proceso experimentou un importante avance na preguerra, mais durante a ditadura, sufriu de novo un enorme retroceso. Teremos que agardar á etapa democrática para ver importantes avances na normalización do galego, porque o novo marco legal proclámao lingua cooficial e permite avances normalizadores en diferentes ámbitos: nas administracións e no ensino. Para acadar con éxito o proceso de normalización cómpre a intervención de diferentes sectores sociais: das institucións públicas, acción de colectivos non institucionais e a acción individual.

Actualmente hai factores favorables á normalización lingüística: menos prexuízos lingüísticos, mellor valoración social do galego, maior presenza en sectores urbanos e instruídos, no mundo da cultura; regaleguización de persoas castelanfalantes... Pero segue habendo factores negativos que inciden negativamente na normalización.

Situación actual do galego

Na etapa democrática acadáronse avances significativos na normalización do galego, presente en ámbitos antes impensables e mellor valorado que en épocas anteriores. Con todo, seguen existindo prexuízos e unha situación de diglosia, cun claro desequilibrio a favor do castelán. Analizamos a súa presenza nos principais sectores:

  • Na Administración avanzouse no uso do galego de xeito desigual: a Xunta e o Parlamento están case normalizados na escrita e no uso oral dos altos cargos (aínda que ultimamente se está a producir un retroceso). Tamén foi significativo o avance na Administración municipal, cunha progresiva galeguización nas últimas décadas. Pola contra, a Administración de Xustiza é reacia ao uso do galego.
  • O ensino é un medio estratéxico para a normalización dunha lingua, pero no caso galego segue a funcionar como elemento desgaleguizador. Implantouse a ensinanza da lingua galega nos niveis non universitarios desde principios dos 80, tamén como lingua oficial da administración educativa. Na Universidade, a presenza do galego nas aulas e na investigación é minoritaria.
  • Nos medios de comunicación, o dominio do castelán é absoluto: desapareceron os poucos xornais que había en galego, nos audiovisuais e na rede a presenza do galego tamén é moi minoritaria: fronte á Radio Galega e á TVG (1985) hai unha esmagadora presenza de emisoras e canles en castelán; é máis esperanzador o uso do galego na internet, con presenza de portais e xornais dixitais.
  • Nos sectores socioeconómicos e empresariais tamén predomina o castelán.
  • A Igrexa desempeñou un papel histórico de castelanización e segue allea ao uso do galego.

Estes avances nos diferentes sectores non compensan o aspecto máis negativo: a perda de falantes, especialmente entre a xente nova, arrastrada polo proceso de urbanización (sobre todo nas vilas medias e incluso no ámbito rural), polo predominio do castelán nos medios de comunicación, pola feble política normalizadora do ensino e pola perda da transmisión xeracional da lingua.

As Normas ortográficas e morfolóxicas

En 1982 publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas e aceptadas como oficiais pola Xunta de Galicia. Esta normativa tivo reaccións en contra por parte do reintegracionismo, defensores dun maior achegamento ao portugués. Entre estas dúas tendencias existe unha intermedia, a de mínimos reintegracionistas, que pretende un achegamento progresivo ao portugués especialmente no léxico, porque a aproximación completa da ortografía resultaría actualmente difícil de acadar. A solución a este enfrontamento chegou coa modificación das normas en 2003 introducindo cambios que serviron de achegamento, especialmente no que se refire a buscar a referencia no portugués para os termos científicos e técnicos.

Descargar

PDF Word HTML