Filosofía Contemporánea: Marx, Nietzsche, Sartre e o Antihumanismo
Marx
Marx. Co comezo da Idade Contemporánea, que xorde co remate da Revolución Francesa, aparece a Revolución Industrial. Debido ao cambio no traballo, a sociedade pasa a estar constituída pola burguesía e polo proletariado. Marx pretendeu explicar este fracaso do proxecto político ilustrado. Marx apuntaba nunha dirección: a sociedade non pode considerarse como un todo, senón que se atopa dividida en clases sociais. De maneira que o proxecto dos Ilustrados só favorecera á burguesía. Segundo Marx, se hai algo que distingue ao home do resto de animais é que é capaz de producir os seus medios de vida; de transformar o ámbito a través da técnica para obter todo aquilo que necesita. A esencia do ser humano é, entón, o traballo. O traballo é o que debe permitir ao home desenvolver as súas capacidades, tanto físicas como mentais. A Revolución Industrial, para o obreiro, ao contrario do que debería suceder, deshumaniza ao home, sendo só a burguesía quen, co traballo do proletariado, é quen de enriquecerse intelectual e materialmente. Para explicar isto, Marx emprega o termo de alienación (introducido por Feuerbach, explicaba coa alienación relixiosa que Deus non creou ao home, senón que foi ao contrario, así o home aliena a súa esencia e deixa de ser libre). Existen diferentes tipos de alienación:
- A alienación económica do traballo. É a máis importante para Marx e adquire tres formas:
- Alienación da actividade. O traballo convértese nunha actividade alienada e alienante cando os humanos non exercen control sobre a súa propia actividade e non a realiza libremente, senón que esta é para outro.
- Alienación do obxecto. Esta situación prodúcese cando o traballador non é dono do obxecto que produce, senón que este pertence e serve para enriquecer a outro.
- Como resultado das dúas outras situacións prodúcese unha división na propia sociedade entre dous grupos antagónicos: a clase que produce (explotada) e a que se apropia deses produtos (explotadores).
- Outros tipos de alienación. Xunto á alienación económica, Marx destaca a alienación ideolóxica (relixiosa e intelectual) e outros tipos de alienacións que reforzaban a explotación e lexitimaban e facían soportables as alienacións sociais creando unha falsa conciencia nos explotados.
Para acabar con esta situación de explotación do proletariado, Marx recorría ao comunismo. O comunismo constitúe un sistema económico no cal o traballo deixa de estar alienado, desaparece a división de clases e todos os homes reatópanse coa súa esencia: a posibilidade de desenvolver todas as súas capacidades a través do traballo.
Nietzsche
Nietzsche. A súa crítica do proxecto ilustrado baseábase nun feito: "Deus morreu". Isto enténdese como termo filosófico e moral antes que relixioso. Nietzsche non só establecía a morte do Deus cristián, senón a de calquera figura transcendente ao mundo real e da vida que puidese substituíla. Nietzsche cuestiona as categorías filosóficas que comparten coa idea de Deus unha serie de características asociadas á cultura e ao pensamento occidental:
- Estas categorías aspiran a ocupar o centro do pensamento e organizar todo discurso e práctica en torno a elas.
- Nietzsche considera que non existe ningunha categoría a priori que poida cumprir esta función e, no caso de habela, é o resultado dunha imposición.
- Esta imposición lógrase negando o proceso que a impuxo. Deste xeito, estas categorías deshistorízanse e poden presentarse como algo natural e esencial á vida humana.
- Nietzsche, por esta razón, considera que é necesario reconstruír a historia desas categorías e o proceso polo cal se impuxeron e ordenaron a práctica humana (xenealoxía histórica).
En definitiva, o home carece de esencia. Trátase dunha categoría que posúe a súa propia xenealoxía e que serviu para impoñer uns valores que son asumidos acriticamente polo home de Occidente e que o converte nun escravo. Nietzsche, coa chegada do superhome, considera que esta situación finalizará, xa que unha vez o home sexa liberado deses referentes impostos converterase nun ser, un creador de valores propios.
Sartre
Sartre. Sitúase no existencialismo. Parte da premisa de que non existe ningún Deus nin nada parecido que se constitúa como un referente moral para o home. Isto ten varias consecuencias para as persoas:
- O ser humano carece de referente moral. Non ten por que seguir ningún proxecto xa escrito, porque non foi creado para ese cometido. A vida é absurda xa que non ten un sentido inherente. Ou sexa, o home está desamparado no mundo e ten que coidarse por si mesmo.
- O ser humano defínese pola súa existencia, isto é:
- Non hai natureza humana a priori, xa que non hai un ser superior que dotara o home de calidades innatas.
- Non hai criterios obxectivos e universais que nos digan que é o que o home debería ser.
- No home todo está por facer: o home empeza sendo nada, e coas eleccións vaise facendo.
- A partir das outras dúas consecuencias, Sartre deduce que o home está condenado a ser libre que debe facerse cargo do seu propio proxecto vital, no que el mesmo tomará as súas propias decisións sobre que facer consigo.
- Por último, o home é sempre consciente desta liberdade. O que acontece é que ás veces actúa con mala fe, pensando que algo superior a el fai que actúe, como se o home non fose libre.
Sartre sitúa o ser humano no centro do mundo e tamén da historia. Pero trátase dunha subxectividade aberta, ou sexa que aínda non está feita (non existencialista). Para Sartre ao home só lle queda actuar para crearse o seu propio proxecto vital, xa que o ser humano foi expulsado ao mundo sen un referente dende o que construír.
O Antihumanismo
O Antihumanismo. Oponse ao Humanismo:
- Dubida da existencia dunha esencia humana universal, libre e consciente de si mesma e do mundo. Isto baséase en que:
- Non cre que a categoría de home poida identificarse co suxeito da historia e do coñecemento.
- Este cuestionamento non supón substituír o home por unha categoría superior (Deus). Detrás da morte de Deus tamén hai que decretar que o "home morreu".
- Centra a súa análise nos elementos que, máis alá da súa conciencia e vontade, fan ao home.
- O Antihumanismo é de tipo teórico. Non quere dicir que, aínda que se cuestione a categoría de ser humano, non exista un compromiso ético e político coa liberación do home.
Tipos de Antihumanismo
- Existencialista de Heidegger. A categoría de suxeito humano debe ser substituída polos a prioris existenciais que o conforman do centro de reflexión.
- Marxista de Althusser. Sostén que o verdadeiro suxeito da historia non é o home, senón a loita entre as clases sociais.
- Psicanalista de Freud ou Lacan. Sinalan que o inconsciente conforma a subxectividade humana de xeito moito máis decisiva que a conciencia.
- Estruturalista de Lévi-Strauss ou Barthes. Defenden que os códigos culturais e a linguaxe conforman unha realidade previa e constitutiva de ser humano.
- Ecoloxista. Sitúa no centro da súa análise aos ecosistemas, e na armazón da cal o home é unha peza máis.
- Teoría de Sistema de Luhann. Sostén que o protagonista dos cambios é a dinámica social. Este defínese como o conxunto de posicións que asigna, a cada individuo, unha función, sen contar coa súa vontade nin coa súa posición no sistema.
O problema mente-cerebro
O problema mente-cerebro. Co desenvolvemento da neuroloxía, a filosofía denominou este problema co termo mente-cerebro. As posicións máis importantes son:
- Monismo. A única realidade que constitúe ao home é material. Os estados mentais teñen orixe no cerebro. Destaca no monismo:
- Teoría da identidade mente-cerebro. Os estados mentais son iguais aos procesos cerebrais. A conduta do home é exclusivamente aquela que resulta un efecto do sistema nervioso e do cerebro: a mente disólvese no cerebro e a psicoloxía en neurofisioloxía.
- Materialismo eliminativo (Churchland). Defende que existe unha xerarquía de enfoques sobre o problema da mente. A autonomía dos procesos mentais outórgase polo sentido común e outras formas de saber científicas. Estas visións deben ser substituídas por unha perspectiva científica que mostre como eses procesos son actividades do sistema nervioso. Para iso, Churchland propón partir do coñecemento neuronal e vincular estes coñecementos a esas intuicións precientíficas.
- Dualismo (Eccles). No home hai dúas dimensións básicas: unha asociada á mente (espírito) e outra ao cerebro (materia). Eccles considerou que a mente posúe un control sobre o cerebro, e coa interacción co medio prodúcense unha serie de estímulos, traducidos en procesos neuronais. Segundo Eccles é a mente a que actúa sobre ditos procesos dándolles unidade e ordenándoos. Entón, a nosa experiencia no mundo é resultado da acción da mente.
- Emerxentismo (Searle). Postula que a mente emerxe do cerebro como unha realidade distinta, que opera de xeito diferente e cunhas características particulares. Searle sostén que se non existe unha identidade entre mente e cerebro tampouco se trata de realidades independentes. Defende que se ben os estados mentais son resultado de procesos cerebrais, non se reducen a estes, posto que emerxen a partir deles como unha nova realidade que goza de autonomía fronte a eles. Ou sexa, eses estados mentais non se poden explicar unicamente a partir do estudo neuronal, senón que son necesarias outras disciplinas, como a filosofía da mente e a psicoloxía, que estuden esta dimensión particular do ser humano.