A narrativa galega nos anos 90: Xéneros e autores
A narrativa galega na década dos noventa
Neste decenio establécese de xeito definitivo o xénero novelesco no sistema literario galego, pois os mecanismos de promoción, edición, produción e crítica están xa plenamente consolidados.
Por outra banda, no primeiro quinquenio da década, autores que se dedicaban á produción de relatos ou de poesía optan polo xénero central da narrativa. É o caso de Ramiro Fonte, M. Forcadela, Darío X. Cabana, Manuel Rivas, etc. Ademais, continúan publicando autores xa consagrados como Anxo A. Rei Ballesteros, Víctor F. Freixanes, Carlos Casares e Méndez Ferrín.
Un dos feitos máis significativos desta década é a tendencia, xa iniciada nos oitenta, á diversificación xenérica; deste xeito, proliferan xéneros iniciados na etapa anterior, como a novela negra ou a novela crónica, e agroman outros novos.
A novela negra
A produción de novela negra multiplícase durante toda a década, ata o punto de que en 1999 o total de obras deste tipo se achega á trintena. O conxunto de todas estas pezas narrativas podería clasificarse en catro grupos:
- As que se acollen ao modelo da filmografía estadounidense (de protagonista cínico, duro, solitario e autodestrutivo). Pode representar este conxunto Ambulancia (1990) de Suso de Toro, obra na que se desenvolve un asunto delituoso desde o punto de vista do infractor enfrontado a unha lei corrupta.
- As que se adaptan aos modelos culturais do país, ambientándose ás veces na chamada «Galicia profunda», como A tres bandas (1995) de Xosé Miranda e as novelas breves que Bieito Iglesias recolle en Miss Ourense (1994).
- As de vocación rupturista, claramente vangardistas, que se achegan ao xénero negro desde a parodia e a crítica como Non hai misericordia (1990) e Terminal (1994) de Xelís de Toro; Panificadora (1994) de Xosé Cid Cabido, e algún relato de Erros e Tánatos (1996) de Gonzalo Navaza.
- Por último, un grupo de obras coas características xerais destas producións, pero con elementos referidos á realidade de Galicia e que escapan ao concepto de «literatura popular». Destacan Marilar Aleixandre con Tránsito dos gramáticos (1993) e A compañía clandestina de contrapublicidade (1998), e Aníbal C. Malvar con Un home que xaceu aquí (1993) e A man dereita (1994).
A ficción futurista
Trátase dun xénero pouco explorado polos nosos narradores, aínda que autores como Antón Risco, Tucho Calvo ou Darío Xohán Cabana o cultivaron de xeito ocasional. Entre eles destaca a figura de Ramón Caride.
Ramón Caride Ogando (Cea, 1957) fixo a primeira incursión decidida dos autores galegos na ficción científica con Soños eléctricos (1992), obra gañadora do Premio Blanco Amor. Algúns dos temas tratados na novela serán aproveitados polo autor posteriormente en relatos curtos e producións infantís.
A novela de terror
Xunto á modalidade policial, un dos xéneros que máis triunfou na década de 1990 foi a novela de terror. Desenvolveron este xénero Méndez Ferrín, Tucho Calvo, Fran Alonso e, de forma destacada, Xosé Miranda en obras como A biblioteca da iguana (1994), A neve e a cadeira (1994) e Vestio (1995). Destacan tamén as obras de Xesús Manuel Valcárcel: Contos nocturnos (1985) e O capitán lobo negro (1995).
A nova novela histórica
Durante a década de 1990 abandónase o tratamento alegórico da historia máis recente e tómanse episodios do pasado como pretexto ou pano de fondo para narracións centradas en aspectos psicolóxicos ou existenciais.
Por outra parte, continúa a cultivarse a novela de iniciación e a xeracional por parte de autores como Ramiro Fonte, Xosé Ramón Pena ou mesmo Xosé Luís Méndez Ferrín (No ventre do silencio, 1999). Tamén neste decenio cobra importancia a novela de aventuras, traballada por narradores como Xavier Alcalá, Xavier Queipo ou Xosé Miranda na historia relatada en Morning star (1998).