Elementos químicos e tipos de enlaces
Os elementos químicos e as súas propiedades
Un elemento químico é toda substancia que non se pode descompoñer noutra máis simple que manteña as súas propiedades físicas e químicas.
- Elementos metálicos: son sólidos a temperatura ambiente, teñen brillo, conducen a calor e a electricidade e son dúctiles e maleables.
- Elementos non metálicos: son sólidos, líquidos ou gases a temperatura ambiente, xeralmente carecen de brillo, non conducen nin a calor nin a electricidade e son fráxiles.
O sistema periódico
O sistema periódico é a clasificación dos elementos químicos en filas ou períodos en orde crecente de número atómico, e en columnas ou grupos aqueles que teñen propiedades análogas.
Clasificación dos elementos no sistema periódico
Os elementos clasifícanse en representativos, de transición, de transición interna e, ademais, o hidróxeno.
Os elementos representativos inclúen: alcalinos, alcalinotérreos, térreos, carbonoideos, nitroxenoides, anfíxenos, halóxenos e gases nobres.
A unión dos átomos e a estabilidade
Os átomos enlázanse mediante a transferencia total ou parcial dos seus electróns máis externos, co fin de rebaixar a súa enerxía e, polo tanto, aumentar a súa estabilidade.
Os distintos tipos de materia están formados por átomos illados, moléculas ou cristais.
Tipos de enlaces químicos
Enlace iónico
O enlace iónico prodúcese ao se unir un elemento de carácter metálico cun non metálico, de forma que o metal cede electróns ao non metal, transformándose ambos en ións (un positivo e outro negativo, respectivamente). Entón, prodúcese unha atracción electrostática entre eles e forman redes cristalinas.
Enlace covalente
O enlace covalente prodúcese ao unir entre si dous elementos de carácter non metálico ou un non metálico con hidróxeno. Fórmase ao compartir, ambos átomos, algúns dos seus electróns externos co fin de alcanzar a estabilidade, o que conseguen cando cada un ten oito electróns nesa zona externa.
- Se se unen poucos átomos, fórmanse moléculas, que dan lugar a substancias brandas e de baixo punto de fusión.
- Se se unen moitos átomos nunha estrutura cristalina, forman cristais, dando lugar a substancias moi duras de altísimo punto de fusión.
Enlace metálico
O enlace metálico prodúcese ao se unir entre si os átomos dos elementos metálicos. Os electróns non pertencen aos átomos individuais, senón que son comúns ao conxunto dos átomos enlazados. Forman estruturas de tipo rede cristalina.