Literatura galega de posguerra: Autores e obras
Literatura galega de posguerra
Os anos que seguiron á Guerra Civil impuxeron un silencio obrigado na literatura galega. Entre 1936 e 1950 estendeuse un espazo ermo no que se refire á narrativa, que afectou tamén aos outros xéneros literarios. A primeira novela de posguerra, A xente da barreira, de Ricardo Carvalho Calero, apareceu en 1950. Nesta mesma data tivo lugar un importante acontecemento que se pode considerar como un dos feitos máis salientables da literatura galega de posguerra: a fundación da Editorial Galaxia. O obxectivo era servir de transmisores dos ideais galeguistas. O proxecto Galaxia era a vertente práctica da estratexia culturalista predominante nos anos 50. Pretendía normalizar a cultura galega. Na narrativa de posguerra non podemos falar de tendencias, senón de autores con características individuais.
Eduardo Blanco-Amor (1897-1979)
Toda a obra prosística de posguerra de Blanco-Amor supón unha panorámica histórica e social de Galicia e presenta unha serie de puntos comúns, ao estar centrada nun único espazo literario (Auria), un tempo maioritario, unha sociedade (de provincias) e un punto de vista predominante (primeira persoa). Os personaxes pertencen ás capas populares da sociedade e os espazos son resoltamente sórdidos ou sombríos. O estilo do escritor é directo e natural. A súa obra máis celebrada é A esmorga. Os biosbardos son relatos curtos que teñen como protagonistas a nenos que sofren. Xente ao lonxe ten unha estrutura moi complexa, usa a técnica cinematográfica e céntrase nunha familia de activistas obreiros.
Álvaro Cunqueiro (1911-1981)
Na obra de Álvaro Cunqueiro pódense observar dúas liñas claramente diferenciadas. Dunha banda, estarían unha serie de libros que retratan tipos extraídos do mundo popular galego, como Escola de menciñeiros, con breves relatos cheos de realismo, fantasía e humor, onde coexisten con naturalidade elementos contraditorios como o racionalismo e a maxia ou a espiritualidade e o escepticismo. Outra das súas obras maiores é As crónicas do sochantre. Esta novela integra os diversos xéneros literarios e as distintas modalidades novelescas. Na súa narrativa, Cunqueiro crea un mundo máxico e preciosista, onde se mesturan os mitos clásicos. Tamén é destacable o sentido do humor. Para o escritor, os mitos e soños constitúen unha auténtica realidade, por iso a súa narrativa é un testemuño do invisible.
Ánxel Fole (1903-1986)
A obra de Ánxel Fole caracterízase pola vontade de reelaborar os contos propios da tradición oral e popular. A dimensión misteriosa e máxica da nosa cultura é o tema dos seus relatos. Destaca A lus do candil.
Xosé Neira Vilas (1928-2015)
A pesar de iniciar o seu labor creativo nunha etapa marcada pola Nova Narrativa Galega, Xosé Neira Vilas inscríbese na tradición da liña realista. A súa novela máis coñecida e exitosa é Memorias dun neno labrego, que, ao igual que Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho, caracterízase por ter un rapaz como protagonista. Esta obra relata o mundo da posguerra na aldea, coa miseria económica e a represión como principais protagonistas. Aparece tamén o mundo da emigración.