Filosofía Moderna: Conceptos Clave de Descartes, Locke e Kant

Filosofía e ética19,76 KB

René Descartes: Conceptos Fundamentais

Método
Conxunto de preceptos racionais que orientan as operacións intelectuais (*intuición* e *dedución*) na súa busca da verdade. Neste autor son: *evidencia*, *análise*, *síntese*, *enumeración* ou *revisión*.
Dúbida
Consideración previa á aplicación do método cartesiano consistente en supoñer, provisionalmente, como falsos todos os coñecementos teóricos adquiridos, tanto sensibles como intelectuais, co fin de chegar á verdade.
Mathesis Universalis
Sistema universal de saber de estrutura matemática co que se resolverían todos os problemas tanto teóricos como prácticos. É construído a partir da aplicación rigorosa do método cartesiano.
Verdade
Evidencia, certeza, cuxos criterios se recollen na primeira regra do método. É definida a partir da *claridade* (manifestación inmediata e rotunda dunha idea na mente como certa) e da *distinción* (delimitación e diferenciación dunha idea con respecto a todos os demais contidos de conciencia).
"Penso, logo existo" (Cogito)
Coñecida como *cogito*, primeira verdade atopada tras a dúbida metódica, primeira "pedra" do novo edificio filosófico. É o primeiro xuízo existencial que se establece e ratifica a existencia do eu pensante (*res cogitans*). Desde ela analizaranse todas as ideas da razón humana en pos da verdade, e demostrarase a existencia de Deus, clave para a recuperación da realidade posta en dúbida. Así, permite corroborar a validez da regra da evidencia.
Idea
Contido da mente: todo o que se afirma ou nega, quérese, imaxínase ou séntese.
Solipsismo
Do latín *solus ipse*. Redución da realidade á propia conciencia e aos seus contidos.

John Locke: Conceptos Clave do Empirismo

Principio do Empirismo
Presuposto filosófico na investigación sobre o coñecemento humano segundo o cal a razón non é infalible nin completamente autónoma, senón que traballa co material da experiencia, garantía e límite do éxito racional.
Estado de Natureza
Hipótese sobre a situación orixinaria da humanidade como posuidora de dereitos naturais (á subsistencia, á propiedade, á saúde, á integridade, á liberdade...), que na realidade non é doado que se respecten porque non hai ningunha forza con poder suficiente para obrigar ao seu cumprimento.
Pacto Social
Acordo que, coa intención de asegurar o cumprimento dos dereitos naturais, os homes libres establecen para xestionar a súa incorporación á sociedade e a creación da autoridade. En ningún momento os individuos renuncian aos seus dereitos, senón que se limitan a outorgar aos gobernantes o poder necesario para garantir a súa protección.
Estado Liberal
Sistema social e político que xorde tras o pacto, como representativo e non absoluto. Os gobernantes están ao servizo dos individuos, que renuncian a parte da súa liberdade para que a autoridade protexa os seus dereitos. Se o soberano non cumpre, o pobo pode anular o pacto.
División de Poderes
Fórmula fundamental para atacar frontalmente o autoritarismo, o abuso e a corrupción, e clave na defensa do liberalismo. É preciso que se distingan tres tipos de poder en calquera sistema político:
  • Lexislativo: elaboración de leis polo Parlamento.
  • Executivo: aplicación das leis e sanción do seu incumprimento por parte do monarca.
  • Federativo: establecemento de alianzas e a súa ruptura, no ámbito internacional.

Immanuel Kant: Análise de Textos Clave

Comentario: "Que é a Ilustración?" (Texto 1)

No texto de Kant analízase o concepto de Ilustración como o proceso polo cal o ser humano abandona a súa minoría de idade, entendida como a incapacidade de usar a propia razón sen a dirección doutras persoas. Segundo o autor, esta situación non é consecuencia da falta de intelixencia, senón da comodidade e da covardía de quen prefire seguir as indicacións alleas en lugar de exercer o seu pensamento propio.

Tema Central

O tema central do texto é a necesidade de que os seres humanos potencien a liberdade de pensamento. Kant insiste en que a razón humana debe ser utilizada de xeito autónomo para superar a ignorancia e a dependencia imposta polos demais. Só así se pode acadar a verdadeira liberdade e o progreso social.

Tese Principal

A tese que defende o autor é clara: ser menor de idade intelectual é responsabilidade de cada un. Non se trata dunha condición imposta pola natureza, senón dunha actitude fomentada pola preguiza e polo medo a pensar por conta propia. Deste xeito, quen se acomoda a ser guiado por outros acaba sendo vítima da manipulación e da falta de autonomía.

Ideas Secundarias

  • Destaca a importancia dos profesores e guías intelectuais á hora de fomentar o espírito crítico. Segundo Kant, a Ilustración non pode darse de xeito individual e illado, senón que precisa de referentes que impulsen a reflexión libre e racional.
  • Non pensar por conta propia significa facilitar o traballo daqueles que queren impoñer as súas ideas sen cuestionamento, o que perpetúa a opresión e o dominio sobre os demais.
  • A falta de pensamento crítico frea o progreso da sociedade, xa que sen individuos que cuestionen e busquen solucións racionais, mantéñense as mesmas estruturas de poder e os mesmos erros do pasado.

Relación coa Ilustración

O pensamento de Kant relaciónase directamente con varias ideas ilustradas presentes nos apuntes:

  • A idea de que a historia debe ser analizada desde a razón e os feitos, eliminando os mitos e os elementos irracionais que distorsionan a realidade.
  • O concepto de que o ser humano é un ser autónomo que debe asumir a responsabilidade do seu propio destino sen depender de crenzas ou imposicións externas.
  • A relación entre Ilustración e progreso, pois a razón e o coñecemento científico son os motores que permiten mellorar as condicións de vida da humanidade.

Conclusión

En conclusión, este texto constitúe unha chamada clara á responsabilidade individual e colectiva: non hai progreso real sen pensamento autónomo. A Ilustración, segundo Kant, non é simplemente unha etapa histórica, senón unha tarefa pendente que require valentía, liberdade e educación.

Contextualización da Filosofía Kantiana

Immanuel Kant (1724-1804) foi un filósofo alemán fundamental na historia do pensamento moderno e figura central da Ilustración, movemento do século XVIII que apostaba pola razón, a ciencia e a educación como ferramentas para acadar o progreso e a liberdade. Neste contexto, Europa empezaba a cuestionar o Antigo Réxime, baseado na monarquía absoluta e na autoridade relixiosa, e a reivindicar valores como a igualdade, a autonomía individual e a tolerancia. A Revolución Francesa (1789) simboliza este cambio de mentalidade.

Influenciado por este espírito, Kant formulou unha filosofía crítica que pretendía analizar os límites e as posibilidades da razón humana. No seu ensaio *Que é a Ilustración?*, define este proceso como a saída da "minoría de idade", é dicir, da dependencia intelectual que impide ao ser humano pensar por si mesmo. Para Kant, ilustrarse é atreverse a facer uso autónomo da razón, superando os prexuízos e as imposicións externas. Esta idea resume os principios ilustrados: *liberdade*, *pensamento crítico* e *dignidade racional do individuo*.

Influencia e Vixencia do Pensamento Kantiano

O pensamento de Kant deixou unha profunda pegada na historia da filosofía, influíndo en diversas correntes e disciplinas. O seu idealismo transcendental serviu de base para o idealismo absoluto alemán, cuxo máximo expoñente foi Hegel. Así mesmo, a súa crítica á metafísica e a súa concepción do coñecemento influíron no positivismo de Comte, que adoptou a experiencia como único criterio de validez científica. No século XIX, as escolas neokantianas, como a de Marburgo, rexeitaron o idealismo exacerbado e contribuíron ao desenvolvemento do método fenomenolóxico de Husserl, que destacou a importancia do suxeito e da conciencia no proceso cognoscitivo. Xa no século XX, a ética formal kantiana serviu de base para as éticas dialóxicas e da comunicación de pensadores como Apel e Habermas, que revisaron os principios kantianos para establecer as condicións formais do discurso moral. Deste xeito, a vixencia do pensamento kantiano mantense ao longo da historia, ben como punto de referencia para novas formulacións filosóficas, ben como obxecto de crítica e reformulación.

Comentario: "Crítica da Razón Pura" (Texto 2)

O texto de Kant pertence á *Crítica da Razón Pura*, unha das obras fundamentais da filosofía moderna, onde o autor analiza os límites e as posibilidades do coñecemento humano. Neste fragmento, Kant aborda a orixe do coñecemento e distingue entre aquilo que procede da experiencia e aquilo que é independente dela.

Tema Central

O tema central do texto é a relación entre experiencia e razón na construción do coñecemento. Kant recoñece que todo coñecemento comeza coa experiencia, xa que os obxectos externos estimulan os sentidos e poñen en marcha a nosa capacidade de pensar. Porén, non todo o coñecemento depende exclusivamente da experiencia, pois a mente humana tamén achega elementos propios á comprensión da realidade.

Tese Principal

A tese fundamental que Kant defende é que o coñecemento non é un reflexo pasivo da realidade externa, senón unha combinación entre os datos sensoriais que recibimos e as estruturas cognitivas que posuímos *a priori*. A razón humana ten unha participación activa no proceso de coñecemento, organizando e interpretando as impresións sensibles.

Ideas Secundarias

  • Atopamos a idea de que a experiencia é o punto de partida do coñecemento, xa que sen os estímulos do mundo exterior a razón non tería material sobre o que operar.
  • Kant sinala que a mente non se limita a recibir pasivamente información dos sentidos, senón que intervén activamente ao comparar, organizar e estruturar os datos sensoriais.
  • O filósofo introduce a distinción entre coñecemento empírico (*a posteriori*), que depende da experiencia, e coñecemento puro (*a priori*), que existe independentemente dela.

Relación coa Ilustración

Estas ideas están relacionadas con algúns conceptos centrais da Ilustración presentes nos apuntes:

  • A confianza no poder da razón como ferramenta fundamental para comprender o mundo, unha idea clave do pensamento ilustrado.
  • A importancia do método crítico para analizar o coñecemento e establecer os seus límites, xa que Kant busca unha base sólida para a ciencia e a filosofía.
  • A idea de progreso intelectual, pois se o coñecemento non depende unicamente da experiencia, entón a razón humana pode avanzar e perfeccionarse mediante a reflexión e o desenvolvemento da ciencia.

Conclusión

En conclusión, Kant propón unha visión do coñecemento na que a experiencia e a razón traballan xuntas: sen experiencia non hai coñecemento, pero sen as estruturas *a priori* da mente tampouco poderiamos organizar a información sensorial. A súa perspectiva rompe co empirismo absoluto e co racionalismo dogmático, ofrecendo unha síntese crítica que marcará o rumbo da filosofía moderna.

Comentario: "Crítica da Razón Pura" (Texto 3)

Neste fragmento da *Crítica da Razón Pura*, Kant reflexiona sobre as facultades do coñecemento humano, diferenciando entre sensibilidade e entendemento. A primeira permite recibir impresións do mundo exterior, mentres que o segundo organiza e estrutura eses datos mediante conceptos. O autor destaca a complementariedade entre ambas, xa que unha sen a outra non permitiría acadar un verdadeiro coñecemento.

Tema Central

O tema central do texto é a función das facultades do entendemento no proceso de coñecemento. Kant establece unha distinción fundamental entre a sensibilidade, que recibe as intuicións dos obxectos, e o entendemento, que permite pensar eses obxectos.

Tese Principal

A tese que Kant defende é clara: sen sensibilidade ningún obxecto nos sería dado, e sen entendemento, ningún obxecto podería ser pensado. A mente humana non se limita a recibir pasivamente impresións sensoriais, senón que intervén activamente para organizar e interpretar a información.

Ideas Secundarias

  • Destaca que tanto a sensibilidade como o entendemento son necesarios para obter coñecementos, xa que cada un cumpre unha función esencial e non pode substituír ao outro.
  • Kant afirma que os conceptos sen percepcións son ideas sen contido, pois non poden aplicarse a ningunha realidade concreta.
  • Establece que o coñecemento só pode xurdir da unión entre ambas as dúas facultades, pero cómpre distinguilas claramente para comprender como funciona o pensamento humano.

Relación coa Ilustración

Estas ideas relaciónanse con varios conceptos da Ilustración presentes nos apuntes:

  • A idea de que a razón é a clave para entender o mundo, xa que o coñecemento non depende só da experiencia, senón tamén da capacidade humana para organizala.
  • A importancia da educación como medio para desenvolver o pensamento crítico, pois para acadar o coñecemento é necesario aprender a utilizar tanto a intuición como a reflexión racional.
  • A crenza no progreso intelectual, xa que a comprensión do funcionamento do coñecemento permite avanzar na ciencia e na filosofía.

Conclusión

En conclusión, Kant presenta unha visión equilibrada do coñecemento, na que a experiencia e a razón traballan conxuntamente para comprender a realidade. Sen percepcións, a mente quedaría baleira, e sen conceptos, as intuicións serían caóticas. Esta perspectiva supón unha síntese entre o empirismo e o racionalismo, converténdose nunha das achegas máis relevantes da filosofía moderna.

Comentario: "Fundamentación da Metafísica dos Costumes" (Texto 4)

Neste fragmento, Kant aborda o concepto de imperativo moral, diferenciando entre os imperativos hipotéticos e os imperativos categóricos. O autor establece que a moralidade non depende das consecuencias dunha acción, senón da intención coa que se realiza, é dicir, do principio racional que a motiva.

Tema Central

O tema central do texto é o imperativo moral como fundamento da ética kantiana. A moral non debe basearse en condicións externas nin en obxectivos persoais, senón nun principio racional universal que obriga de maneira absoluta.

Tese Principal

A tese que Kant defende é que o imperativo moral é categórico e baséase na intención coa que se actúa. Non depende de fins concretos, senón que ordena a acción como un deber en si mesma. O que fai que unha acción sexa moralmente boa non é o resultado que produce, senón a disposición de ánimo coa que se leva a cabo.

Ideas Secundarias

  • Destaca a diferenza entre os imperativos hipotéticos e os categóricos: mentres que os primeiros dependen dun fin concreto e son condicionais, os segundos formulan unha norma absoluta que debe ser cumprida en calquera circunstancia.
  • Kant afirma que a moralidade non se pode basear nas consecuencias dunha acción, xa que estas poden ser imprevisibles ou estar condicionadas por factores externos.
  • A ética kantiana céntrase na forma e no principio da acción, pois o esencialmente bo non está no que se consegue, senón na vontade recta que a guía.

Relación coa Ilustración

Estas ideas relaciónanse con varios conceptos fundamentais da Ilustración presentes nos apuntes:

  • A importancia da razón como base do comportamento humano, pois a moral kantiana non se fundamenta nos sentimentos nin nos desexos, senón en principios racionais universais.
  • A noción de liberdade entendida como autonomía, xa que o ser humano é libre cando segue a lei moral que el mesmo recoñece como válida, sen deixarse levar por impulsos ou intereses.
  • A idea de progreso moral, pois, se todas as persoas actúan segundo principios éticos universais, poderase construír unha sociedade máis xusta baseada na responsabilidade e no respecto mutuo.

Conclusión

En conclusión, Kant propón unha ética baseada no deber e na intención moral. O imperativo categórico obriga a actuar segundo principios que poidan ser universalizados, sen depender de fins concretos nin de beneficios persoais. Deste xeito, a moralidade adquire unha base racional e autónoma, converténdose nunha das principais achegas da filosofía kantiana e nun referente fundamental para o pensamento ético contemporáneo.

Comentario: "Fundamentación da Metafísica dos Costumes" (Texto 5)

Neste fragmento, Kant reflexiona sobre o concepto de dignidade e establece unha distinción fundamental entre aquilo que ten un prezo e aquilo que posúe un valor absoluto. O autor introduce a idea de que só os seres racionais, por ter capacidade moral, teñen dignidade, xa que son fins en si mesmos e non simples medios para outros propósitos.

Tema Central

O tema central do texto é a dignidade, entendida como o valor absoluto que posúe o ser humano polo feito de ser un ser racional e moral. Esta dignidade contraponse aos valores materiais, que poden ser substituídos ou intercambiados, mentres que a dignidade humana é única e insubstituíble.

Tese Principal

A tese que Kant defende é que o ser humano, ao ter capacidade moral, é o único que posúe dignidade. A moralidade convérteo nun fin en si mesmo, polo que nunca debe ser tratado como un mero instrumento para os intereses doutros. Isto significa que a súa valía non depende de condicións externas, senón da súa propia racionalidade e autonomía.

Ideas Secundarias

  • Destaca a diferenza entre prezo e dignidade: os obxectos ou bens materiais teñen un valor relativo e poden ser substituídos, mentres que os seres racionais teñen un valor intrínseco que non admite equivalencia.
  • Kant introduce o concepto de *reino dos fins*, un ideal moral no que todos os seres racionais se relacionan segundo leis éticas universais e se respectan mutuamente como fins en si mesmos.
  • Establece que a moralidade é a condición fundamental para que unha persoa teña dignidade, xa que só a través dela pode ser considerada autónoma e lexisladora das súas propias accións.

Relación coa Ilustración

Estas ideas relaciónanse con varios conceptos fundamentais da Ilustración presentes nos apuntes:

  • A defensa da razón como base do comportamento humano, xa que a moralidade non pode depender dos sentimentos ou dos desexos, senón de principios racionais universais.
  • A noción de igualdade, pois todos os seres humanos posúen a mesma dignidade polo feito de seren racionais e morais, independentemente das súas diferenzas materiais ou sociais.
  • A importancia dos dereitos humanos, xa que a idea de dignidade será clave para o desenvolvemento de teorías éticas e xurídicas que recoñezan a cada persoa como un fin en si mesmo.

Conclusión

En conclusión, Kant propón unha ética baseada na dignidade do ser humano, establecendo que a súa valía non pode ser medida en termos de prezo ou utilidade. A moralidade convérteo nun fin en si mesmo, garantindo así un principio de respecto e igualdade entre todas as persoas. Esta idea terá unha profunda influencia na filosofía posterior e na construción dos ideais éticos e políticos modernos.

Descargar

PDF Word HTML