A lingua galega durante a II República e a loita pola súa normalización

Lingua e literatura2,51 KB

A economía galega na II República

En 1930, Galicia chegou a 2.230.000 habitantes, a pesar da forte emigración. A economía galega é neste tempo atrasada e dependente: escasa industrialización, inmobilismo no sistema foral e precariedade nas vías de comunicación. Aínda así, na agricultura hai unha certa renovación. Na industria tamén se vai desenvolver, sobre todo pola industria conserveira, a construción naval, a minería e o turismo. Coa Guerra Civil acabouse con estes avances.

A lingua galega na II República

O 14 de abril de 1931 implántase a II República, unha etapa de profundos cambios sociais e políticos, que rematará co golpe de estado de Franco contra o goberno de Azaña. Canto á lingua, o galego continúa a ser a lingua de comunicación oral da grande maioría da poboación. A pesar disto, perde cada vez máis falantes debido ao fenómeno do desprazamento da poboación cara ás vilas e cidades. O desarraigo territorial trae o abandono lingüístico. Medra tamén a difusión de estereotipos negativos sobre o galego.

As Irmandades da Fala

Tras a fundación da 1ª Irmandade da Fala na Coruña, por Antón Villar Ponte en 1916, axiña xorden outras irmandades nas vilas e cidades da xeografía galega. Nelas agrupábanse persoeiros do xornalismo, da literatura e da política galegas desa época. O seu voceiro será o boletín A Nosa Terra. As Irmandades da Fala demandaban a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, a implantación na Universidade de Santiago dunha cátedra de Lingua e Literatura Galegas, a elaboración de dicionario e gramática, así como a fin da marxinación do galego en xeral.

Normalización da lingua galega

A actividade despregada polas Irmandades centrouse en dignificar a lingua, crear un rexistro culto do galego, ampliar o seu uso literario e dos lectores en galego, ademais de recuperar a toponimia. Tamén, creáronse editoriais para a potenciación do libro en galego, fundáronse compañías teatrais, coros... publicacións monolingües como A Nosa Terra, a revista Nós, etc. Tamén se puxeron en marcha entidades científico-culturais como o Seminario de Estudos Galegos no ámbito da universidade para o coñecemento da realidade galega en todas as súas manifestacións. O Partido Galeguista, fundado en 1931, canaliza as reivindicacións lingüísticas das Irmandades: galeguización do ensino, cooficialidade das linguas… e participa na elaboración do Estatuto de Autonomía, onde estas medidas solicitadas son incluídas.

Descargar

PDF Word HTML