A Filosofía de Kant: Ilustración, Razón e Ética Formal
A Filosofía de Immanuel Kant
O texto que se nos presenta é un fragmento de [...] do filósofo alemán Kant.
Biografía e Obras Principais
Kant naceu no século XVIII en Königsberg (Prusia). Foi educado na relixión pietista. Estudou filosofía, teoloxía e ciencias naturais. Desempeñou a súa docencia na Universidade de Königsberg.
A súa filosofía reconcilia as dúas correntes filosóficas modernas máis importantes: o empirismo e o racionalismo. Os autores que máis influíron no seu pensamento foron Newton, os racionalistas Leibniz e o seu mestre Wolff, o empirista Hume e os ilustrados, sobre todo Rousseau.
Da súa produción filosófica destaca:
- Crítica da razón pura
- Fundamentación da metafísica dos costumes
- Crítica da razón práctica
- Crítica do xuízo
- Resposta á pregunta: Que é a Ilustración?
Pola súa orixinalidade e influencia posterior, Kant é considerado un dos filósofos máis importantes da historia e tamén un dos máis importantes filósofos da Ilustración.
Contexto: A Ilustración no Século XVIII
1. Factores políticos, sociais e culturais
A Ilustración é un amplo movemento cultural, non só de carácter estritamente filosófico, que tivo repercusión en todos os ámbitos do saber. Esténdese durante o século XVIII e representa un profundo cambio en todos os aspectos do pensamento respecto aos séculos anteriores. Nace en Inglaterra e pasa a Francia e Alemaña. Denomínase Ilustración, Século das Luces ou Iluminismo debido á esixencia de claridade ou clarificación racional; a razón humana debe ser a luz que guíe o entendemento.
- En Inglaterra tivo un carácter sobre todo epistemolóxico, cultivou as ciencias da natureza, o método racional e cuestións sobre a relixión, cun espírito de liberdade e tolerancia. Destacan Locke, Hume e Newton.
- En Francia centrouse en cuestións políticas, morais, relativas ao dereito e ao progreso histórico. Destacan Voltaire, Diderot, Montesquieu e Rousseau.
- En Alemaña caracterízase polo interese na fundamentación e a análise da razón. Destacan Wolff e Kant.
A Ilustración desenvólvese entre a Revolución liberal inglesa e a Revolución francesa, que consolidan o réxime liberal burgués. O pensamento ilustrado expresa a ideoloxía crítica da clase burguesa. No século XVII o réxime político era o absolutismo, que no XVIII se transforma en despotismo ilustrado, utilizando a ideoloxía ilustrada, pero as reformas fanse sen contar co pobo, e isto provocou as revolucións e a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán. Aínda que en Inglaterra comeza a Revolución Industrial, o centro económico, político e intelectual de Europa era Francia, e a súa maior contribución foi a Enciclopedia, que reúne todos os coñecementos teóricos e prácticos. Esta é a época da revolución que desencadea a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América e tamén a época do avance científico en moitas disciplinas. No Século das Luces secularízase o pensamento. No terreo da relixión imponse o deísmo, a tendencia a reducir a relixión ao ámbito do que pode admitir a razón.
A Ilustración foi un movemento de optimismo e confianza na razón e a liberdade, que son as dúas características que mellor definen o espírito ilustrado, que se amosa no lema kantiano “Sapere aude” (Atrévete a saber).
2. As novas ideas ilustradas
Como movemento ilustrado, nace unha nova mentalidade filosófica, científica, social e política. Por iso os pensadores centran a atención en ideas novas como:
- A idea de progreso: idea dominante na historia da civilización occidental. Segundo Condorcet, o progreso consiste no perfeccionamento indefinido das nosas facultades físicas, intelectuais e morais.
- A idea de educación ou iluminación: está moi ligada á idea de progreso. A Ilustración insistiu na necesidade e na urxencia de poñer a cultura, o saber, as ciencias e as artes ao alcance de todos os estratos sociais. A educación fainos libres e condúcenos desde a ignorancia, os prexuízos e a intolerancia ata a plena realización persoal e social, e por iso este medio de difusión do coñecemento e da cultura é visto como un dereito que ten calquera e nunca como un privilexio.
- A idea de humanidade: cobra un novo sentido que mostra un enorme optimismo e unha total confianza nas aptitudes e nas capacidades humanas, nomeadamente na súa razón. A razón é considerada unha ferramenta eficaz e única para resolver todos os problemas e para aclarar todo tipo de cuestións.
- A idea de civilización: está presente tamén no pensamento ilustrado. Nos séculos XVII e XVIII desenvólvense teorías sobre a formación das sociedades civil e política.
- A natureza: foi outro dos grandes temas estudados polos ilustrados, que mostran unha enorme confianza no progreso científico. A razón humana, axudándose das matemáticas e da experiencia, capacítanos para coñecer as leis da natureza e para intervir nela en beneficio propio.
3. Características da razón ilustrada
A Ilustración caracterízase pola súa confianza na razón, capacidade natural educable. As ciencias serán o instrumento de educación que iluminarán a razón, garantirán o futuro da humanidade e a súa progresiva felicidade. Os pensadores desta época pretenden “iluminar” a sociedade. Proclaman a exclusión de toda autoridade e a soberanía da razón, unha razón que ten como características fundamentais ser:
- Crítica: A razón é suficiente en si e por si mesma, polo que se esixe confianza nela e decisión para servirse dela con independencia, sen outros límites que aqueles que lle veñan dados pola propia natureza.
- Analítica: A razón é o medio ou instrumento para coñecer e co cal interpretar o mundo e exercer a crítica. Isto marca a diferenza con respecto á idea da razón do racionalismo do século XVII, que concibía a razón como algo con contido propio e como capaz de coñecer desde si mesma dun modo dedutivo e a priori toda a realidade.
- Secular: Móstrase no intento da Ilustración de reducir a fe ao racional e secularizar totalmente a vida humana. Así prodúcese a secularización do poder ao substituír as teorías da orixe divina do poder polas novas doutrinas políticas da natureza e o contrato social. A capacidade secularizada conduce a Ilustración a unha interpretación racional da relixión, ao deísmo. Esta concepción admite a existencia de Deus e a creación, pero non acepta unha relixión chea de misterios nin supersticións.
Durante o Século das Luces existe un optimismo baseado nas capacidades da razón que se deriva do progreso das ciencias da natureza, da técnica e do saber.
Análise da Filosofía Kantiana
Centrándonos xa no texto, este presenta como teses principais [...].
No texto aparecen os conceptos [...] que son importantes na filosofía kantiana e que explicarei ao longo da temática.
1. A idea kantiana da Ilustración
Kant é un filósofo ilustrado de Alemaña, onde a Ilustración se produce cun certo atraso con respecto a Francia e nese país caracterízase non por tratar novos temas, senón polo interese na fundamentación e análise da razón. Se o ideal da Ilustración é que sexa a razón a que goberne todos os ámbitos da vida, a tarefa fundamental que ten a filosofía é a de someter a xuízo a razón, é dicir, criticar (analizar, xulgar, determinar) a razón.
Kant céntrase en analizar o mesmo funcionamento da razón establecendo os seus límites. A súa filosofía denomínase “criticismo”. Pero a razón crítica non só analiza os límites do coñecemento (razón teórica), senón que ademais trata de elaborar os principios ou leis que rexen o noso comportamento moral (razón práctica).
No seu escrito “Resposta á pregunta: Que é a Ilustración?”, Kant caracteriza a Ilustración como a saída do home da súa minoría de idade. A maioría de idade significa a conquista da liberdade e da autonomía, e esta maioría de idade acádase cando un se afai a empregar a propia intelixencia sen seguir as normas ou regras que outros nos impoñen.
A liberdade en todos os seus aspectos é unha tarefa infinita e os perigos son igualmente persistentes. Non é fácil nin cómoda a tarefa de “pensar por si mesmo”; precísase valor e decisión para levala a cabo. A preguiza e a covardía lévannos a pensar que é máis cómodo e fácil deixar que outros pensen por nós, que outros nos guíen, porque así nos sentimos amparados. Pero así renunciamos á nosa calidade máis prezada: a liberdade.
Equipara a Ilustración á “Idea de razón”, unha razón liberada de autoridades, tradicións e imposicións. Kant defende todos os ideais ilustrados e a razón crítica e autónoma que permitirá saír a todos os seres humanos da minoría de idade. Convídanos a utilizar a razón, e este atreverse a utilizar a propia razón, que Kant identifica coa “maioría de idade”, inspira o lema ilustrado “Atrévete a saber” (Sapere aude): atrévete a usar a túa razón para acadar coñecemento e poder dirixir a túa vida de xeito autónomo.
Os seres humanos, cando nos atopamos na minoría de idade, deixámonos levar por outras persoas, por uns titores que Kant identifica cos distintos poderes ou autoridades que impiden que sexamos libres e nos sirvamos da nosa propia razón: poder político, poder relixioso e poder militar. Estes poderes establecen, impoñen e obrigan, confundindo conscientemente as esferas do uso público e do uso privado da razón. Kant distingue entre “uso público” e “uso privado” da razón. O uso privado é o que se fai da razón cando se cumpre con calquera obriga ou función que nos corresponda e nos comportamos como ela nos indica.
O uso público da razón implica ter liberdade para opinar, analizar e criticar esas funcións ou normas e facelo en público.
Kant di que o único que necesitamos é a razón e a liberdade para deixar atrás a minoría de idade. Este optimismo kantiano baséase en dúas ideas: a crenza na idea do progreso e a afirmación da posibilidade do coñecemento obxectivo, isto é, da ciencia.
Segundo Kant, o coñecemento teórico e o coñecemento práctico deben ir unidos. De aí que a pregunta fundamental sexa: Que é o ser humano? E para poder contestala, cómpre facernos estas cuestións:
- Que podo saber? (cuestión teórica)
- Que debo facer? (cuestión práctica)
- Que me está permitido esperar? (cuestión teórico-práctica)
Coa resposta á primeira descubriremos os límites das nosas capacidades cognoscitivas. Coa segunda atoparemos a regra para obrar no ámbito moral e político. Coa última afondaremos nas esperanzas e desexos. Para facer isto, Kant recoñece un único instrumento: a razón.
2. A síntese entre racionalismo e empirismo
Nos primeiros anos da súa filosofía, Kant é un pensador racionalista por influencia de Leibniz e Wolff, pero logo coñece a filosofía do empirista Hume e iso lévao a abandonar o que chama “o soño dogmático da razón”: a idea de que a razón, partindo só de si mesma e dos seus contidos innatos, pode alcanzar un coñecemento universal.
Kant elabora unha nova filosofía que supera e harmoniza ambas as correntes. Como resultado desa síntese, creou un sistema filosófico orixinal, de enorme influencia na historia da filosofía. Acepta do empirismo o feito de que todo coñecemento debe ter a súa base na experiencia sensible, pero tamén considera que non todo é experiencia. Concorda cos racionalistas en que o suxeito que coñece tamén proporciona algo imprescindible para que sexa posible o coñecemento. O coñecemento só é posible cando se compaxina a experiencia coa razón; coñecer é sempre un encontro, unha síntese entre un suxeito que coñece e un obxecto que é coñecido.
O problema do coñecemento formúlao Kant na Crítica da razón pura. Cre que o primeiro que ten que facer unha crítica ou análise da razón é responder á pregunta “Que podo coñecer?”. E para respondela, sinala os principios que fan posible o coñecemento científico e os límites do coñecemento. O primeiro é indicar cales son os tipos de enunciados ou xuízos que son propios da ciencia. Distingue diversos tipos de xuízos, clasificados atendendo á súa forma ou á súa relación coa experiencia.
- Pola súa forma: distingue entre xuízos analíticos (cando o predicado está incluído no suxeito e abonda con analizar o suxeito para comprender que o predicado xa se atopa contido nel; non son extensivos, non amplían o noso coñecemento) e xuízos sintéticos (cando o predicado non está contido no suxeito; son extensivos, apórtannos información, amplían o noso coñecemento).
- Pola súa relación coa experiencia: diferencia xuízos a priori (cando a súa verdade pode ser coñecida con independencia da experiencia) e xuízos a posteriori (cando a súa verdade só pode ser coñecida a partir dos datos da experiencia). Os xuízos a priori son universais (válidos sempre) e necesarios (o seu contrario é imposible), mentres que os xuízos a posteriori non son universais nin necesarios.
Os xuízos sintéticos a priori son considerados por Kant como os xuízos propios da ciencia.
Kant distingue tres facultades de coñecemento: a sensibilidade, o entendemento e a razón. Estuda cada unha delas na Crítica da razón pura. Estas tres facultades correspóndense tamén con tres tipos de coñecemento: as matemáticas, a física e a metafísica.
A Estética Transcendental estuda en que consiste a sensibilidade e as condicións que fan posible os xuízos sintéticos a priori nas matemáticas. Nesta facultade de coñecemento analiza a sensibilidade, a maneira como a persoa recibe as sensacións e as transforma en coñecemento sensible. As formas a priori da sensibilidade son o espazo e o tempo. Na sensibilidade prodúcese un encontro entre un obxecto de coñecemento e un suxeito que coñece (que presupón unhas formas a priori da sensibilidade, tamén chamadas intuicións puras: espazo e tempo). Os datos sensibles ou impresións convértense en fenómenos ao seren captados sensiblemente. O espazo e o tempo fan posible a ciencia matemática.
A Analítica Transcendental estuda en que consiste o entendemento e as condicións que fan posible os xuízos sintéticos a priori na física. Kant analiza o entendemento. Para coñecer non abonda con ter só intuicións sensibles; para que proporcionen coñecemento é preciso interpretalas, darlles sentido e entendelas. O entendemento é a facultade que pode aplicar conceptos aos fenómenos a través dos xuízos. Só podemos comprender, coñecer un conxunto de percepcións sensibles cando somos quen de dicir que é unha cousa, cando lle podemos aplicar un concepto aos datos dos sentidos a través dun xuízo.
Hai dous tipos de conceptos distintos: os conceptos empíricos, que son os que proceden da experiencia (son a posteriori), e os conceptos puros ou categorías, que son a priori, non proceden da experiencia. As categorías son formas de coñecer, condicións a priori do entendemento. Intuicións e conceptos puros teñen que sumarse na elaboración do coñecemento.
Os xuízos sintéticos a priori son posibles na física. Kant afirma que os fenómenos son o límite do coñecemento. Máis alá do fenómeno está o “noúmeno” ou “cousa en si”, que non se mostra á sensibilidade. A Dialéctica Transcendental estuda en que consiste a razón e se son posibles os xuízos sintéticos a priori na metafísica. Nesta dialéctica analiza a razón, que é a facultade de enlazar uns xuízos con outros formando razoamentos ou xuízos cada vez máis xerais, que abarquen e expliquen un maior número de fenómenos.
Todos os fenómenos físicos inténtanse explicar por medio da idea de Mundo; todos os fenómenos psíquicos inténtanse explicar por medio da idea de Alma; e a totalidade dos fenómenos explícase por medio da idea de Deus.
Alma, Mundo e Deus son as tres ideas da razón e constitúen o núcleo da metafísica. Kant di que non é posible a metafísica como ciencia, xa que as ideas de Alma, Mundo e Deus non teñen un referente na experiencia.
Aínda que a metafísica non nos proporciona coñecemento obxectivo algún, ten unha función orientadora e reguladora, que é sinalar o camiño que debe seguir o entendemento humano.
A teoría kantiana destaca a importancia do suxeito ante o obxecto do coñecemento, por iso se denomina “idealismo transcendental”.
Segundo Kant, en todo coñecemento conflúen dous tipos de elementos: os formais e os materiais. Os elementos formais veñen determinados polas condicións do suxeito. A síntese de ambos os elementos é ao que chamamos coñecemento.
3. O formalismo moral
A razón non se limita ao coñecemento dos obxectos, senón que tamén tenta responder á pregunta “Que debo facer?”. A vertente teórica da razón ocúpase de coñecer como son as cousas, e a razón práctica ocúpase de saber como debe ser a conduta humana.
A teoría ética de Kant exponse fundamentalmente na Crítica da razón práctica e na Fundamentación da metafísica dos costumes. A ética kantiana é unha ética formal; con anterioridade a el, todas as éticas foran materiais. As éticas materiais establecen un ben supremo e dinnos o que se ha de facer para conseguilo.
Rexeitou as éticas materiais porque son éticas empiristas, a posteriori (o seu contido está extraído da experiencia), e Kant pretende formular unha ética válida universalmente, e da experiencia non se poden extraer principios universais. Unha ética universal e racional ha de ser a priori.
A ética formal non establece ningún ben supremo e non nos di o que temos que facer en cada caso concreto, senón como debemos actuar; só nos indica a “forma” en que debemos obrar.
Kant está convencido de que se unha persoa non se deixa levar por intereses e inclinacións, a única cousa boa en si que hai é a “boa vontade”. O decisivo non é o que alguén fai ou pretende facer, senón o que o leva a querer facer algo, os motivos polos que o fai.
A boa vontade é aquela que actúa non só conforme ao deber, senón tamén por deber. Esta definición baséase na clasificación dos actos humanos en:
- Actos contrarios ao deber.
- Actos conformes ao deber.
- Actos realizados por deber.
Só se pode falar de moralidade cando o móbil do suxeito é o mero respecto ao deber. Kant define o deber como “a necesidade dunha acción por respecto á lei”.
Segundo Kant, a moralidade ten a súa orixe completamente a priori, na razón humana. A razón formula leis ou imperativos que guían a nosa conduta, entendendo por imperativos as fórmulas que expresan os mandatos da razón. Poden ser de dúas clases: imperativos categóricos, se prescriben unha acción como boa por si mesma, ou imperativos hipotéticos, se ordenan unha acción como medio para lograr algún propósito. Os imperativos hipotéticos son propios das éticas materiais, e os imperativos categóricos son os propios da ética formal.
Kant enuncia unha formulación do imperativo categórico: “Obra só segundo unha máxima tal que poidas querer ao mesmo tempo que se converta en lei universal” (principio de universalidade). Establece outra forma: “Obra de tal modo que uses a humanidade, tanto na túa persoa como na de calquera outro, sempre como un fin ao mesmo tempo e nunca só como un medio”.
Un ser racional é o que se guía por leis, e un ser que fai tal cousa só pode ser libre se se dá el mesmo esas leis, xa que a liberdade é a capacidade de decidir por un mesmo. Por iso o filósofo alemán opina que unha ética formal debe ser autónoma. Pola contra, actúase heteronomamente cando a persoa se guía por fins non propostos polo seu ser racional.
Kant establece os postulados da razón práctica, os supostos necesarios da existencia da moralidade, pero que non son demostrables. Estes son:
- A liberdade da vontade.
- A inmortalidade da alma.
- A existencia de Deus.
A moralidade ten o seu fundamento na metafísica. A liberdade é o suposto previo do imperativo categórico, pois só ao obedecer o imperativo nos liberamos da servidume ás nosas propias inclinacións. Os outros dous postulados fan posible a realización do supremo ben, entendido como a síntese de virtude e felicidade. Haberá que admitir a existencia dun ser supremo que asegura a perfecta concordancia entre virtude e felicidade. A existencia de Deus é o terceiro e último postulado da razón práctica.