Lugar do Universo e Estrutura do Sistema Solar en Galego

Química6,92 KB

Un lugar do universo

Ao longo da historia do pensamento resultaron dominantes as ideas que situaban a especie humana no centro do universo: para ela sería creada a Terra e todo o que a rodea. É o que se coñece como perspectiva antropocéntrica.

Así, para o mundo clásico a Terra era o centro do universo, e ao seu redor xirarían o Sol, a Lúa e as estrelas. Coñécese como sistema xeocéntrico, do que Ptolomeo foi o seu principal expoñente.

Os antigos gregos observaron que as estrelas xiraban durante a noite e todas o facían no mesmo sentido, mantendo constantes as distancias entre elas. Isto fíxoos pensar que se atopaban fixas nunha esfera afastada, a bóveda celeste. Outros corpos celestes que seguían traxectorias singulares recibiron o nome de planetas.

1.1 A revolución copernicana

O modelo xeocéntrico permitía explicar a alternancia de días e noites e os principais movementos das estrelas. A medida que se realizaban observacións astronómicas máis precisas, este modelo foi complicándose. En palabras de Nicolau Copérnico, para poder explicar os movementos dos astros co modelo de Ptolomeo "xerárase un monstro".

En 1543 publicouse a obra de Copérnico na que sostiña que non era a Terra o centro do universo: ese lugar correspondíalle ao Sol. Nacía así o sistema heliocéntrico.

1.2 Un agradable recuncho dunha galaxia

Novos descubrimentos científicos contribuíron a situar a nosa especie no seu lugar. Destacan:

  • A inmensidade do universo: a estrutura do universo resultou ser moito máis complexa que a prevista por Copérnico, e as súas dimensións son moito maiores. O Sol tampouco ocupa o centro do universo, senón que é unha estrela máis entre os 100 000 millóns de estrelas da nosa galaxia, a Vía Láctea. Atópase máis preto do bordo.
    Nun dos brazos da Vía Láctea atópase o Sistema Solar, xirando ao redor do eixe da galaxia a unha velocidade de 760 000 km/h. Tarda 230 millóns de anos en completar unha volta, o que se coñece como ano galáctico. A nosa galaxia é só unha entre os miles de millóns que integran o universo coñecido.
  • O descubrimento do tempo profundo: ata hai pouco máis de dous séculos cría que a Terra tiña uns 6000 anos de antigüidade, que fora creada para ser a morada da humanidade e que a súa idade coincidiría co tempo que leva existindo a especie humana. Os 4560 millóns de anos da historia do noso planeta comprímense nun ano: o 1 de xaneiro marca a súa formación e o Homo sapiens aparecería o 31 de decembro.
  • A evolución biolóxica: ata mediados do século XIX, considerábase que cada especie biolóxica fora creada tal e como a coñecemos na actualidade. Charles Darwin, na súa obra A orixe das especies, demostrou que as especies cambian ao longo do tempo, están emparentadas entre si e teñen unha orixe común.

Non ocupamos o centro do universo nin a Terra foi creada para nos servir de morada. Somos unha especie moi singular e única, que está en condicións de reflexionar acerca da estrutura do universo.

Unha nova estrutura para o Sistema Solar

A Unión Astronómica Internacional aprobou unha nova definición de planeta. O Sistema Solar pasou a ter só oito planetas, xa que resultou insostible considerar a Plutón como planeta. Máis alá da órbita de Neptuno, nun anel denominado cinto de Kuiper, atopáronse centos de corpos xelados, algúns de gran tamaño. O detonante foi o achado de Eris, cun tamaño maior que o de Plutón. Ceres é o maior dos asteroides.

A nova definición de planeta

Un planeta é un corpo que orbita ao redor dunha estrela, cuxa masa é o suficientemente grande como para adquirir unha forma case esférica e para despexar os arredores da súa órbita. Características:

  • A súa masa debe ser suficiente para que a súa forma sexa case esférica: os asteroides de menor tamaño teñen formas irregulares. Só a partir dunha determinada dimensión e masa, a gravidade é capaz de vencer a súa rixidez e adoptar a forma esférica.
  • Debe despexar a súa órbita: a formación dos planetas seguiu un proceso no que pequenas partículas se uniron formando outras maiores, nun crecemento tipo "bola de neve". Unha delas adquiriu un tamaño suficiente e foi varrendo a súa órbita. Cada planeta domina a súa zona orbital.

Os corpos celestes que non cumpren estas condicións denomináronse planetas ananos.

2.1 Composición do Sistema Solar

  • O Sol: é a estrela do noso sistema planetario, de tamaño medio entre as estrelas. É unha esfera de gases incandescentes (hidróxeno e helio). Debe a súa enerxía ás reaccións termonucleares que se producen no seu núcleo, onde alcanza unha temperatura de 15 millóns de graos centígrados, mentres que na súa superficie é de 6000 ºC. O Sol xira ao redor do seu eixe.
  • Planetas: corpos celestes que orbitan ao redor do Sol, cuxas masas son suficientemente grandes para adoptar unha forma case esférica e para despexar os arredores da súa órbita.
    • Planetas interiores ou terrestres: Mercurio, Venus, a Terra e Marte. Son os planetas máis próximos ao Sol, de tamaño pequeno, cunha superficie rochosa e cunha atmosfera gasosa pouco extensa ou inexistente.
    • Planetas exteriores ou xigantes: Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno. Son os planetas máis afastados do Sol, de tamaño grande, cuxas superficies non son rochosas e que se atopan en estado gasoso e líquido.
  • Planetas ananos: corpos celestes que orbitan ao redor do Sol e teñen unha masa suficientemente grande para adoptar unha forma case esférica, pero non para varrer a súa órbita. Inclúense Ceres, Plutón e Eris.
  • Satélites: corpos celestes que xiran ao redor dos planetas. A Lúa é o satélite da Terra. Agás Mercurio e Venus, todos os planetas teñen satélites.
  • Corpos menores do Sistema Solar: son todos os corpos celestes que orbitan ao redor do Sol e que non son planetas, nin planetas ananos, nin satélites. Inclúen:
    • Asteroides: corpos rochosos menores, de forma irregular. A maioría atópase no cinto de asteroides, entre Marte e Xúpiter. Outros importantes son os troianos, situados na órbita de Xúpiter, e os centauros, na órbita de Saturno.
    • Cometas: pequenos corpos celestes que orbitan máis alá de Neptuno, no cinto de Kuiper. Están constituídos por xeo e partículas de po; son "bólas de neve sucia".

Descargar

PDF Word HTML