Literatura Galega no Exilio: Poesía, Narrativa, Teatro e Ensaio
A Poesía Galega no Exilio
A poesía galega no exilio reflicte a traxedia da Guerra Civil e as súas consecuencias, abordando temas como a saudade, a ausencia da terra e a denuncia social.
Emilio Pita (1909-1981)
Colaborador de prensa, organizador de conferencias e diversas actividades literarias. A súa primeira publicación no exilio foi o poemario Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao, un libro que pon de relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia. Máis tarde publicaríanse Cantigas de nenos (1944) e O ronsel verdegal (1964). Pode considerarse un antecedente da poesía comprometida.
Luís Seoane (Bos Aires 1910-A Coruña 1979)
Pintor, gravador, ilustrador, muralista, ensaísta, escritor, xornalista e avogado. Seoane estivo exiliado en Bos Aires desde 1937, sendo fillo de emigrantes. En 1963 volve a Galicia e crea con Isaac Díaz Pardo o Museo Carlos Maside e a fábrica de Sargadelos. Estudou Dereito e desenvolveu un importante labor xornalístico, editorial, literario e plástico. A súa é unha poesía de denuncia social, presentando como temas principais a emigración e o exilio. Destacan:
- Fardel de exiliado (1952): obra de realismo social centrada na emigración.
Lorenzo Varela (1917-1978)
Ao rematar a Guerra Civil, exiliouse en México. Marchou máis tarde para Bos Aires, onde iniciaría a súa produción poética galega. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados, de temática mítico-histórica. En 1954 sae do prelo Lonxe, a súa mellor obra. Trátase dun libro dominado pola angustia do desterro, no que fala da saudade e da ausencia da terra por mor do exilio.
A Narrativa Galega no Exilio
A narrativa do exilio céntrase na Guerra Civil de 1936 e nas consecuencias que provoca o desterro, cun claro afán de denuncia social.
Ramón de Valenzuela Otero (1912-1980)
Despois da guerra, exiliouse en Bos Aires, onde colaborou en Galicia Emigrante con relatos breves que máis tarde reuniría no libro O naranxo (1974). Nas novelas Non agardei por ninguén (1957), centrada na loita guerrilleira nos montes galegos e protagonizada por un fidalgo galeguista republicano, e Era tempo de apandar (1980), a acción desenvólvese en tempos da Guerra Civil e constitúen un documento narrativo fundamental sobre esa época.
Eduardo Blanco Amor (1897-1979)
A obra poética de Blanco Amor ten un influxo vangardista na preguerra, destacando Romances galegas (1928) e Poema en catro tempos (1931). Tamén destaca pola súa obra narrativa e teatral. Entre Galicia e Madrid, viviu a plenitude do galeguismo e da República. A Guerra Civil cólleo en Bos Aires. En narrativa en galego, as súas obras máis coñecidas son:
- A esmorga (1959): ambientada en Ourense, nela Cibrán declara ante un xuíz, detido pola morte de dous compañeiros, o Bocas e o Milhomes, nunha fin de semana de esmorga.
- Os biosbardos (1962): colección de sete contos onde se fala da infancia e da adolescencia.
- Xente ao lonxe (1972): cóntase a historia dunha familia obreira de esquerdas, da que é protagonista Suso.
Tamén escribiu en castelán La catedral y el niño e Los miedos. Blanco Amor destaca por ter unha forma de narrar peculiar: cinematográfica.
O Teatro Galego no Exilio
Do mesmo xeito ca narrativa, o teatro tivo grandes problemas para manter a súa actividade durante a ditadura, de xeito que nos primeiros anos se trasladou ao exilio americano. Alí destacamos a prestixiosa compañía teatral fundada por Varela Buxán, que estreou a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, alternando a súa representación —cada dez días— con outra obra do propio Buxán: Taberna sen dono. O seu teatro é popular, de liña cómica e sentimental, sen esquecer o problema social de Galicia.
Ánxel Fole (1903-1986)
Autor de Pauto do demo, comedia na que unha meiga, antes de morrer, pretende traspasarlle o seu espírito e poderes a unha moza, feito que impide o namorado da rapaza.
Eduardo Blanco Amor (1897-1979)
Ademais de crear a compañía Teatro Popular Galego, escribiu varias pezas breves publicadas en dous volumes (Farsas para títeres e Teatro para a xente) e a peza Proceso en Jacobusland, que denuncia a inxustiza da represión franquista.
O Ensaio Galego no Exilio
Os ensaístas do exilio continúan o labor iniciado polo Grupo Nós, coas mesmas inquedanzas e os mesmos obxectivos, aínda que seguen unha liña política máis radical e con tendencia marxista. De aí que un dos temas esenciais sexa o nacionalismo galego, alentado por Castelao.