Lírica Medieval Galego-Portuguesa: Xéneros e Temas
Cantiga de Amor
Contido
O suxeito lírico é un cabaleiro que se presenta como vasalo da súa amada. O seu amor non é correspondido e a coita é unha constante neste tipo de poesía. A dama aparece idealizada. A dama manifesta diferentes actitudes respecto do poeta, que poden ir desde a indiferenza, pasando polo desdén, ata mostrar unha actitude vingativa. A consecuencia do comportamento da dama é a coita do namorado, que dá lugar a distintos tópicos que van desde o desacougo e a desorientación ou a perda do sono, pasando polo toloear, ata chegar á morte por amor. Nalgunhas cantigas aparecen os mescradores, que serían os rivais ou difamadores.
Forma (Recursos Retóricos)
- Dobre: repetición dunha mesma palabra ou grupo de palabras en lugares simétricos dentro da mesma estrofa.
- Mordobre: variante do dobre; aquí repítese só o lexema.
- Cobras capfinidas: cada estrofa comeza coa última palabra ou palabras da anterior.
- Cobras capcaudadas: a rima do último verso dunha cobra repítese no primeiro da seguinte.
- Cobras capdenais: repetición dunha ou varias palabras do mesmo verso de estrofas sucesivas.
- Cobras retrogradadas: a segunda cobra repite en orde inversa a distribución de rimas da primeira.
Cantiga de Escarnio
É un xénero satírico que presenta un importantísimo valor sociolóxico, pois atopamos representadas nelas de xeito realista personaxes de todos os estamentos. Posúen características formais semellantes ás cantigas de amor.
Clasificación Temática
- Sátira política: satirizan determinados feitos históricos, como a traizón entre Sancho II e o Conde de Boloña polo trono portugués.
- Sátira moral: máis seria, busca a verdade e trata temas máis profundos.
- Sátira social: sátiras de asuntos variados dirixidas a personaxes concretos.
- Sátira xograresca: diríxense mutuamente trobadores e xograres, ridiculizando as escasas habilidades versificadoras ou a vida licenciosa.
- Sátira de contido sexual: sobre a vida das soldadeiras; a máis coñecida e máis satirizada foi María Pérez, a Balteira.
Xéneros Menores
- Tenzón: cantiga de carácter dialogado entre dous trobadores ou xograres que alternan as súas intervencións.
- Pranto: composición elexíaca na que o poeta canta as virtudes dun personaxe morto, que adoita ser protector do poeta.
- Cantiga de seguir: cantiga que consiste en imitar outro poema xa existente (melodía, esquema métrico).
- Pastorela: encontro entre un cabaleiro e unha pastora nun lugar idílico.
Lírica Relixiosa
O cancioneiro relixioso está constituído polas Cantigas de Santa María, un conxunto de 427 composicións en honra á Virxe. A maioría relatan milagres sucedidos coa intervención da Virxe.