Eduardo Blanco Amor: Análise de 'A Esmorga', 'Os Biosbardos' e 'Xente ao Lonxe'

Outras linguas estranxeiras3,97 KB

A Esmorga (1959): Clásico da Literatura Galega

É a primeira obra de E. Blanco Amor publicada en plena madurez, e un clásico da literatura galega.

Estrutura e Narración

A obra iníciase cunha “documentación” onde o autor explica, empregando a primeira persoa (punto de vista), como chegou a obter a información do que se relata a continuación: os sucesos ocorridos durante un día de esmorga ao Castizo, ao Bocas e ao Milhomes (personaxes) e o seu tráxico remate (argumento).

O relato propiamente dito está formado polos cinco capítulos seguintes, que son unha transcrición das declaracións feitas por Cibrán, o Castizo, a un xuíz do que non se rexistran as intervencións (talvez para subliñar a falta de comunicación da xustiza, que tan só está para condenar).

Cibrán é, pois, o narrador (p.d.v.) dos sucesos acaecidos aos tres personaxes, desde o seu encontro ata a detención do mesmo pola Garda Civil, tras o asasinato do Bocas a mans do Milhomes e a morte deste.

Tempo, Espazo e Motivos

Durante as 24 horas (tempo) de esmorga, os protagonistas móvense por diferentes escenarios (espazo) do ambiente urbano e suburbial de Auria, trasunto de Ourense, nun ambiente de baixos fondos cunha acción moi variada na que se mesturan breves historias secundarias con múltiples personaxes como a Socorrito, a tía Esquilacha, a Monfortina, etc.

A presenza constante dunha climatoloxía adversa (chuvia, corisco, xeada…) convértese nun motivo recorrente na novela.

Remate e Tema Central

O capítulo V (o derradeiro) remata coa intervención, de novo, do autor (Blanco Amor), o cal deixa ao lector na dúbida de se Cibrán morre no xulgado vítima das torturas ou se se suicida.

Tema: O drama do marxinado incapaz de ser dono do seu destino, debido aos determinantes psicolóxicos e sociais.

Os Biosbardos (1962): Contos para a Xente

Subtitulado como “contos para a xente”, trátase dun conxunto de sete relatos breves que presentan como trazos comúns:

  • A narrativa en primeira persoa (narrador-neno).
  • O protagonismo infantil ou adolescente.
  • A ambientación urbana, ourensá, na que se desenvolven os acontecementos.
  • O tempo histórico ao que se refiren: as dúas primeiras décadas do século XX.

Cada un destes contos perfila experiencias diversas, intensas e dramáticas do mundo infantil que o autor rescata do pasado. O autor presenta diversas vivencias que constitúen a esencia da infancia rescatada pola memoria:

  • A incomprensión.
  • A autoafirmación.
  • A irrupción do marabilloso.
  • A transgresión das normas dos adultos (ex. “A arrasadeira”).
  • A descuberta do sexo, etc.

Xente ao Lonxe (1972): Crónica Familiar e Social

É a crónica da familia Villar, desde o nacemento do derradeiro dos fillos ata a inminente morte do pai, Aser, cinco anos despois.

Saga Familiar e Crónica Social

A novela, ademais dunha saga familiar, é tamén unha crónica social contada polos dous narradores-protagonistas principais: Suso e Evanxelina, como unha especie de fresco panorámico de Auria (Ourense).

A acción é moi complexa e reflicte asemade a historia particular dos personaxes principais e a crónica do nacemento do socialismo en Ourense (Auria) e provincia nos comezos do século XX.

Ambientes e Multiperspectivismo

Na novela vanse recreando diferentes ambientes:

  • Os populares.
  • A pequena burguesía.
  • O clero (obxecto da sátira e ridiculización).
  • O dos baixos fondos.

En Xente ao lonxe conflúen varias voces narradoras, proporcionándolle ao lector diferentes enfoques da realidade (multiperspectivismo). Con todo, o narrador fundamental é Suso. Evanxelina tamén asume o papel de narradora, mediante a técnica epistolar, en dúas ocasións.

Descargar

PDF Word HTML