Filosofía de Kant: Estética, Espazo, Tempo e Ética Moral
A Estética Transcendental de Kant: Sensibilidade, Espazo e Tempo
A Estética, en Kant, refírese á sensibilidade e á experiencia. Para que se produza coñecemento, debe haber unha materia ou contido e unhas formas. No coñecemento sensible, a materia son os datos da experiencia, e as formas puras a priori, que pon o suxeito no proceso, son o espazo e o tempo. Son as formas transcendentais da nosa sensibilidade, porque son as condicións ou estruturas necesarias e xerais deste coñecemento. Sen o espazo e o tempo, o coñecemento sensible sería un caos de sensacións. Non son conceptos, porque os conceptos necesitan da experiencia para ser elaborados, e o espazo e o tempo son previos a toda experiencia. Ademais, os conceptos pertencen ao seguinte nivel do coñecemento, o entendemento, e pódense aplicar a unha multiplicidade de individuos, mentres que o espazo e o tempo son únicos (só hai partes dun único espazo ou intervalos dun tempo único).
Significado das Formas Puras a Priori: Espazo e Tempo
Formas
Significa que non son impresións sensibles que recibamos das cousas (cores, aspecto, olores...). Son as coordenadas, meras estruturas mentais, mediante as que percibimos esas impresións sensibles. Percibimos esas impresións nun espazo e nun tempo determinado que permite ao suxeito cognoscente encadrar o obxecto.
Puras
Quere dicir vacías de contido, sen mesturar coa experiencia, aquilo que é independente da experiencia.
A priori
Significa un concepto tal que a súa validez non dependa en ningún caso da experiencia. Espazo e tempo non proceden da experiencia, senón que a preceden, a posibilitan.
Sensibilidade
É o primeiro nivel do coñecemento. Hai dous tipos de sensibilidade:
- Externa: Sometida ao espazo e ao tempo.
- Interna: Sometida só á forma do tempo, non á do espazo (recordos, vivencias, imaxinacións).
Con esta distinción vese a influencia de Locke, polo paralelismo coa diferenciación de Ideas de sensación e Ideas de reflexión.
As Matemáticas e a Sensibilidade en Kant
Por último, que relación hai entre as matemáticas e a sensibilidade? Nas matemáticas hai dúas partes fundamentais: a xeometría e a aritmética. O obxecto da primeira son as figuras e necesitamos un espazo onde definilas, e o da segunda son os números, que non son máis que unha sucesión na que un elemento está antes ou despois do outro. As matemáticas formulan xuízos acerca do espazo e do tempo, que son previos á experiencia particular; por iso, en todos os obxectos da nosa experiencia (que se dan nun espazo e tempo necesariamente) cumpriranse os xuízos da matemática. As leis ou teoremas da mesma son, polo tanto, universais e necesarios. Polo tanto, as matemáticas formulan xuízos sintéticos a priori e esta é posible como ciencia.
A Razón Práctica de Kant: Imperativos Morais e Crítica Ética
Se a razón teórica formulaba xuízos, a razón práctica formula o coñecemento moral en forma de imperativos ou mandatos. Poden ser de dous tipos:
Imperativos Hipotéticos
Ou condicionais, que fan depender as normas ou deberes morais dunha condición. (Ex.: “Sé bo se queres salvarte”. “Se queres que te respecten, respecta ti aos demais”).
Imperativos Categóricos
Ou formais, nos que os preceptos morais non están suxeitos a ningunha condición. (Ex.: Sé bo, respecta aos outros).
Crítica de Kant ás Éticas Materiais
Kant rexeitou todas as éticas precedentes porque eran todas materiais. A crítica ás éticas materiais resúmese en tres aspectos:
- Son heterónomas, é dicir, derivan as normas e deberes morais desde campos alleos á propia dimensión moral e racional da persoa (Ex.: Lei divina, autoridade, líder...).
- Son empíricas ou materiais, é dicir, atenden á materia ou contido dos actos morais. Non se pode aceptar unha ética que pretenda sacar os seus contidos da experiencia e, ao mesmo tempo, pretenda ser universal.
- Formulan os preceptos éticos en imperativos hipotéticos e pode darse o caso que non se acepte a condición; polo tanto, se son condicionais, non poden ser universais.