O Mercado de Traballo: Compoñentes, Oferta e Demanda

Economía2,58 KB

O mercado de traballo e os seus compoñentes

Traballo: é a achega, tanto física coma intelectual, que realiza o ser humano para contribuír á produción de bens e servizos. O salario é a remuneración que reciben os traballadores pola súa achega á produción.

Quen é quen no mercado de traballo

Neste mercado, o papel das empresas e das economías domésticas é o inverso ao que teñen nos mercados de bens e servizos. No mercado de bens, ofértannos as empresas e demándannos as familias; no mercado de traballo, son as empresas as que demandan traballadores, e as familias as que ofrecen o seu traballo.

Debemos distinguir como se clasifica a poboación en función do seu acceso ao traballo:

  • Poboación de 16 ou máis anos: poboación total que está en idade legal para poder traballar.
  • Poboación activa: persoas en idade de traballar e que queren traballar. Dentro da poboación activa, hai que distinguir entre:
    • Poboación ocupada: aquelas persoas activas que teñen un traballo por conta allea ou por conta propia.
    • Poboación desempregada ou parada: persoas activas que buscan traballo pero non conseguen emprego.
  • Poboación inactiva: aqueles que teñen idade para traballar e, por diferentes motivos, non buscan traballo.

A oferta e a demanda de traballo

Contrato de traballo: é un acordo de vontades mediante o que unha persoa (traballador) se obriga a realizar persoal e voluntariamente un traballo baixo a organización e dirección doutra (empresario) e a cambio dunha remuneración.

A oferta e a demanda teñen as seguintes características:

  • A oferta de traballo: a cantidade de traballo que se ofrece nunha economía depende de:
    • Volume de poboación activa: canto maior sexa esta, maior será a oferta de traballo.
    • O número de horas: que cada persoa estea disposta a traballar, o que dependerá, entre outros factores, do salario percibido. Os traballadores ofrécenlles o seu traballo ás empresas a cambio dun salario. Se aumentan os salarios, as persoas estarán máis motivadas a traballar máis; o contrario sucede cando os salarios diminúen.
  • A demanda de traballo: depende fundamentalmente do salario e da produtividade dos traballadores. Se os salarios aumentan, as empresas reducirán a demanda de traballo, xa que resulta máis caro contratar.

Descargar

PDF Word HTML