Empirismo e Racionalismo: A Revolución Científica

Filosofía e ética4,72 KB

O Método Científico de Galileo

O método proposto por Galileo Galilei non prescinde da experiencia, senón que consiste nunha coordinación de experiencias sensibles e demostracións matemáticas (racionais e necesarias). Toda a base do método é a vinculación entre experiencia e razón matemática. Segundo isto, Galileo dicía que hai que dirixirse á experiencia, á natureza (observar, por exemplo, a caída dos corpos), e logo, elaborar hipóteses explicativas deses fenómenos que sexan racionais e matematizables.

Fases do Método de Galileo

  1. Análise: Analízase o fenómeno a estudar e redúcese (resólvese) ás súas propiedades ou cualidades primarias, refugando todas as demais.
  2. Composición: Constrúese unha hipótese de carácter matemático que enlaza os elementos aos que se reduciu o fenómeno. A continuación dedúcense matematicamente as consecuencias desta hipótese.
  3. Resolución: Ponse a proba a hipótese realizando experimentos que comproben a veracidade das consecuencias deducidas de tal hipótese.

Empirismo e Racionalismo: Dúas Visións Complementarias

Logo dos descubrimentos científicos e xeográficos dos séculos XVI e XVII, a concepción medieval do mundo derrubouse. Sobre os seus cascallos construíronse dúas visións, aparentemente opostas, pero á súa vez complementarias: o empirismo e o racionalismo.

Racionalismo

Chámase así á postura filosófica que mantén a razón humana como único coñecemento válido; non acepta, en cambio, o coñecemento sensible, o adquirido pola experiencia, como cientificamente válido. A razón é a única facultade que pode conducir ao ser humano ao coñecemento da verdade. Razón oponse aos sentidos, á imaxinación e á paixón, que son considerados como enganosos.

Os racionalistas queren proceder do mesmo xeito que os matemáticos, de tal xeito que o sistema filosófico posúa a mesma evidencia e necesidade dun sistema matemático. Os defensores do racionalismo naquel entón foron, principalmente, Descartes, Spinoza e Leibniz.

Descartes proponse como tarefa a análise do método matemático para aplicalo rigorosamente ao estudo filosófico, é dicir, ao coñecemento do que é o ser, máis aló das aparencias enganosas dos sentidos. En definitiva, Descartes, en consonancia co novo espírito científico, vai construír todo un sistema filosófico a partir da razón e do método matemático, que conducirá a unha interpretación cuantitativa, mecanicista da realidade material, que será acorde coa nova visión científica.

Empirismo

Defende como único coñecemento válido aquel que alcanzan os sentidos xa que, segundo eles, calquera idea de carácter racional que nos formemos, se se analiza, compróbase que, ou ben procede da experiencia, ou ben doutras ideas que, á súa vez, teñen a súa orixe na experiencia. Polo tanto, en última instancia, a experiencia, isto é, o coñecemento sensible, e non a razón, é a fonte última dos nosos coñecementos. Esta postura mantivérona fundamentalmente os filósofos ingleses John Locke e David Hume. O empirismo nace como reacción contra o racionalismo de Descartes e os cartesianos.

Teses Fundamentais do Empirismo

  • A orixe do coñecemento é a experiencia: A mente é como unha táboa rasa e, xa que logo, todas as ideas que nos atopamos nela proceden da experiencia. Esta tese implica a negación das ideas innatas.
  • O coñecemento humano non é ilimitado: A experiencia é o seu límite. Para o racionalismo, a razón pode coñecelo todo. Os empiristas negan tal posibilidade.
  • Todo coñecemento é coñecemento das ideas: O que directamente coñece a mente son as súas ideas e pensar redúcese a relacionalas entre si.

Conclusión: Repercusión da Revolución Científica

A repercusión dos traballos de Copérnico, Kepler e Galileo, e da revolución científica que eles protagonizaron, foi enorme:

  • Nova visión do universo: O cosmos pechado e xeocéntrico de Aristóteles é substituído por un universo-máquina, no que todo se explica a partir da materia en movemento, e no que desaparecen as calidades sensibles e os fins.
  • Nova metodoloxía científica: Que se converterá no modelo ou ideal para os filósofos dos séculos seguintes. A filosofía do século XVII é continuadora da ciencia e non da filosofía renacentista.
  • Nova actitude ante a realidade: Aínda que o home parece perder o seu lugar dentro dese universo mecánico, a razón adquiriu novos dereitos.

Descargar

PDF Word HTML