Literatura Galega na Posguerra: Reconstrución e Xeracións
A Reconstrución Literaria na Posguerra Galega
A reconstrución do discurso literario na posguerra comeza coa publicación en 1947 de “Cómaros Verdes” de Aquilino Iglesia Alvariño. A finais dos 40 empezan a aparecer revistas literarias bilingües, como Alba e Mensajes de Poesía. Destes anos son tamén as primeiras iniciativas editoriais interesadas na recuperación do galego, como Benito Soto, Bibliófilos Galegos e Monterrey. A publicación dun suplemento semanal adicado á cultura no diario “La Noche” convértese nunha plataforma desde a que poden darse a coñecer os escritores galegos.
O fito decisivo na recuperación da nosa cultura constitúeo a creación da Editorial Galaxia, que se estrea con “Antífona de Cantiga” de Ramón Cabanillas en 1951.
O longo silencio de posguerra propiciou a coincidencia de tres xeracións distintas: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais.
A Xeración do 36
A Xeración do 36 está constituída por un grupo de escritoras/es nados entre 1910 e 1920, educados no galeguismo de posguerra e coñecedoras/es da literatura das vangardas.
Tendencias na Xeración do 36
Distinguiremos varias tendencias nesta xeración:
- Por unha banda, a continuación de certos ismos vangardistas, como o imaxinismo, baseado na imaxe e na personificación, cunha temática centrada na natureza, que se describe de modo abstracto. Percíbese en Aquilino Iglesia Alvariño.
- Continúa tamén o neotrobadorismo. Os seguidores desta escola adícanse á reconstrución da estrutura das cantigas de amigo, con inclusión de poetas medievais galegos.
Álvaro Cunqueiro publica “Dona de corpo delgado” en 1950, é o primeiro libro que o autor publica en posguerra e pode considerarse unha obra de transición, xa que algúns poemas conectan cos modelos neotrobadorescos de preguerra, mentres que outros exploran a liña culturalista posterior.
“Herba aquí e acolá” publícase en 1980. Trátase dunha selección de poemas onde o eu poético dialoga cos seus mitos. Estrutúrase en dúas partes, onde na primeira recrea personaxes históricos e na segunda, figuran versos melancólicos.
O Intimismo de María Mariño
No intimismo, María Mariño é a principal representante dunha poesía intimista, en relación coa natureza e salientando as pegadas do paso do tempo e a premonición da morte. Destaca “Verba que comenza”.
O Ruralismo Paisaxístico
O ruralismo paisaxístico evoca a Galiza interior e campesiña da man de Aquilino Iglesia Alvariño, con “Cómaros verdes” e Xosé María Díaz Castro co poemario “Nimbos” onde destaca o poema Penélope.
O Socialrealismo de Celso Emilio Ferreiro
O socialrealismo, consolidado por Celso Emilio Ferreiro, é o máximo representante da poesía social, cultivando asemade unha liña intimista e satírica.
Na actividade de posguerra desenvolve unha intensa actividade política a prol do nacionalismo. Foi denunciado, detido e encarcerado no mosteiro de Celanova, onde escribe parte do poemario de “Longa noite de pedra” como metáfora da opresión franquista.