A Literatura Galega entre 1800 e 1833: O Prerreurdimento
A literatura galega entre 1800 e 1833
Nos primeiros anos do século houbo unha gran axitación política por mor da invasión francesa e as loitas entre absolutistas e liberais. Isto favoreceu unha literatura de carácter propagandista que, aínda que carece de valor literario, ten importancia documental e lingüística; estes textos significaron un paso na revalorización do galego. Neste período destacan autores como Antonio Benito Fandiño, Nicomedes Pastor Díaz e as panxoliñas de Nadal formadas por diversos autores.
Escritos propagandísticos
Entre 1808 e 1810 aparecen textos de propaganda antifrancesa para poñer o pobo en contra da invasión napoleónica. Estes textos estaban escritos en galego para que tivesen unha mellor comprensión e máis emotividade. Xosé Fernández de Neira narra en diálogo diferentes accións bélicas nas que participou.
O liberalismo minoritario en Galicia deu orixe a algúns escritos de propaganda ideolóxica para difundir ideas e combater a ignorancia. Manuel Pardo de Andrade, un clérigo liberal, critica o absolutismo e denuncia o poder da Igrexa.
Gozaron de sona os escritos satíricos de carácter popular en forma de diálogo ou parladoiro. Os interlocutores eran personaxes populares que opinaban sobre a política e a situación social do momento, a favor do bando liberal.
Os primeiros textos de valor literario
- Nicomedes Pastor Díaz (1811-1863): foi o primeiro escritor en utilizar o galego na poesía moderna con finalidade estética. As súas obras coñecidas son "Alborada" e "Égloga de Belmiro e Benigno", nas que combina literatura neoclásica, temas do Romanticismo e aspectos da lírica galega.
- Antonio Benito Fandiño (1779-1831): a súa obra máis importante foi a peza teatral “A casamenteira”, escrita no cárcere de Santiago. Desenvólvese nun ambiente rural e trata o tema dos matrimonios amañados.
- As panxoliñas de Nadal interpretáronse en galego en diferentes catedrais de España e Portugal. A mediados do XIX, poetas como Alberto Camino e Vicente Turnes escribiron composicións con espírito galeguista para representar Santiago.
As panxoliñas da catedral de Mondoñedo presentan unha maior riqueza léxica. Os seus autores máis destacados foron Antonio María de Castro e Neira, Luis Corral Rodríguez e Xacinto Romualdo López.