A Expansión do Renacemento en Europa: Arte e Influencias

Arte e humanidades2,29 KB

O Renacemento italiano expandiuse polo resto de Europa a partir do século XVI. A introdución do novo estilo foi o resultado dos contactos con artistas italianos e tamén do desexo dos artistas doutros países de plasmar a realidade de xeito máis fiel.

O Renacemento en Alemaña

A partir da Reforma Luterana, os artistas alemáns, ademais de pintar temas relixiosos con gran austeridade, realizaron numerosos retratos, paisaxes e cadros mitolóxicos. A estética renacentista, naturalista e detallada, foi introducida en Alemaña por Albrecht Dürer, pintor e gran especialista na técnica do gravado. As súas obras mostran unha gran preocupación por plasmar a proporción e a harmonía do corpo humano. Tamén sobresaíron Hans Holbein o Mozo e Lucas Cranach o Vello, amigo persoal de Martín Lutero, que apoiou ferventemente o luteranismo e realizou numerosos retratos do seu fundador.

O Renacemento en Francia

En Francia, a influencia italiana deixouse sentir desde finais do século XV. O impulso definitivo para a adopción das formas renacentistas tivo lugar baixo o reinado de Francisco I, que foi un gran humanista e mecenas das artes. Na súa corte traballaron numerosos artistas italianos, entre eles Leonardo da Vinci. Destaca a arquitectura, coa construción de palacios e castelos. Nas fachadas empréganse as ordes arquitectónicas clásicas e os tellados moi inclinados e a dúas augas remátanse con elegantes chemineas e bufardas.

Orixinalidade da Pintura Flamenga

En Flandres, a influencia italiana foi moi escasa debido á forte personalidade da súa escola pictórica do século XV, que xa experimentaba coa perspectiva e coa pintura ao óleo. A pintura flamenga do século XVI desenvolveu un estilo propio, reflexo tamén dunha sociedade burguesa que compraba obras de arte. Esta escola mostrou unha gran orixinalidade polas seguintes características:

  • O gusto polo detalle e o realismo.
  • O escaso uso dos temas mitolóxicos da Antigüidade grecorromana e dos temas relixiosos.
  • O desenvolvemento do paisaxismo, das escenas cotiás e dos retratos familiares.

Descargar

PDF Word HTML