A Ilustración Kantiana: Razón, Liberdade e Autonomía Humana
O home é o único e absoluto lexislador tanto do ámbito natural como do moral: o ser humano é o construtor do seu mundo, mundo que constrúe e levanta baixo a luz da razón. O home non está sometido, senón que é radicalmente libre (o home non ten máis amo que o propio home). O ideal ilustrado do "cidadán" acada en Kant unha fundamentación radical: cada home debe ser o único dono de si mesmo, pois o home é o dono do seu mundo. O individuo particular é universal.
A Razón como Guía e a Saída da Minoría de Idade
A razón é a única guía válida para a construción do novo mundo, pero para transformar esa realidade a razón ten que ser independente, ten que estar libre de prexuízos que a condicionen. A Ilustración supón a "saída do home da súa minoría de idade". Isto significa para Kant que o home era incapaz de usar o seu entendemento sen a dirección do outro, o home estaba falto de decisión e de valor. A divisa da Ilustración é: "Ten valor de servirte do teu propio entendemento!" (Sapere aude!).
As Preguntas Fundamentais da Razón Kantiana
A razón debe establecer:
- Os principios que rexen o coñecemento da natureza, respondendo á pregunta: "Que podo coñecer?" Para iso, Kant elabora unha nova teoría do coñecemento.
- As leis que regulan o comportamento en canto a acción moral e libre, respondendo á pregunta: "Que debo facer?" Para iso, elabora unha nova ética formal.
- Os fins últimos da propia razón, así como as condicións nas que poden ser alcanzados, respondendo á pregunta: "Que me cabe esperar?" Para iso, elabora unha teoría da historia e da relixión.
- En definitiva, responder á pregunta: "Que é o home?"
Liberdade e Progreso na Época da Ilustración
Kant considera que a liberdade no uso público da razón é un requisito imprescindible para realizar o mandato ilustrado. Non se poden poñer límites a esa liberdade. A liberdade unicamente pode realizarse na natureza, unha natureza que é teleolóxica.
Pero Kant afirma que non vive actualmente nunha época ilustrada, senón nunha época de Ilustración: os obxectivos da Ilustración non foron aínda alcanzados, pero nunca se atoparan na historia tan preto de logralo. Kant establece unha relación dialéctica entre Ilustración e historia no senso de que a Ilustración é o motor e a meta da historia, e a historia debe ser entendida como mellora e progreso da Ilustración.
O Legado de Kant: Humanismo e Racionalismo Ilustrado
En definitiva, Kant dá aserto teórico ao humanismo, ao racionalismo ilustrado, á esperanza no progreso indefinido, á ciencia e á liberdade como valor absoluto.