Fontes de Financiamento Empresarial

Economía7,33 KB

Fontes de Financiamento da Empresa

A Función Financeira

A función financeira da empresa realiza todas as actividades encamiñadas a obter os fondos necesarios e asignarlles o uso máis racional, de forma que lle proporcionen a maior rendibilidade co menor risco e custo posible.

A. Financiamento Externo a Curto Prazo

Son fondos prestados por terceiros á empresa, de forma temporal e con esixencia de devolución en menos dun ano. Utilízanse para financiar o activo corrente.

1. Provedores

As empresas non pagan ao contado as mercadorías ou materias primas que lles subministran os provedores. Este crédito comercial consiste en diferir o pago de facturas a provedores. Adoitan ser a curto prazo e proporcionan á empresa unha certa tranquilidade.

2. Créditos Bancarios a Curto Prazo

Préstamos

Operación pola que unha entidade de crédito cede unha cantidade de diñeiro á empresa, comprometéndose esta a devolver o capital prestado máis uns xuros nun prazo determinado. O tomador do préstamo pagará xuros pola totalidade da cantidade recibida.

Crédito

Operación na que unha entidade financeira pon á disposición dunha empresa unha certa cantidade de diñeiro (liña de crédito) para que esta a utilice, cobrando periodicamente un xuro só sobre o capital utilizado e non sobre a totalidade.

3. Desconto de Letras ou Comercial

O banco anticipa á empresa o importe que esta espera cobrar dalgún dos seus clientes que teñan o pago aprazado, descontando unha cantidade. Chegado o vencemento, se o cliente non paga (devolución da letra), o banco cárgalle á empresa, na súa conta, o importe da letra máis os intereses de demora e unha comisión por devolución. Desde este momento, a letra volve ao poder da empresa, que terá que renegociar co cliente a débeda deste.

4. Factoring

Empresa especializada encargada de cobrar os dereitos de cobro doutras empresas. Unha empresa que necesite liquidez pode vendelos antes do seu vencemento a unha sociedade de factoring para que esta se encargue de cobralos. Pero cobrará unha comisión que lle cubra o risco e un xuro por anticipar os cobros.

B. Financiamento Externo a Longo Prazo

Destinado a cubrir como mínimo o activo non corrente, vinculado con investimentos en renovación e ampliación de materiais. A devolución é a máis dun ano.

1. Préstamos

A empresa recibe unha cantidade de diñeiro a cambio duns pagos futuros que incorporan uns xuros. A duración do préstamo pode ser de varios anos e os pagos fanse periodicamente.

2. Créditos dos Provedores de Inmobilizado

Forma de financiamento, crédito que o vendedor do inmobilizado lle fai ao comprador, formalizándose en letras de cambio.

3. Empréstitos

Soen estar reservados ás grandes empresas. Ao concertar un empréstito, a empresa divide a totalidade do diñeiro que necesita en pequenas cantidades iguais e emite títulos por ese valor, títulos que se denominan pagares, bonos ou obrigacións. As obrigacións ofrécense ao público en xeral, de maneira que os inversores que as mercan se converten en acredores da empresa polo valor dos títulos mercados e adquiren o dereito a cobrar un interese e a devolución da cantidade entregada. Normalmente, os empréstitos teñen unha duración superior aos 5 anos.

4. Ampliacións de Capital

Unha empresa comeza a funcionar coas aportacións iniciais dos socios ou capital inicial, que se reparte entre os socios mediante a posesión de accións.

Valores dunha Acción:
  • Valor nominal: Valor outorgado ao título no momento da emisión. Valor nominal = Capital social / número de accións.
  • Valor efectivo, de mercado ou de cotización: Valor que o mercado, por medio da oferta e a demanda, asigna a cada acción.
  • Valor teórico ou valor contable: Parte que lle corresponde a cada acción no patrimonio neto. Valor teórico = Neto patrimonial / número de accións.

Co tempo, a empresa crece e, con frecuencia, terá que buscar novas formas de financiamento. Estes novos fondos poden vir de novas aportacións dos socios mediante unha ampliación de capital: obtención de fondos por parte da empresa por medio da emisión de novas accións e do aumento do seu capital social.

Prezos dunha ampliación de capital:

  • A par: Cando o valor sexa igual ao valor nominal dos existentes.
  • Baixo a par: O valor é menor que o valor nominal.
  • Sobre a par: O valor é superior ao valor nominal. A esa diferenza chámaselle prima de emisión.

Dereito de subscrición preferente de novas accións nas ampliacións de capital: Procedemento para protexer aos antigos accionistas nas ampliacións de capital. Este dereito pódese exercer ou vender.

5. Arrendamento Financeiro ou Leasing

Modalidade de financiamento de máquinas que se basea en tomar estes bens en alugamento a unha sociedade financeira, a cambio de dispor e utilizar uns bens sen ter a propiedade dos mesmos, podendo compralos ao finalizar o aluguer. É a medio e longo prazo.

1. Leasing Financeiro

A empresa que necesita un determinado ben acude a unha sociedade de leasing, que compra o ben ao fabricante e llo aluga á empresa. A empresa queda obrigada a pagar o seu aluguer durante a vida do contrato, sen poder rescindilo pola súa conta.

2. Leasing Operativo ou "Renting"

O arrendador soe ser o fabricante ou distribuidor do ben, que ademais se encarga do seu mantemento e renovación se xorden novos modelos. O contrato é rescindible polo arrendatario. A súa vantaxe é que o risco de obsolescencia se traslada á empresa arrendadora. O inconveniente é o seu elevado custo.

A diferenza entre un e outro é que no caso do leasing financeiro existe un acordo previo de que ao final do período contratado o cliente teña a posibilidade de compra do referido ben a un prezo normalmente convido, pacto que non existe no renting.

C. Financiamento Interno ou Autofinanciamento

Constituído polos beneficios non distribuídos e que se reteñen na empresa para o financiamento da ampliación ou mantemento da súa actividade. Son recursos financeiros que proveñen da actividade da empresa.

  • De mantemento: Recolle as dotacións para fondos que a empresa destina cada ano para compensar o desgaste dos seus equipos.
  • De enriquecemento: Beneficios retidos en forma de reservas.

1. Amortizacións

Constituída polos fondos que a empresa destina para facer a amortización dos seus equipos produtivos e polos fondos que se reservan para facer fronte a futuros riscos. A empresa, para poder facer fronte, utiliza as amortizacións.

2. Reservas

Parte dos beneficios obtidos pola empresa e que os socios renuncian a repartirse e pasan a formar parte dos fondos propios da empresa.

  • Legais: Constituídas obrigatoriamente pola Lei de Sociedades Anónimas.
  • Estatutarias: Vén establecidas polos estatutos da sociedade.
  • Voluntarias: Constituídas por acordo voluntario dos socios.

Descargar

PDF Word HTML