Filosofía de Descartes: Método, Metafísica e Deus

Filosofía e ética3,6 KB

O Proxecto de Descartes

Descartes busca un método que lle permita acadar verdades certas e seguras, polo que rexeita todo o coñecemento no que caiba a dúbida. Só as matemáticas ofrecen coñecementos indubidables, polo que imita a súa metodoloxía dedutiva. No seu proxecto pretende fundamentar deste xeito todas as ciencias, que no seu deseño terían a filosofía como a raíz da que parten as restantes ciencias.

Características do Método Cartesiano

O método cartesiano é un método dedutivo, co que se pode chegar a verdades certas e seguras. Toma como modelo o método matemático, que parte duns principios evidentes, dos que mediante a dedución acada outras verdades. É un método racionalista en canto que o fundamenta na racionalidade que compartimos todos os seres humanos. Pretende que sirva para todos os saberes. Consta de catro regras:

  • A regra da evidencia, na que establece o criterio de verdade que radica na evidencia de cando unha verdade se presenta de forma clara e distinta.
  • A regra da análise, pola que ante unha cuestión complexa a dividimos ata o elemento máis simple, posto que a evidencia só é posible acadala nas substancias simples.
  • A regra da síntese, que consiste en, desde a substancia simple, reconstruír ata chegar á cuestión complexa anterior.
  • A regra da enumeración, que consiste en revisar todo o proceso ata estar seguros de non omitir nada.

Primeiro Principio da Filosofía Cartesiana

O primeiro principio da filosofía cartesiana é a existencia do suxeito pensante. Chega a el poñendo en dúbida todo ata que se dá conta de que “penso, logo existo”. Esta afirmación é evidente porque se amosa de xeito tan claro e distinto que resiste toda dúbida.

Trazos Fundamentais da Metafísica Cartesiana

Descartes define a substancia como aquilo que para existir só necesita de si mesmo. Neste sentido, só sería substancia Deus, ao que denomina substancia infinita. Pero ademais están as substancias que só necesitan de Deus para existir, ás que denomina substancias finitas, e son o material (res extensa) e a alma (res cogitans). Cada substancia posúe un atributo ou esencia, que son o pensamento e a extensión. Á súa vez, cada atributo posúe diversos modos, que son as formas en que se manifesta o atributo. Esta concepción presenta problemas á hora de aplicala ao ser humano, por ser un composto de cogitans e extensión, que, de principio, só necesitarían de Deus para existir, e non explica satisfactoriamente a comunicación entre ambas no caso do ser humano.

Como Explica Descartes a Existencia de Deus?

A existencia de Deus é fundamental en Descartes, posto que é o garante último da existencia do mundo real e dos outros seres humanos. Deus é a garantía de que non estou enganado. Expón tres argumentos para demostrar a existencia de Deus:

  1. No primeiro, parte de que posuímos de forma innata, na nosa mente, a idea de Deus, e como aquilo ao que se refiren as ideas debe posuír polo menos tanta perfección como a que ten a idea, Deus existe porque a perfección e infinitude que ten a idea de Deus só pode referirse a un ser perfecto e infinito.
  2. O segundo argumento parte de que eu non me podo dar a existencia a min mesmo, dada a miña finitude. A existencia só ma pode dar un ser infinito como Deus.
  3. E, por último, se a idea de Deus supón un ser perfecto, entón non carece de nada, por tanto, Deus posúe existencia.

Descargar

PDF Word HTML