Grandes Autores da Literatura Galega do Século XX
Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930)
É o poeta máis interesante da literatura galega de preguerra. Ten unha actitude crítica e inconformista e tamén verte unha pequena ollada crítica sobre a historia da nosa literatura desde dentro e cun afán progresivo. É o primeiro autor notable que reivindicará o monolingüismo para os escritores galegos. Criouse nun ambiente dominado polo tradicionalismo ideolóxico. Estuda náutica en Vigo desde 1919 ata 1923, época na que se decanta polo republicanismo galeguista. É un lector ávido e inquedo de arte e literatura. Finalmente morre a consecuencia dunha tuberculose en Cádiz no ano 1930.
Obras destacadas
- Con anacos do meu interior
- Foulas
- Sempre e máis despois: poema longo de carácter narrativo que se pode incluír dentro da liña paisaxística tradicional.
- De catro a catro (1928): subtitulado "Follas sen data dun diario de abordo", pasou bastante inadvertido para a crítica contemporánea malia a súa modernidade.
Características de "De catro a catro"
- Sen apenas referencias explícitas a Galicia.
- De difícil lectura e escura interpretación.
- Con certa tendencia á abstracción.
- Afastada das estruturas rítmicas tradicionais.
- Posuidora dun sorprendente sistema de imaxes poéticas.
- Construída sobre un modelo culto de lingua supradialectal.
- Cun léxico inzado de termos específicos de navegación.
A obra dá pé a múltiples lecturas. Ofrece unha visión do mar e da travesía do barco e do ceo. Vai construíndo un tecido simbólico e un sistema de imaxes visionarias.
Outras obras
- Viladomar (1928)
Prosa
- Máis alá (1922)
- Prólogo a un libro de poemas que ninguén escribiu (1924)
Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901-Santiago, 1973)
Bouza-Brey é o principal fundador da escola neotrobadoresca, e a súa obra Nao senlleira (1933), o primeiro título importante do neotrobadorismo. Coa segunda obra lírica importante, Seitura (1955), afástase xa dos modelos neotrobadoristas nun momento no que a escola acadara gran fortuna entre os seus contemporáneos. Como narrador publica en 1925 Cabalgadas en Salnés, novela de aventuras ambientada na Galicia do s. XIX que mostra certas resonancias valleinclanescas, tanto nos temas como no estilo.
Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927)
É o creador, dentro da literatura galega, da escola hilozoísta ou animista, correspondente á liña definida como impresionista polo profesor López Casanova.
Obras poéticas
- Proel (1927)
- O galo (1928, póstumo)
Características da súa poesía
- Trazos renovadores:
- Atrevidas imaxes de liña vangardista.
- Afortunadas metáforas persoais.
- Trazos conservadores:
- Sinxelas formas rítmicas tradicionais.
- Unha retórica demasiado popularizante.
Outras obras
- Os probes de Deus (1925)
- Maliaxe (1922)
Luís Pimentel (Lugo, 1895-1958)
Este autor bilingüe deixou en galego dous poemarios: Triscos (1950) e Sombra do aire na herba (1959, póstumo). Poesía lírica e intimista.
Características do seu estilo
- Imaxes poéticas tomadas do mundo dos soños.
- Metáforas visionarias.
- Quebra do discurso lóxico.
- Predominio do verso libre.
- Expresión sinxela e delicada.
- Combinación do delicado e gustoso co angustiante e irracional.
- Presenza constante dos espazos interiores e pechados.
- Contraste simbólico entre as luces e as sombras.
Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago, 1961)
Autor nacido entre a xeración de 1925 e a do 36, desenvolve xa antes da Guerra Civil un importante labor poético que continuará no período de posguerra. Pasa polas aulas do Seminario de Mondoñedo.
Obras
- Señardá (1939): sonetos de notable perfección formal. O autor, seminarista nese momento, fai preceder a obra dunha advertencia contra a interpretación anticristiá do espírito dos versos que contén.
- Corazón ao vento (1933): influencia de Amado Carballo e menos de Manuel Antonio.
- Comaros verdes (1947): primeiro título poético importante da literatura galega de posguerra, poemas hilozoístas, influencia de Lorca e da Xeración do 27. A paisaxe convértese no núcleo temático máis importante da obra.
- De día a día (1960)
- Lanza de soledá e Nenías (1961)
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981)
Comezou o seu labor literario publicando poesía no período de preguerra, e o conxunto da súa obra en verso acada unha altura excepcional no panorama da literatura galega do s. XX.
Obras
- Mar ao norde (1932): poemario de corte vangardista e temática marítima, achégase a posicións próximas ás de Manuel Antonio. O resultado é un conxunto de breves poemas, nos que a crítica percibe a pegada do creacionismo e do cubismo.
- Poemas do sí e non (1933)
- Cantiga nova que se chama Ribeira (1933): neste último fai unha visión pesimista do mundo.
- Dona do corpo delgado (1950)
- Herba aquí e acolá (1980)
Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979)
É un dos poetas máis destacados da Xeración do 36, sendo o mestre indiscutible da poesía social en Galicia. A súa influencia traspasa os lindes da historia literaria, e chega a converterse nun fenómeno social. O seu primeiro poemario é O Soño sulagado, no que nos presenta unha conmovedora evocación da infancia. Pero sería a publicación de Longa noite de pedra (1962) a que o consagraría como o gran poeta cívico e combativo. Con este libro acadaría Celso Emilio un éxito extraordinario, e mesmo fóra das nosas fronteiras, debido en boa parte á súa oportunidade histórica e política: a mensaxe que transmite é a que moita xente estaba desexando escoitar, nesa época de falta de liberdade.
Outros poemarios importantes
- Viaxe ao país dos ananos
- Cantigas de escarnio e maldicir: libros moi críticos cos líderes dos emigrantes enriquecidos que non se solidarizan cos oprimidos.
Manuel María (Outeiro de Rei, 1930-2004)
Obras
- Muiñeiro de brétemas (1950)
- Morrendo a cada intre (1952)
- Evolúe cara o paisaxismo descritivo de Terra Chá (1954).
- Documentos persoais (1958)
- A primavera de Venus (1993)
- Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994)
Uxío Novoneyra (Courel, 1930-1999)
Obras
- Os eidos (1955)
- Libro do Courel (1981): trátase dunha poesía que destaca pola expresión breve.
- Muller pra lonxe (1986)
- Do Courel a Compostela (1988)
- Poemas caligráficos (1979)