Espertar de Galicia: Lingua, Agrarismo e Vangardas (S. XX)
A Fundación da Academia Galega
A idea de fundar unha Academia da Lingua Galega nace entre os galegos emigrados en Cuba, sendo o litógrafo ferrolán Fontenla Leal o principal animador da idea. Así, fúndase en Cuba, nos primeiros anos do século, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, da que o primeiro presidente na Habana foi Curros Enríquez.
O ano seguinte, en 1906, a idea cobra corpo e fúndase na Coruña a Real Academia Galega, sendo Manuel Murguía o seu presidente.
O Agrarismo: Movementos Agrarios
Nos primeiros quince anos do século XX vaise dar en Galicia un importante acontecemento político-social: o movemento agrario. Os campesiños galegos levaban moitos anos soportando unha chea de presións que se poden resumir no pago dos foros e dos “trabucos” e na súa subordinación aos señores, donos das terras.
Comeza, neses anos, a haber unha serie de movementos campesiños de protesta en distintas zonas de Galicia, algúns deles con tráxicos resultados. Créanse algunhas organizacións campesiñas, que morren axiña por falta dunha estrutura estable. Pero en 1910, un abade, Basilio Álvarez, crea Acción Gallega, unha organización que rexe e alenta as loitas agrarias e que terá unha grande forza, contando cun periódico semanal do mesmo nome. O poeta Ramón Cabanillas compuxo un himno para este movemento agrario.
Despois duns anos de forte repercusión social, con mitins multitudinarios, Acción Gallega esmoreceu, disolvéndose no ano 1915. O movemento agrario continuou ata o ano 1923.
Manifesto ¡Máis Alá!
O manifesto ¡Máis Alá! foi unha obra de vangarda escrita por Manuel Antonio (influenciado polas correntes literarias e nacionalistas da época, durante os seus anos de estudante), na que colaborou con Álvaro Cebreiro no ano 1922. Neste faise unha chamada á xuventude galega, rexeitando o pasado e pedindo unha renovación estética total. Ditos autores piden, en primeiro lugar, unha fala sen estancamentos nin rémoras, unha fala libre; defenden que a nosa fala é nosa e aclaman que o único xeito de non ir costa abaixo e de librarnos do xerme da vellez e a morte é romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada.
As Irmandades da Fala
O 17 de maio de 1916 constitúese na Coruña a primeira Irmandade da Fala, un grupo formado por só vinte persoas, coñecidas polo nome de os felibres galegos. A constitución desta Irmandade respondía a unha vella idea do seu principal impulsor, o xornalista Antón Vilar Ponte, quen en anos anteriores, logo de estar en Cuba, publicara o seu libro O nacionalismo galego: a nosa afirmación rexional.
E foi unha idea que tivo ampla repercusión en toda Galicia, porque axiña se crearon outras Irmandades da Fala en Ferrol, Santiago, Betanzos, Vilalba, Monforte, Ourense… chegando tamén a Cuba e Arxentina.
As Irmandades da Fala publicaron un periódico escrito integramente en galego, A Nosa Terra, e desenvolveron un amplo labor cultural: creando editoriais e revistas, fomentando o teatro, etc. Formaron unha federación que celebrou en Lugo, no ano 1918, a Primeira Asemblea Nacionalista Galega. Nela definiron os seus principais obxectivos, que eran estes:
- Conseguir a oficialización da lingua galega no país.
- Acadar para Galicia unha ampla autonomía dentro dunha federación ibérica que permitise resolver todos os seus problemas políticos e sociais.
- Fomentar a cultura propia de Galicia.
Estas tamén fomentaban o galego nun ámbito clave, o ensino, mediante a publicación da primeira revista infantil, As Roladas, por parte de Ramón Cabanillas; a creación das Escolas de Insiño Galego por parte do editor Ánxel Casal... e tamén no ámbito da Igrexa, con medidas como a revista Logos (Pontevedra, 1931) ou o colectivo Deus Fratresque Gallaeciae, que traduciu textos litúrxicos e publicou en galego artigos sobre diversas cuestións teolóxicas.
Ás Irmandades da Fala pertenceron as principais figuras da Galicia da época: Castelao, Vicente Risco, os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, Ramón Cabanillas, Vicente Viqueira, etc.
Teatro das Irmandades da Fala
As Irmandades consideraron que o teatro era un dos ámbitos onde o idioma debía gañar a batalla do prestixio social e viron nesta arte un dos medios.