Literatura Galega e Contexto Histórico (Séculos XV-XVIII)
Literatura Popularizante Galega
Contamos cunha serie de textos que, sendo de autor, teñen unha vocación popular. Algúns exemplos:
O Pranto da Frouseira
Anónimo. Romance referido á figura do Mariscal Pardo de Cela, composto no século XVI, que trata de enxalzar momentos heroicos da nosa historia medieval.
Os Vilancicos
No ámbito eclesiástico, debemos darlle especial relevancia á moda dos séculos XVII e XVIII que se produciu nas catedrais galegas, e que se exportou a outras da península e dos territorios conquistados de América. Consistía na recreación á galega do nacemento de Xesús (Galicia identifícase con Galilea; pastores, pobres galegos; o son da gaita no pesebre etc.). Son autoría dos Mestres de Capela das catedrais de Mondoñedo, Tui, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Sevilla, Lisboa..., a partir de recreacións de temas musicais populares.
O Século XV e a Idade Moderna en Galicia
O século XV marca o inicio da Idade Moderna en Europa. En 1492 prodúcese a Conquista de América por parte do Reino de Castela; Portugal realiza en paralelo unha etapa expansiva cara ás Indias (rutas alternativas por África). Cae o último territorio baixo dominio árabe da península (Granada).
Cambios xeopolíticos e culturais
- O eixo horizontal do Camiño de Santiago no Norte perde forza fronte ao eixo vertical do poder centrado en Toledo.
Acontecementos relevantes no Reino de Galicia
No territorio do Reino de Galicia, temos que describir acontecementos moi relevantes que marcaron o devir da súa situación lingüística e literaria:
- Isabel de Castela xa realiza unha substitución de nobres casteláns e frades foráneos, pola deslealdade da nobreza galega que non a apoiara como sucesora. Galicia arrédase do espazo nuclear que ocupara no cultural, no relixioso e no político durante a Idade Media.
- Prodúcese, por tanto, unha castelanización ou desgaleguización das clases altas (o 90% é labrega, galegofalante), e iníciase un proceso de diglosia, que vincula prestixio e formalidade co uso do castelán e do latín, fronte ao galego considerado lingua B, das clases baixas.
- Malia isto, segue existindo unha nobreza galega, con acceso aos espazos de literatura escrita, que aposta pola utilización da lingua galega nas novas correntes literarias.
- O galego e o portugués sepáranse nesta etapa en termos administrativos. Portugal desenvolve unha entidade política propia, cun espallamento progresivo da lingua nos novos territorios conquistados, e vai fixando a súa propia norma. O galego, ao non dispoñer agora de institucións que o asuman como idioma de seu, perde parte da súa fortaleza.