A Ética do Discurso: Apel e Habermas e a Razón Dialóxica

Filosofía e ética2,28 KB

A ética do discurso

A partir dos anos 70 do século XX, Karl-Otto Apel (Alemaña, 1921) e Jürgen Habermas (Alemaña, 1929), profesores da Universidade de Frankfurt, propóñense continuar a tradición da ética kantiana, pero superando as súas insuficiencias. Chaman á súa teoría «ética do discurso» e están de acordo con Kant en que o mundo moral é o da autonomía humana, é dicir, o daquelas normas que os seres humanos nos impoñemos a nós mesmos. Precisamente porque nolas impoñemos nós, e non a natureza, podemos promulgalas ou rexeitalas, aceptalas ou abolilas.

Non obstante, discrepan de Kant –entre outras cousas– á hora de determinar o que significa «impoñémonos as nosas propias normas». É dicir, non están de acordo coa maneira kantiana de entender a autonomía. Porque así como Kant entende que cada un de nós ten que decidir que normas cre que son propias das persoas, consideran estes autores que deben decidilo os afectados por elas, despois de celebrar un diálogo en condicións de racionalidade.

A Racionalidade Moral Dialóxica

A racionalidade moral non é unha capacidade monolóxica, que considera que cada persoa se basta a si mesma para recoñecer as normas que son morais, senón unha razón práctica dialóxica: unha racionalidade comunicativa.

As persoas non debemos chegar á conclusión de que unha norma é moralmente válida, ou de que non o é, a través dun razoamento meramente individual, senón por medio dun diálogo. Nese diálogo han de poder participar todos os afectados pola norma que se discute, e debería concluír cando se chegue ao acordo (consenso) de que a norma é correcta –ou non o é– porque ten en conta os intereses de todos –ou porque non os ten en conta.

Evidentemente, non é así como se decide normalmente se unha norma é ou non correcta, pero así é como debería decidirse. Saber comportarse moralmente significa, desde esta perspectiva, dialogar en serio á hora de decidir normas, tendo en conta que calquera afectado por elas é un interlocutor válido e hai que tratalo como tal. Esta posición recibe indistintamente os nomes de «ética dialóxica», «ética comunicativa» e «ética discursiva», e ten hoxe en día seguidores en todo o mundo.

Descargar

PDF Word HTML