Lexítimo e lego: réxime xurídico do legado no Código civil
1. Nocións xerais
Segundo o artigo 660 do Código civil, o legatario sucede a título particular, é dicir, é instituído en un ou en varios bens ou dereitos singularmente considerados.
A diferenza do herdeiro, o legatario sucede en relacións xurídicas concretas e determinadas, e non responde das débedas hereditarias.
Esta regra de irresponsabilidade do legatario ten dúas excepcións:
- Cando o testador lle impón ao legatario facer fronte a algunha carga ou gravame (legado modal).
- Cando toda a herdanza se distribúe en legados, xa que, como di o artigo 891 do Código civil, se toda a herdanza se distribuíse en legados, prorratearanse as débedas e gravames da herdanza entre os legatarios á proporción das súas cotas, a non ser que o testador dispuxese outra cousa.
2. Elementos persoais e reais
Os elementos persoais do legado son dous: por unha banda, o suxeito gravado co seu pago ou entrega; e por outra, o beneficiario da disposición, que é o legatario.
En canto ao suxeito gravado, o testador pode gravar con un legado aos herdeiros ou a varios. Se non grava a ningún en particular, quedarán obrigados todos (artigos 858 e 859 do Código civil). Tamén pode ser gravado un legatario coa entrega dun legado; nese caso falamos de sublegado.
Respecto ao beneficiario dun legado, pode ser calquera persoa con capacidade para suceder. Mesmo pode ser legatario o propio herdeiro; neste caso falamos tecnicamente de prelegado.
Polo que respecta aos elementos reais, o Código civil non define o obxecto do legado, xa que logo entendese que pode ser obxecto do legado tanto cousas materiais como dereitos.
3. Tipos de legados regulados no Código civil
O Código civil distingue, en función do seu obxecto, diversos tipos de legados:
- Legado de cousa determinada do propio testador: neste caso o legatario adquire a propiedade da cousa desde o momento da morte do testador, pero debe pedir a súa entrega ao herdeiro ou ao albacea se este estivese autorizado para entregar legados (artigos 882 e 883 do Código civil).
- Legado de cantidade: este legado obriga ao gravado a súa entrega aínda que non haxa numerario na herdanza (artigo 886 do Código civil).
- Legado de cousa allea: obriga ao suxeito gravado a adquirir a cousa do seu dono e a entregala ao legatario. Advírtase que, se tal adquisición non fose posible, cumpriríase o gravame entregando a súa xusta estimación (artigo 861 do Código civil). Cómpre sinalar que neste legado, se o testador ao legar a cousa allea sabía que era allea, o legado é válido. Non obstante, se o testador ignoraba que a cousa era allea, o legado é nulo (artigos 861 e 862 do Código civil).
- Legado de cousa xenérica: o seu réxime xurídico varía en función de que se trate dun ben mobles ou inmoble. No primeiro caso, o legado será válido aínda que non haxa cousas do seu xénero na herdanza. No segundo caso, só é válido o legado se hai esta cousa na herdanza. Advírtase que, en ambos casos, a persoa gravada co legado cumprirá entregando cousas dunha calidade media dentro do xénero sinalado.
- Legado alternativo: por exemplo, lego a Xoán as miñas accións en Telefónica ou ben as miñas accións en Inditex, correspondendo a elección ao suxeito gravado co legado (artigo 874 do Código civil).
- Legado de crédito contra terceiro, do que o testador é titular: así, por exemplo, deixo a Manuel o meu crédito contra Luís polo prezo do coche que lle vendín o pasado ano. Advírtase que, neste tipo de legado, obrígase ao herdeiro a transmitir ao legatario os títulos ou documentos en que se funda o crédito.
- Legado de perdón ou liberación, tamén chamado legado de remisión, condonación ou perdón dunha débeda: mediante este legado o testador perdoa, remite ou condona unha débeda a unha persoa. Por exemplo, o testador perdoa ao legatario un crédito que tiña contra el, producíndose a extinción inmediata desta débeda no momento da apertura da sucesión (na morte do causante). Condono a miña irmá a devolución de 300 euros que me prestou o pasado mes.
- Legado de prestacións periódicas, que consiste no pago dunha renda ou cantidade anual, mensual ou semanal que o gravado debe cumprir nos seus exactos termos, e que o legatario pode esixir desde a morte do testador e ao inicio de cada período (artigo 880 do Código civil). Por exemplo, gravo a meu fillo Xoán co pago de 500 euros mensuais a favor da súa irmá.
- Legado de educación e legado de alimentos, que durarán respectivamente ata a maioría de idade do legatario ou ata a morte, tal e como establece o artigo 879 do Código civil.
Ao lado destes legados regulados no Código civil existe unha última modalidade de legado que o Código non regula pero cita, e é o chamado legado de parte alícuota. O artigo 665 do Código civil menciona este tipo de legado, e o profesor Albaladejo considera ao legatario de parte alícuota como un verdadeiro herdeiro. Segundo a xurisprudencia consolidada, este legatario non responde como herdeiro das débedas da herdanza cos seus propios bens nin cos herdados, pero si participa na comunidade hereditaria cos coherdeiros; por iso se lle recoñece ao legatario de parte alícuota o dereito a promover a división xudicial da herdanza, tal e como establece o artigo 782, apartado 1, da LEC.
4. A adquisición do legado
Lembremos que o Código civil dedica unha regulación extensa á aceptación e repudiación da herdanza, pero omite o réxime aplicable á adquisición dos legados. Ahora ben, aparece unha norma no Código civil que si se refire a esta adquisición: o artigo 881 do Código civil, cuxo tenor literal establece que o legatario adquire o dereito aos legados puros e simples desde a morte do testador e a transmite aos seus herdeiros.
A vista deste precepto, Lacruz Berdejo entende que os legados se transfiren ipso iure desde a morte do testador, sen prexuízo de que o legatario poida repudiar o legado. Non obstante, Picazo sinala que este precepto únicamente contempla o legado puro, no que o devengo se produce coa morte do testador; pero, no caso de legado condicional, o devengo pospónse ao momento do cumprimento da condición. Polo tanto, o legatario que morre antes de que a condición se cumpra nada transmitirá aos seus propios herdeiros.
Sexa como for, aplícanse aos legados as normas xa vistas sobre aceptación e repudiación de herdanzas, coas peculiaridades que establecen os artigos 889 e 890. Segundo estes artigos, o legatario non poderá aceptar unha parte do legado e repudiar outra se esta fose onerosa; tamén se establece que o herdeiro que sexa ao mesmo tempo legatario poderá renunciar á herdanza e aceptar o legado, ou renunciar ao legado e aceptar a herdanza. Recórdese, ademais, que o legatario pode ser gravado con un legado, en cuxo caso falamos de sublegado.
5. A entrega do legado
A posición xurídica do legatario caracterízase por ostentar un dereito de crédito contra o herdeiro ou contra a persoa gravada co seu pago. O suxeito pasivo do pago é o suxeito gravado, que pode ser o herdeiro ou o legatario. Cómpre sinalar que existen algúns tipos de legados que poden pagar os testamentarios (albaceas), que son os encargados, por exemplo, do legado de cousa específica ou do legado de entrega dunha cantidade en metálico.
Advírtase que, na regulación do pago dos legados, pode darse a hipótese de que o caudal hereditario non sexa suficiente para o pago de todos os legados dispostos polo testador. Polo tanto, o Código civil establece unha orde de preferencia para o pago dos legados, que é a establecida polo artigo 837 do Código civil:
- Legados remuneratorios.
- Legados de cousa cerla ou determinada propia do testador.
- Legados que o testador declarase expresamente preferentes.
- Legado de alimentos.
- Legado de educación.
E os demais pagaranse a prorrata (proporcionalmente).
6. Responsabilidade do legatario
Recórdese que a responsabilidade do legatario é un dos aspectos que diferencian a institución de herdeiro e o legado. O legatario, como é ben sabido, non responde das débedas da herdanza por regra xeral, pero existen dúas excepcións a esta irresponsabilidade:
- Cando se lle impón ao legatario algunha carga ou obriga no chamado legado modal.
- No suposto en que toda a herdanza se distribúe en legados, suposto previsto polo artigo 891 do Código civil.
Ademais, advírtase que o lexitimario que sexa herdeiro responde polos legados só ata onde alcanzan os bens hereditarios que non lle correspondan por lexítima, de tal xeito que os legados serían ineficaces se afectasen a porción lexitimaria do herdeiro. Pola contra, tratándose dun herdeiro voluntario que acepta a herdanza pura e simplemente, responderá polos legados ilimitadamente.
7. Ineficacia do legado
A priori, cómpre sinalar que as causas xerais de invalidez do testamento afectan ao legado como parte do testamento.
Por outra banda, e con carácter xeral, o artigo 869 enumera tres casos de ineficacia do legado:
- A transformación polo testador da cousa legada de xeito que non conserva a súa forma nin a denominación que tiña.
- A enaxenación por calquera título que fai o testador con posterioridade á elaboración do testamento.
- A destrución da cousa legada sen culpa do gravado co seu pago. Neste suposto, fúndase na imposibilidade da prestación.
Aos tres supostos contemplados no artigo 869 cómpre engadir os casos previstos polo artigo 871 do Código civil, que se refire á ineficacia do legado pola reclamación xudicial polo testador dos dereitos de crédito que legara. Tamén, este artigo contempla outro caso de ineficacia do legado que é cando o testador reclama un crédito que con anterioridade condonara ao debedor. Advírtase que a enaxenación xudicial, por non ser voluntaria, deixa subsistente o legado e entón será legado de cousa allea.
8. Modo testamentario
O modo é unha carga ou gravame que se impón ben a un beneficiario dunha liberalidade (por exemplo, unha doazón), e de aí as doazóns con carga ou gravame; ou ben ao herdeiro ou legatario, que obriga á realización dunha conduta de dar, facer ou non facer.
A diferenza da condición suspensiva, o modo non suspende o devengo sucesorio (a dilación), é dicir, a herdanza ou o legado modal implican que o herdeiro ou legatario, no seu caso, adquiren inmediatamente desde a apertura da sucesión sen esperar ao cumprimento da carga imposta. Cómpre advertir que no modo se produce a transmisión aos herdeiros do gravado, é dicir, se o gravado con modo, carga ou gravame morre sen ter cumprido o modo, os seus sucesores reciben os bens que correspondían ao finado causante gravado co modo, pero coa obriga de cumprir o gravame que non cumpriu o causante da herdanza ou do legado.
Así as cousas, tanto a institución de herdeiro como a de legatario poden ser gravadas polo testador cun modo testamentario, isto é, cunha carga ou gravame que se impón ao herdeiro ou legatario coa realización dunha conduta ou prestación. Por exemplo: lego a meu fillo maior a casa familiar coa carga de coidar e asistir a súa nai mentres viva.
Cómpre insistir en que o instituído con modo adquire o legado de xeito inmediato. Aínda que nos atopemos ante unha condición ou modo, se non está claro, a presunción é favorable a que se trate dun modo testamentario, tal e como se infire do artigo 797 do Código civil, destinado a regular o modo testamentario.