Literatura Galega de Posguerra: Narrativa e Poesía

Outras linguas estranxeiras7,75 KB

A Nova Narrativa Galega

Grupo de escritores que publicaron as súas obras a finais dos anos 50 e na década dos 60. Introduciron novas temáticas e técnicas que renovaron o xénero narrativo. Eran escritores moi novos que pretendían superar os modelos literarios existentes ata ese momento.

Características da Nova Narrativa Galega

  • Presenza de personaxes anónimos e marxinais.
  • Mundo do subconsciente e da psicanálise de Freud.
  • Ambientes urbanos claustrofóbicos e sórdidos.
  • Fuxida da localización concreta.
  • Alternancia de planos temporais, con avances e retrocesos no tempo.
  • Varios narradores nun relato mesto.
  • Predominio do monólogo interior ou do fluír da conciencia.

Xosé Luís Méndez Ferrín: Obra Narrativa

Inclúe contos e novelas. As primeiras encádranse na Nova Narrativa Galega (NNG), apreciándose a influencia europea e americana. Hai tres eixes temáticos:

  • Temática fantástica, baseada na Bretaña e nas lendas artúricas.
  • Exploración do absurdo da existencia humana.
  • O mundo mítico creado por el mesmo, Tagen Ata, unha metáfora de Galicia.

Carlos Casares

Obra narrativa: Autor de contos e novelas, as dúas primeiras dentro da NNG. As tres primeiras obras teñen un carácter autobiográfico. As restantes obras ambiéntanse nun pasado histórico entre os séculos X e XX. A derradeira novela é unha historia de amor e morte na que Helena, tras o suicidio de Carlos, rememora os veráns compartidos na nenez (O Sol do verán).

Escribiu literatura infantil e a peza teatral As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

Poesía de Posguerra

1950 é a data clave, creouse a Editorial Galaxia, que iniciou a recuperación cultural galega. Ao longo da década diversos autores publicaron os seus poemarios e comezou a recuperación da nosa poesía. Nos anos 60 e 70 sumáronse máis autores, consolidando o xénero poético.

Xeración do 36

Escritores nacidos entre 1910 e 1920. Moitos xa publicaran antes da guerra.

Celso Emilio Ferreiro

É o poeta máis destacado da súa xeración, recuperou en Galicia a poesía social. Na súa obra poética diferéncianse tres liñas temáticas:

  • Poesía social de carácter reivindicativo, que denuncia as inxustizas sociais.
  • Poesía intimista, que expresa o seu desacougo existencial.
  • Poesía satírica, que critica a mesquindade humana.

Presenza de metáforas e imaxes simbólicas en dúas series opostas:

  • Elementos positivos: termos referidos á claridade e á altura.
  • Elementos negativos: escuridade, espazos pechados e profundos, e a pedra.

O soño sulagado, con poesía intimista e social de carácter reivindicativo.

Longa noite de pedra, que supuxo a consagración do autor como poeta social. Tivo un grande éxito, pois converteuse na bandeira da loita contra a ditadura. Predominan os poemas de denuncia e crítica social, pero tamén os de temática intimista.

Viaxe ao país dos ananos e Cantigas de escarnio e maldicir, que mostran a poesía satírica do autor. Escritos logo da negativa experiencia da emigración en Venezuela.

Promoción de Enlace

Xeración formada polos poetas que naceron na década de 1920-1930. Serven de ponte entre a Xeración do 36 e a Xeración das Festas Minervais. Non é unha xeración homoxénea, máis ben unha suma de individualidades unidas polas duras circunstancias da España dos anos corenta.

Xeración das Festas Minervais

Irromperon na década dos 50 e protagonizaron unha renovación formal e temática.

Nacidos nos anos 30 e 40, conforman a primeira xeración da posguerra da literatura galega. Coñeceron o clima opresivo posterior á guerra e descoñeceron a actividade galeguista e literaria da república. Non tiñan fácil contacto coas correntes europeas pola censura do franquismo. Redescubriron Galicia polo contacto na Compostela universitaria con figuras como Otero Pedrayo, Maside ou Ramón Piñeiro e con núcleos exiliados en América.

Son autores monolingües en galego e mantiveron un activo compromiso político no momento en que xurdiron as primeiras forzas galeguistas. Rescataron e actualizaron o pensamento de Castelao onde o marxismo se expande en oposición ao franquismo.

Dous grupos de autores con traxectorias culturais e biográficas diferentes:

  • O grupo compostelán: Xohana Torres, Arcadio López Casanova, García Bodaño (no teatro) e Veiras (no ensaio).
  • O grupo Brais Pinto: formado en Madrid por mozos emigrantes e universitarios, que presentaron unha maior radicalidade artística e ideolóxica. Asumiron un compromiso nacionalista de esquerdas. Destacan Xosé Luís Méndez Ferrín e Bernardino Graña.

Uxío Novoneyra

  • Entrou en contacto con Brais Pinto desde novo. A súa poesía paisaxística destaca en obras como Os Eidos.
  • Presenta a paisaxe do Courel, unha natureza grandiosa ante a que o home queda anulado. Herdaba a tradición paisaxística anterior e achega unha perspectiva existencial da comuñón coa natureza na súa inmensidade.
  • Poesía social e política, como en Do Courel a Compostela. Destaca o poema “Letanía de Galicia”.
  • Importancia dos efectos fónicos: aliteración, fonosimbolismo, brevidade e condensación dos versos. A súa poesía presenta multiplicidade e complexidade de contidos.
  • A partir dos anos 60, experimentou coa tipografía, o poema caligráfico, etc.

Manuel María

  • Obra moi extensa a nivel formal e temático.
  • Comezou desde presupostos intimistas e existencialistas, como en Muiñeiro de Brétemas.
  • Descritivismo paisaxístico (Terra Chá) e intimismo amoroso (Confesional).
  • Motivos recorrentes: defensa de Galiza, da súa lingua, das clases populares; protesta contra as inxustizas e contra o imperialismo; e proclamación da forza da amizade.

Antón Avilés de Taramancos

  • Regresou de Colombia nos anos 50 sendo moi pouco coñecido.
  • Publicou O tempo no espello e comezou a influír nas novas promocións poéticas.
  • Na súa obra comeza coa tensión creada polo sentimento e a saudade da patria.
  • A súa poesía ten un transfondo autobiográfico e unha alta concentración lírica con resonancias hímnicas, como en As torres no ar.
  • O seu último libro, Última fuxida a Harar, presenta un ton elexíaco e testamentario.

Xosé Luís Méndez Ferrín: Obra Poética

  • Autor clave na evolución da poesía galega contemporánea.
  • Poesía da Escola da Tebra (Voce da néboa), de carácter existencialista.
  • Antoloxía popular, publicado co pseudónimo Heriberto Bens. É un poemario de vocación sociopolítica en clave independentista.
  • Con pólvora e magnolias, que supuxo un revulsivo na poesía galega. Non abandona a temática político-social, pero introduce elementos estéticos e formais moi innovadores. Con abundantes referencias culturais, presenta unha innovadora e peculiar disposición dos versos e un novo enfoque dos temas. O libro artéllase combinando as proclamas políticas nacionalistas e revolucionarias (a pólvora) e a introspección íntima (as magnolias). Presenta unha visión da vida e do tempo como un río que flúe eternamente.
  • Estirpe, que puxo fin a un prolongado silencio poético. Procura as raíces do noso pasado prehistórico. Inclúe poemas dedicados a vellos navegantes, labregos, vítimas da guerra e a figuras como Prisciliano ou Fidel Castro.

Descargar

PDF Word HTML