A Narrativa Galega Despois da Guerra Civil: Tendencias e Autores
A produción narrativa en galego interrómpese logo de producirse o golpe de estado en 1936. A primeira novela da posguerra aparece en 1950, esta novela é A xente da barreira de Ricardo Carballo Calero. A partir de entón, producirase unha consolidación deste xénero, o cal non alcanzará uns altos niveis cuantitativos, pero si permitirá a aparición de moitas obras mestras. Máis tarde, nos anos 50, comezará a perfilarse unha serie de liñas narrativas que se manterán en parte ata os nosos tempos.
Os continuadores da tradición narrativa do grupo Nós, principalmente da temática centrada na decadencia da fidalguía, a cal foi tratada por Otero Pedrayo. Esta é a orientación que seguirá Carballo Calero na súa obra A xente da barreira.
O realismo popular terá como obra A luz do candil elaborada por Ánxel Fole. Iníciase como unha xustificación e marco para o conxunto narrativo (o lector terá diante as historias contadas por diferentes personaxes).
O autor, por outra parte, adopta como modelo narrativo a literatura de transmisión oral e nutrirase de temática proporcionada polas lendas e os relatos populares. O carácter etnográfico da obra verase reforzado pola detallada descrición da xeografía caurelá e pola inclusión nos relatos dunha serie de anotacións antropolóxicas e lingüísticas. Ademais, temos que mencionar que os 14 contos están narrados en primeira persoa, seguindo as técnicas dos contacontos. En canto á estrutura do conto, será sinxela, posuirá ademais un argumento reducido, normalmente reducido a unha anécdota desenvolvida de forma lineal. Ademais, Ánxel Fole intenta repetir a fórmula en Terra brava e Contos da solaina.
En canto á escrita de Ánxel Fole, estará caracterizada por unha serie de trazos aos cales será fiel, da súa obra:
- Narrativa lingüística: adopta como modelo a lingua oral, reproducindo a súa diversidade dialectal e incluso os usos vulgares e arcaizantes.
- Predilección polo conto para contar fronte ao conto para ler.
- Realismo narrativo: os elementos fantásticos terán sempre xustificación como produto das alucinacións, as crenzas e as fantasías.
- Percepción da paisaxe como elemento diferenciador da literatura galega.
- Compromiso moral do escritor coa súa terra e co seu tempo.
- Procura da orixinalidade técnica e estilística.
O realismo fantástico: con este concepto definimos a narrativa de Álvaro Cunqueiro, o cal mestura elementos culturais e populares, de realidade cotiá e fantasía. Por outro lado, Álvaro Cunqueiro será considerado o escritor galego dotado dun mundo literario máis persoal, así como dun estilo e dunha técnica moi distinguida entre os seus contemporáneos:
- Tendencia á degradación da novela: as obras deste escritor constrúense mediante a acumulación de relatos argumentalmente inconexos e ensamblados.
- Predominio da oralidade no estilo: o seu modelo estilístico hai que buscalo no conto de tradición oral e incluso no modo en que a xente relata feitos na taberna ou nunha sobremesa.
- Entrecruzamento do extraordinario e marabilloso co cotián (humanización do mito/mitificación do humano): un trazo moi característico das narracións populares é tamén a eliminación de fronteiras entre a realidade e a imaxinación.
- Fantasía, poeticidade e humor: o choque do mundo real e o mundo mítico poderá producir o humor en forma de ironía, pero sempre amable.
Realismo social: o cal ten por máximo expoñente a Eduardo Blanco Amor e como novela inaugural A esmorga. A madurez apreciada nesta obra débese ao resultado dunha longa aprendizaxe, así como da asimilación das novas técnicas as cales marcan a renovación da narrativa do século XX. Por outro lado, tanto no estilo como na temática ou construtivo, A esmorga pode ser considerada como o punto de arranque da moderna narrativa galega. Este carácter renovador apréciase xa na modalización narrativa, ademais na esmorga atopamos dous narradores limitados. A novela alcanza así un elevado grao de ambigüidade característico da narrativa contemporánea.
A nova narrativa: posúe un proxecto rupturista impulsado polas novas promocións literarias xa formadas no franquismo e, polo tanto, cunha feble vinculación á tradición literaria de posguerra. A nova narrativa galega é un conxunto de obras editadas entre fins dos 50 e comezos dos 70 que inaugura un novo xeito de narrar en contraposición ás fórmulas tradicionais, representadas no caso galego polas obras narrativas dos membros da xeración Nós e dos seus continuadores, pero tamén en contraposición a outras fórmulas contemporáneas de Ánxel Fole, Blanco Amor e Cunqueiro. A nova narrativa galega supón a asimilación dunha serie de técnicas, procesos e temas renovadores. As novelas da nova narrativa galega posúen un conxunto de trazos: pluralidade de voces narrativas e alternancia de narradores homodiexéticos e heterodiexéticos, fuxida da localización concreta dos espazos, redución temporal, contestación da idea de argumento e negación da acción, creación de mundos literarios artificiais e enigmáticos e fusión desacougante e inquietante de realidade e fantasía, presenza reiterada da violencia, tensión e da idea do sexo e a morte, tratamento do tema do absurdo existencial e presenza de personaxes problemáticas e, por último, práctica da intertextualidade. Por outro lado, os principais autores e obras son: O crepúsculo e as formigas de Méndez Ferrín, deste escritor tamén son Arrabaldo do norte e Percival e outras historias, A orella no buraco de María Xosé Queizán, Memorias de Tains de Gonzalo Rodríguez Mourullo, Adios, María de Xohana Torres e Lonxe de nós e dentro de Suárez-Llanos. As obras de Méndez Ferrín compoñen a primeira etapa da súa traxectoria como escritor, caracterizado polo rexeitamento do costumismo e do realismo clásico, así como das personaxes antiheroicas e patolóxicas, propósito de fusión do real e do fantástico, do normal e anormal, etc.
Por outro lado, na década dos 60 situaremos unha obra cunha enorme calidade e difusión, esta obra é de Xosé Neira Vilas. Este escritor en 1961 publicou Memorias dun neno labrego. Temos que mencionar tamén que Neira Vilas foi o pioneiro da literatura infantil en galego. Este autor presenta varias características respecto dos autores situados na nova narrativa galega. Tamén temos que mencionar o feito de que o autor manifesta o interese renovador. A fórmula narrativa da que fai gala nos seus inicios está máis atenta ao narrado que á conformación do discurso narrativo, pero principalmente o característico deste autor é o tratamento crudamente realista dos xeitos de vida da Galiza rural. Por outro lado, os novos narradores buscan como referente espacial o medio urbano e a conflictividade dos seus personaxes, os cales xiran arredor dun mundo confuso de desexos. En canto á temática dos relatos de Neira Vilas, concéntrase nas traxedias e miserias das aldeas galegas nos tempos da guerra do 36 e da posguerra.