A Fascinante Evolución Humana: Orixes e Desafíos

Filosofía e ética3,85 KB

Os fósiles dos antecesores do ser humano actual datan duns 5 millóns de anos. A comparación entre o ADN do ser humano e o dos grandes monos africanos indica que a liñaxe que deu lugar ao home actual non se separou ata hai uns 6 ou 8 millóns de anos. Os humanos actuais (Homo sapiens) e os seus antepasados directos pertencen á familia dos Homínidos, que xunto coa familia dos Pónxidos (gorilas, chimpancés e orangutáns) integran a superfamilia dos Hominoideos, pertencente á infraorde Antropoideos da orde dos Primates.

Incógnitas na Evolución Humana

Aínda así, quedan moitas incógnitas por resolver neste estudo da evolución humana. Por exemplo:

  • En que momento exactamente se separaron as liñaxes de simios e humanos?
  • Como chegaron os primeiros homínidos a colonizar Europa?
  • Que fixo que os Neandertais desaparecesen e, porén, os Cromagnons sobrevivisen?

Desafíos na Investigación Antropolóxica

Por outra banda, a busca das orixes do ser humano está condicionada pola falta de fósiles. Máis que falar dun elo perdido, teriamos que falar de moitas descontinuidades na cadea evolutiva que leva ao ser humano actual. Os datos actuais non logran explicar totalmente a liñaxe humana. Tampouco é posible saber con certeza o grao de parentesco entre as especies de fósiles que van aparecendo porque a veracidade dun escenario evolutivo non pode ser comprobada empiricamente. Iso fai que, en moitas ocasións, as teorías queden propostas como meras hipóteses.

Por exemplo, podemos supor que os primeiros homínidos tiñan un comportamento similar aos chimpancés actuais que usan pólas como instrumentos para cazar formigas, pero xamais poderemos comprobar se os Australopithecus fixeron algo similar. A cuestión da veracidade establécese fundamentalmente pola coherencia entre os datos.

A Clasificación de Especies Fósiles

Tampouco é doada a clasificación en especies dos distintos fósiles que aparecen. O concepto de especie defínese en bioloxía como o conxunto de individuos que son capaces de reproducirse entre si e dar orixe a descendencia. Para a antropoloxía é imposible comprobar este dato. Non é posible saber, por exemplo, se Neandertais e Cromagnons podían reproducirse entre si. Polo tanto, basean a súa clasificación no parecido morfolóxico ou na proximidade temporal.

Complexidade e Atracción da Antropoloxía

Todas estas dificultades fan da investigación antropolóxica unha tarefa tan difícil como atractiva, e fan que a resposta á nosa pregunta inicial non poida ser concluínte.

O Camiño Evolutivo: Un Resumo

O que sabemos hoxe en día sobre o camiño evolutivo que levou desde os nosos antepasados homínidos ata o ser humano actual pode resumirse así:

  • A vida apareceu sobre a Terra hai máis de tres mil millóns de anos nunhas formas viventes unicelulares, elementais, de orixe mariña. Nun proceso lento, a vida foi ascendendo a niveis de maior complexidade, pasando de animais unicelulares a pluricelulares, de invertebrados a vertebrados e, a grandes trazos, a orde seguida pola evolución foi de peixes a formas de vida anfibias, posteriormente a formas reptilianas e, a partir destas, ás aves e aos mamíferos. Dentro dos mamíferos é onde aparecen os primates e, dentro destes, xorden os homínidos, que darán lugar ao ser humano actual. Este proceso evolutivo está rexido por dúas estratexias da natureza: a aparición de mutacións xenéticas e a selección natural.

Descargar

PDF Word HTML