Ética formal de Kant: Autonomía e Imperativo Categórico
Formalismo moral
A razón humana é, á vez, teórica e práctica, capaz de determinar a vontade e a acción moral. O uso práctico da razón ocúpase do deber ser. A ética de Kant é formal e non material (as éticas materiais xustifican a acción en función do que consideremos ben). Estas presentan un obxecto, propiedade ou estado de cousas como un Ben Supremo e declaran como boas aquelas condutas que permiten a súa realización, e malas as que se afastan del.
Kant e as éticas materiais
Kant rexeitou as éticas materiais porque presentan moitas deficiencias: son empíricas, a posteriori e non poden ter validez universal. Os preceptos das éticas materiais son hipotéticos e só valen de forma condicionada. Son heterónomas e van en contra da autonomía do suxeito.
A ética formal de Kant
A ética formal de Kant constitúese nunha ética universal, a priori e autónoma. Kant distingue entre a forma e a materia dun mandato: a materia é o mandado, e a forma o modo do mandato. Os mandatos propios da ética teñen que ser universais e exprésanse nos imperativos categóricos, que son universais e necesarios, que non nos veñen de fóra da razón. Cando a nosa conduta segue un mandato moral fundamentado na razón é cando verdadeiramente é unha conduta autónoma, moral. Este imperativo prescribe unha acción como boa de forma incondicionada. Kant ofreceu diversas formulacións do imperativo:
- A primeira mostra claramente o seu carácter formal, establece a forma que teñen que posuír as normas que determinan a conduta de cada un.
- A segunda mostra o seu carácter formal e a súa esixencia de universalidade, incluíndo a idea de fin. Só o home, como ser racional, é fin en si mesmo e non pode ser utilizado como simple medio.
Para actuar moralmente debemos actuar por deber, porque nos estamos a obedecer a nós mesmos, xa que son mandatos recoñecidos por un mesmo. Esta liberdade como autonomía é a razón pola que lles recoñecemos aos humanos un valor absoluto que non recoñecemos ás demais cousas que hai no mundo. Por iso as persoas teñen dignidade.
A liberdade como postulado da razón
Kant vive nun momento histórico no que todo funciona dun xeito mecánico. A liberdade é un postulado da razón, unha suposición que non procede da ciencia, pero que é perfectamente compatible co que ela nos ensina. Temos que supoñer que realmente podemos decidir por nós mesmos, seguindo os mandatos da razón, a pesar das presións que exercen os instintos biolóxicos.
O ben supremo e a felicidade
Kant afirma que o ben propio da moral consiste en chegar a ter unha boa vontade, dado que son os únicos imperativos categóricos que nos aseguran unha verdadeira liberdade fronte a calquera factor alleo á propia autodeterminación da razón. O ben moral reside en ser autónomos e construír correctamente a vida, pero non é para Kant o ben supremo. A razón humana non pode ofrecernos alcanzar ese ben supremo, só podemos esperar que exista un Deus que garanta a felicidade. Así, se Deus existe, poderá facerse realidade o ben supremo de que as persoas boas alcancen a felicidade que merecen, aínda que sexa necesaria a inmortalidade da alma. Mentres non chegue a outra vida, podemos ir transformando a vida individual e social en orde a que todos sexamos cada vez mellores persoas. Por iso, Kant afirma a necesidade de construír unha sociedade xusta.