Métodos da Ciencia e o Xiro Histórico-Sociolóxico
Métodos da ciencia
Nas ciencias, os modos de demostrar máis usados son a indución e a dedución.
A dedución
A dedución é un proceso de razoamento no que, a partir de proposicións dadas chamadas premisas, derívase outra proposición que é a consecuencia lóxica necesaria e que se denomina conclusión. O ideal metodolóxico das ciencias formais é constituírse nun sistema axiomático, que conta cos seguintes elementos:
- Axiomas: os principios fundamentais indemostrables dentro do sistema.
- Regras de formación e transformación: permiten acadar novos resultados válidos para ampliar o sistema.
- Teoremas: enunciados obtidos dedutivamente a partir dos axiomas ou de outros teoremas xa demostrados.
A indución
A indución é un razoamento no que, a partir de casos singulares coñecidos pola experiencia, chegamos a unha conclusión xeral. Hai dous tipos:
- Indución completa: pártese do coñecemento individual de cada un dos casos dentro dun ámbito.
- Indución incompleta: os casos individuais coñecidos non son a totalidade dos posibles. A conclusión non é necesariamente certa, senón só probable.
O método hipotético-dedutivo
É o método das ciencias naturais e consta dos seguintes pasos:
- Punto de partida: un problema detectado por observación ou experimentación.
- Elaboración de hipóteses: onde a imaxinación xoga un papel fundamental.
- Dedución de consecuencias: a hipótese formúlase matematicamente para obter consecuencias contrastables.
- Contrastación:
- Verificación ou corroboración: os feitos observados concordan cos deducidos.
- Falsación: a hipótese refútase se os feitos non concordan.
- Lei e teoría: a hipótese comprobada acéptase como lei. As leis unifícanse en teorías xerais.
O método nas ciencias sociais
O obxecto destas ciencias é a realidade social, polo que o suxeito é parte do obxecto estudado. Existen dúas respostas metodolóxicas:
- Empírico-analítica: persegue a unidade da ciencia e aplica o mesmo método que nas naturais.
- Hermenéutica: defende unha metodoloxía propia baseada na comprensión, a motivación e a intencionalidade.
Xiro histórico-sociolóxico da ciencia
Na segunda metade do século XX, filósofos como Thomas Kuhn, Imre Lakatos e Paul Feyerabend revolucionaron a concepción da ciencia, salientando o seu carácter convencional e relativo.
Thomas Kuhn e os paradigmas
Kuhn introduciu o concepto de comunidade científica e o de paradigma. Un paradigma é un marco conceptual que inclúe supostos, técnicas, valores e crenzas que guían a investigación e definen a forma de ver o mundo.
Ciencia normal e revolución científica
- Ciencia normal: períodos nos que a comunidade comparte un paradigma.
- Anomalías: contradicións entre o paradigma e os feitos observados.
- Revolución científica: cando a crise dun paradigma desemboca na súa substitución por outro máis eficaz.
Kuhn describe a ciencia como un proceso descontinuo e non acumulativo. Os paradigmas son inconmensurables, polo que o cambio revolucionario non debe interpretarse necesariamente como un progreso lineal.