Literatura Galega: Do Exilio á Nova Narrativa

Lingua e literatura7,71 KB

A Literatura Galega no Exilio e a Posguerra

1. A emigración e o contexto histórico

Para responder a esta pregunta é necesario remontarse até a Galicia do século XIX: unha Galicia sen industria, cun grave atraso económico que impedía o desenvolvemento e o progreso social, labregos desposuídos das súas terras e estruturas caciquís. Cunha situación como a mencionada, non é de estrañar que arredor de 900.000 galegos decidisen emigrar en busca dun futuro máis prometedor. Esta situación, lonxe de mellorar, agravouse coa Guerra Civil e coa dura posguerra que a seguiu. A existencia dunha gran comunidade de galegos en Latinoamérica (principal foco receptor de emigrantes no século XIX) posibilitou a creación de organizacións e asociacións moi poderosas nos planos económico e social. Buenos Aires, que foi o principal centro de chegada de emigrantes, tiña daquela unha intensa vida cultural; feito este que posibilitou a publicación de obras dos principais autores galegos e o seu desenvolvemento cultural e político no exilio.

2. A produción literaria no exilio

A Guerra Civil provocou que a produción literaria en galego practicamente desaparecese durante máis dunha década. Será no exilio, e moi especialmente en Buenos Aires, onde, a pesar das dificultades, se continúe coa actividade cultural. Alí editáronse libros en galego que sería imposible publicar en Galicia, como Sempre en Galiza ou A esmorga. Tamén no exilio se organizan eventos como a «Mostra dos libros galegos» de Buenos Aires (1948), e créanse varias compañías teatrais. Poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita escriben poesía crítica e comprometida socialmente. No interior de Galicia comeza unha lenta recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes. En 1949 aparece en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro, e no ano seguinte créase a Editorial Galaxia, que servirá de referente para novas editoras en galego.

3. Poesía de Seoane fronte aos vangardistas

A principal diferenza entre a poesía de Seoane e a dos vangardistas radica na importancia que o primeiro lle concede á temática. A de Seoane é unha poesía de denuncia social (temas como a emigración, o exilio ou o desposuimento de terras son recorrentes na súa poética). Ao contrario que os vangardistas, Seoane concede pouca importancia ao aspecto formal ou estético das súas composicións. Nas súas palabras: «un poema non pode ser só un prisma de cores, (...) un poema foi sempre un testemuño do home e da súa época».

Manuel Antonio racha co pasado, crea unha anovadora estética e concédelle unha importancia excepcional á forma; todo o contrario que Seoane. Cunqueiro tamén presta maior atención á forma en comparación con Seoane, e a súa temática xira máis arredor do fantástico que sobre os problemas e as preocupacións do seu tempo. Con respecto a Seoane, as obras de Manuel Antonio e Cunqueiro reflicten moitos máis aspectos do seu mundo interior.

4. A narrativa de Blanco Amor

A obra narrativa de Blanco Amor merece unha especial valoración porque achegou á literatura galega novos temas e formas de narrar. A técnica da multiplicación das perspectivas, dotando a cada un dos seus personaxes dunha distinta, é un feito revolucionario no panorama literario galego. Esta técnica, xunto coa inclusión dun interlocutor implícito ou as montaxes en secuencias fragmentadas imitando as composicións cinematográficas, son os conceptos básicos que conseguiron introducir a Blanco Amor no canon literario galego.

5. O papel das revistas culturais

As revistas e publicacións periódicas constituían un medio de comunicación eficaz entre os autores exiliados, os emigrantes e os lectores. Deste xeito, a finalidade das publicacións periódicas e das revistas, así como doutras actividades promovidas polos exiliados, era manter viva a cultura galega a través da defensa do idioma, da propia identidade cultural e da acción política nacionalista.

Cunqueiro e a Nova Narrativa Galega

1. Realidade e fantasía en Cunqueiro

Nos textos de Cunqueiro mestúranse a realidade e a fantasía dun xeito orixinal, dado que presentan feitos e personaxes fantásticos que coexisten con feitos e personaxes que poderían existir na vida cotiá. A aparencia de realidade aséntase no emprego das técnicas da narración realista, nos recursos propios da tradición oral popular e mais nos ambientes familiares en que se desenvolve a acción. Ademais, os principios literarios de Cunqueiro son a claridade e a sinxeleza, o uso de novas perspectivas e o predominio dos elementos fantásticos.

2. A figura de Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro pode considerarse unha das figuras máis importantes da literatura galega do século XX, xa que posúe unha obra que abrangue todos os xéneros: a poesía, a prosa (novela ou narrativa longa e relatos curtos) ou o drama, xunto coa súa faceta como xornalista (é un dos escasísimos exemplos de escritor profesional na literatura galega moderna), como gastrónomo (con libros de cociña) ou como tradutor. Cómpre sinalar que as súas obras en galego contan con múltiples traducións a outras linguas e que actualmente seguen a publicarse textos inéditos de Cunqueiro, como os doce poemas publicados en 2012 na revista Grial, no número 192, dentro do artigo «Os poemas esquecidos de Álvaro Cunqueiro anteriores a 1933» ou a antoloxía De santos y milagros (2012).

3. A Nova Narrativa Galega

Na etapa que vai dende o inicio da década dos sesenta até 1975, ano da morte de Franco, a narrativa galega coñeceu un significativo desenvolvemento. A corrente realista e o experimentalismo da Nova Narrativa Galega son os elementos máis destacados desta etapa. A novidade da Nova Narrativa Galega aséntase en que foi un movemento renovador da narrativa en lingua galega caracterizado por:

  • Estar protagonizado por autoras e autores novos con formación universitaria.
  • Rachar coas formas de narrar tradicionais.
  • Optar por múltiples formas narrativas.
  • Desbotar o ruralismo e o enxebrismo ao empregar espazos urbanos.
  • Procurar a universalidade dos textos.

O nome de Nova Narrativa Galega vén do «Nouveau Roman», movemento literario francés dos anos 1950-1970. Os seus cultivadores recibiron influencias, entre outros, de J. Joyce (o monólogo interior), de W. Faulkner (a destrución da lóxica temporal) ou de F. Kafka (o absurdo).

4. A obra narrativa de Ánxel Fole

Na obra narrativa de Ánxel Fole destacan catro volumes de contos repartidos en dúas etapas:

  • Primeira etapa: Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955), que reflicten o contorno rural do Courel e do Incio.
  • Segunda etapa: Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981), que transcorren no ambiente urbano da cidade de Lugo.

5. Xosé Luís Méndez Ferrín

Xosé Luís Méndez Ferrín é un autor con moita obra publicada e que cultiva gran variedade de xéneros. O transfondo político e social percorre a súa actividade literaria, na que se mestura a fantasía coa realidade até crear un universo literario propio. A súa concepción do mundo, o seu posicionamento ideolóxico e a súa militancia na esquerda nacionalista galega atravesan a súa ampla produción.

Descargar

PDF Word HTML