Explorando a Literatura Galega do Exilio entre 1936 e 1976

Outras linguas estranxeiras3,03 KB

A Literatura do Exilio entre 1936 e 1976

Poesía, prosa e teatro

A Guerra Civil e a conseguinte ditadura franquista (1936-1975) supuxo o desmantelamento do sistema literario galego en Galicia. A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Nesta última cidade, os exiliados entraron en contacto cos emigrantes antes da sublevación militar e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións para intentar manter viva a nosa cultura. As características da literatura galega do exilio son o compromiso galeguista, a auxe da poesía cívico-social, a mestizaxe e o cosmopolitismo.

Poesía

Luís Seoane: Polifacético en Bos Aires, tivo unha actividade variada e intensa: funda revistas, fai radio, ilustra libros… En Galicia crea o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos. Fardel de exiliado e Na Brétema, Sant’Iago son as súas obras poéticas principais. Escribiu tamén teatro.

Lorenzo Varela: Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe. Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na Guerra Civil e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra ao exilio.

Emilio Pita: Ten na súa produción unha poesía combativa cun forte compromiso cívico. Jacobusland é a súa obra poética máis importante.

Narrativa

Escritas no exilio e case todas na democracia. Son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da Guerra Civil e dos anos posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en primeira persoa. Non agardarei por ninguén e Era tempo de apandar de Ramón de Valenzuela. O silencio redimido, de Silvio Santiago e O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte, de Antón Alonso Ríos. Pero tamén se publican obras clave da nosa literatura como A esmorga de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.

Ensaio

Ao longo da posguerra, moitos autores continuaron impulsando desde o exilio americano o xénero ensaístico, especialmente en colaboración en xornais e revistas como Castelao (Sempre en Galiza), Antón Alonso Ríos, Xosé Núñez e Xerardo Álvarez Gallego.

Teatro

Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral, foi tamén director e actor. As súas obras O Ferreiro de Satán e Taberna sen dono son de corte rural-costumista e humorístico. A súa compañía “Maruxa Villanueva” foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse. Tamén en Bos Aires, Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes: Farsas para títeres e Teatro pra a xente.

Descargar

PDF Word HTML