Literatura Galega: Narrativa, Ensaio e Xornalismo (1900-1936)
A Prosa Galega no Primeiro Terzo do Século XX
Irmandades da Fala e Grupo Nós
O primeiro terzo do século XX foi unha etapa positiva para a literatura galega. Intelectuais como Pedrayo, Risco, Cuevillas, Castelao e Dieste, entre outros, incorporaron a lingua galega aos xéneros narrativos: novela, relato, ensaio e teatro (a lírica fora ata entón o xénero máis empregado). Grazas aos autores que participaron activamente nas Irmandades, a cultura galega acadou unha altura intelectual impensable ata daquela.
A Narrativa na Época das Irmandades
As Irmandades da Fala xurdiron na Coruña en 1916. Os autores, para espallar as ideas do movemento nacionalista e para asentar unha narrativa en galego que contribuíse á normalización da cultura, servíronse de canles de difusión como o xornal A Nosa Terra ou coleccións como Lar ou Céltiga. Cultivouse o relato, a novela curta e a prosa didáctica. Aínda que a consolidación da narrativa lle correspondería aos intelectuais do Grupo Nós.
Exemplos de Narrativa Inicial
- A narrativa de principios de século inclúe a Lesta Meis, autor dunha novela sobre o tema da emigración en Cuba.
- Francisca Herrera con Néveda, de corte folletinesco.
O Grupo Nós: Narrativa e Ensaio
Intelectuais vinculados á Revista Nós (1920-1936), proxecto cultural que tivo unha gran forza aglutinadora, conseguindo que personalidades tan dispares como Risco, Pedrayo e Cuevillas, por un lado, e Castelao, por outro, tivesen unhas mesmas inquietudes culturais e políticas. Os membros do Grupo Nós tiveron unha formación literaria baseada nas correntes estéticas de finais do século XIX. Evolucionaron desde un esteticismo evasivo, neorromántico e cosmopolita ata un galeguismo universal. Todos eles participaron nas Irmandades, no Seminario de Estudos Galegos e na creación do Partido Galeguista. Ademais, foron impulsores do nacionalismo e do Estatuto de Autonomía de 1936.
Vicente Risco (1884-1963)
Foi o ideólogo e impulsor da Xeración Nós e un dos intelectuais máis sobranceiros da primeira metade do século XX. En 1917 fundou a revista literaria La Centuria, mais un ano máis tarde ingresou nas Irmandades, xunto con Pedrayo, e asumiu a ideoloxía nacionalista.
En 1920, fundou con Castelao a Revista Nós, da que sería director. Na Segunda República fundou con Otero o Partido Nazonalista Republicano, que se fundiría despois co Partido Galeguista. Despois da guerra, Risco abandonou o galeguismo e renunciou ao emprego da nosa lingua. A obra narrativa de Risco ten que ver co seu pensamento filosófico e amosa unha intención didáctica. Escribiu o ensaio Nós, os inadaptados, no que definiu o pensamento e a formación cultural do seu grupo xeracional e a súa chegada ao galeguismo. En Teoría do Nacionalismo Galego explica cales son, segundo el, as bases do nacionalismo. A súa produción narrativa vencéllase coa súa obra ensaística e supón unha ruptura coa narrativa galega de tipo costumista. Os escritores do Grupo Nós sentíronse especialmente atraídos polo tema de ultratumba que Risco trata na súa primeira obra, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros. Con todo, o cume da súa narrativa é a novela O porco de pé, na que un comerciante de orixe castelá chega a ser alcalde dunha cidade galega. Con humor crítico, narra o ascenso social de don Celidonio, ao que describe con trazos porcinos. Con este personaxe, materialista e inculto, Risco elabora a caricatura da burguesía, clase emerxente na Galiza de principios de século.
Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)
Pertencía a unha familia liberal e culta. Foi veciño e amigo de Risco e Cuevillas. Os tres, afastados de toda preocupación social, formaron o grupo dos inadaptados e comezaron as súas actividades culturais no Ateneo de Ourense. Coma Risco, ingresou nas Irmandades en 1918 e a súa ideoloxía deu unha viraxe cara a un nacionalismo tradicionalista (terra, raza, catolicismo e tradición) que determinaría o seu labor xornalístico e literario en galego de modo ininterrompido, cando menos ata 1936. Se Risco foi o líder nacionalista na década dos 20, sería Otero quen tomase o seu relevo nos anos 30. Foi deputado polo Partido Nacionalista Republicano, partido que se integraría despois no Partido Galeguista (PG), e do que Otero formaría parte xunto con Risco, Castelao e Bóveda. Tras a guerra foi desposuído da súa cátedra, que recuperaría anos despois. Durante o franquismo, Otero proseguiu o seu labor xornalístico e cultural, constituíndo ata a súa morte un símbolo da resistencia cultural galega. En 1950 foi un dos impulsores do proxecto Galaxia.