Literatura Galega nos Séculos Escuros: Prosa e Poesía Popular

Outras linguas estranxeiras3,57 KB

Literatura Galega nos Séculos Escuros

Moitas manifestacións da prosa popular que hoxe conservamos tiveron a súa orixe nos séculos XVI e XVII. Desa época serán moitos contos, lendas, refráns e adiviñas. Así, hai coleccións desta época que recollen refráns en lingua galega, como a publicada en Salamanca no ano 1555 por Hernán Núñez, o famoso “Comentador grego”. A produción literaria desta época é fragmentaria (non circulou en libro, senón manuscrita ou en folleto), está escrita en verso -con poucas excepcións en prosa-, adoita ser efémera e de circunstancias, e é maiormente anónima.

Poesía de Carácter Culto

A produción lírica agrúpase en dous apartados: poesía de carácter culto e poesía de carácter popular.

Coñécense poucos autores, todos son figuras da nobreza galega, do mundo eclesiástico máis culto e da administración, en especial do apartado do poder real en Galicia. Os textos conservados son de tipo ocasional e imitan os modelos da poesía en castelán, renacentista ou barroca. Un fermoso exemplo: “Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués” (c. 1594). Da influencia renacentista participa o anónimo “Soneto de Monterrei” e da barroca outros dous sonetos incluídos no libro Relación de las exequias de la Reina Doña Margarita de Austria (1612): Soneto con falada de Gomez Tonel e Respice Finem de Vázquez de Neira (tratan os tópicos da fugacidade da vida e da morte como igualadora de todas as clases sociais.

Cultas, pero de carácter máis popular, son a composición dedicada a Filipe de Borgoña con ocasión da súa chegada en 1506 á Coruña coa súa muller, Xoana a Louca, convertida na raíña de Castela, e as “Décimas do Apóstolo Santiago” (1617) do crego Martín Torrado con ocasión da polémica xurdida co intento de proclamar a santa Tareixa de Ávila como patroa de España ao lado de Santiago, a quen o autor defende con paixón e ironía. Aínda que non ten gran valor literario son interesantes para o estudo do galego da época os “Nove romances” conservados das Festas Minervais, celebradas en 1679, nas que participan tamén poetas de orixe foránea. Algúns destes romances son reveladores do estado de prostración da lingua: “Na nosa lingua esquecida/ namais que por ser galega”. Xa no inicio do século seguinte, o ourensán Xosé Noguerol e Camba publica os seus “Versos gallegos a Nuestra Señora de Reza” (1708).

Poesía de Carácter Popular

Sobreviviu transmitida oralmente de xeración en xeración. Os seus textos chegaron a nós a través de varias fontes: os escritores casteláns do Século de Ouro, os ilustrados do século XVIII, os eruditos do XIX e os investigadores actuais. Distinguense os seguintes temas:

  • O do mariscal (sobre Pedro Pardo de Cela que, tras opoñerse á política dos Reis Católicos, foi decapitado en Mondoñedo no ano 1483).
  • O histórico ou de circunstancias (o saqueo de Cangas polos turcos, en 1617).
  • O tradicional (maias, entroidos, cantigas de traballo, de berce, de romaría e de cego).

As Panxoliñas de Nadal

Desde os séculos escuros ata ben entrado o XIX, na corte e nas igrexas de toda a Península e incluso nas igrexas de América era tradicional cantar por Nadal e Reis panxoliñas en galego. Estas composicións presentan na súa maioría unha galeguización da escena do nacemento de Cristo, baseándose en certos paralelismos léxicos como Galicia/Galilea, galego/galileo, e identificando a pobreza en que naceu Xesús coa pobreza en que vivían os galegos.

Descargar

PDF Word HTML