Manuel Antonio e o Creacionismo Galego: De Catro a Catro
Movementos Vangardistas en Galicia
Creacionismo: Manuel Antonio
O movemento máis rupturista nos ismos galegos foi o creacionismo, movemento que ten como único representante a Manuel Antonio. O poemario máis importante dentro da súa produción é De catro a catro. O poeta de Rianxo introduce na poesía galega léxico mariñeiro, que ata ese momento estivera á marxe da lírica, constrúe os seus poemas a partir da sucesión de imaxes e converte o mar no seu mundo poético, un mar estático e poetizado a través das súas imaxes interiores. Malia ser o poeta máis rupturista, a súa poesía está chea de sentimentos e non chega a acadar que os seus poemas sexan realidades completamente autónomas, tal e como se recolle nos principios do vangardismo europeo.
Estrutura de De catro a catro
O libro aparece estruturado en 19 poemas e está concibido como o diario dunha travesía, desde o momento en que o barco se fai ao mar ("Intencións") ata que retorna ao punto de partida ("Adeus"). Polo medio atópanse dous poemas ("Recalada" e "Navy Bar") nos que o barco arriba a un porto intermedio.
Surrealismo: Álvaro Cunqueiro
O derradeiro movemento europeo que ten a súa pegada no vangardismo galego é o surrealismo, da man do poeta mindoniense Álvaro Cunqueiro. En Poemas do si e do non reproduce inocentemente o automatismo deste movemento.
Luís Pimentel e a Morte
Non se pode pechar o vangardismo sen facer mención do poeta lugués Luís Pimentel, quen a través do seu mundo poético interior trata o tema da morte cunha sensibilidade especial de quen se enfronta con ela a cotío. Os seus poemas aparecen recollidos no poemario Sombra do aire na herba.
Irmandades da Fala
Obxectivos e Achegas
No ano 1916 iníciase un novo movemento político e cultural que recibe o nome de Irmandades da Fala. Un dos seus obxectivos fundacionais era a defensa e a difusión do galego a través da práctica. Son achegas das Irmandades no ámbito literario:
- Renovación estética, formal e temática.
- Promoción do cultivo do galego a través de concursos, revistas e xornais.
- Ampliación do número de lectores.
- Espallamento da lingua a novos xéneros (teatral, novelístico e ensaístico).
- Tradución de obras europeas (Otero Pedrayo traduce o Ulises de Joyce).
- Creación de editoriais (Céltiga e Lar).
- Promoción do...