A Dramaturxia Galega da Posguerra: De 1936 ao Teatro Independente
O Teatro Galego na Posguerra (1936-1950)
Entre 1936 e 1950, a produción teatral redúcese a espectáculos de carácter folclorista de asociacións culturais tuteladas polo franquismo e a súa censura. Mediado o século, iníciase unha recuperación dividida en tres tendencias:
As Tres Tendencias da Recuperación Teatral
- O teatro rexionalista: É continuador do teatro costumista e a comedia urbana realizada por autores das Irmandades da Fala.
- A tendencia renovadora: Afonda na modernización do teatro de inspiración vangardista de preguerra. Os principais representantes son Otero Pedrayo, Ánxel Fole e Jenaro Marinhas.
- O teatro de angustia existencial: Representado por Xosé Luís Franco Grande, Manuel María, Ricardo Carvalho Calero e Isaac Díaz Pardo, que ofrece unhas características análogas á Escola da Tebra da poesía.
Autores de Enlace e a Xeración dos 50
O Grupo de Enlace: Conexión coa Preguerra
A recuperación foi iniciada polo grupo de enlace, que serve de conexión entre a dramaturxia de preguerra e a renovación do teatro independente. Nesta época, R. Otero Pedrayo publica O desengano do prioiro, Noite compostelá e O fidalgo e a noite. Outro autor importante é Eduardo Blanco Amor, cuxa obra dramática pode dividirse en farsas e autos. As súas pezas aparecen recollidas en dous volumes de gran popularidade, Farsas para títeres e Teatro para a xente. Álvaro Cunqueiro é autor de O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, A noite vai coma un río e Palabras de víspera. Outros autores de menor importancia son Jenaro Marinhas e Ricardo Carvalho Calero.
A Xeración dos 50: Renovación e Compromiso
A Xeración dos 50 está constituída por un conxunto de escritores nacidos arredor de 1930, que irrompen na década dos 50 á sombra do grupo Galaxia cunha decidida vocación renovadora. Cunha vivencia indirecta da Guerra Civil, pertencen maioritariamente a unha pequena burguesía liberal e republicana que se achega á realidade cultural galega a través da Universidade e do maxisterio de Otero Pedrayo. Nela destacan Daniel Cortezón, Manuel María, Xohana Torres e Bernardino Graña.
- A obra dramática de Daniel Cortezón é unha revisión de importantes episodios e personaxes da historia de Galicia.
- Manuel María é autor dunha copiosa obra teatral, composta por poemas dramatizados, textos infantís, autos, farsas e dramas épicos. Emprega o teatro como instrumento reivindicativo e de concienciación nacional.
- Xohana Torres aborda en Un hotel de primeira sobre o río a temática de denuncia social: a expropiación das terras con fins especulativos.
- As obras de Bernardino Graña comparten unha visión crítica sobre o poder do diñeiro e sobre a vida alienada do ser humano no mundo moderno. Graña constrúe un teatro popular, dándolle gran importancia aos elementos escénicos.
O Teatro Independente e o Fenómeno Ribadavia
A mediados dos anos 60, aparecen os primeiros grupos de teatro independente galego. Na década seguinte, o teatro independente espállase por toda Galicia, converténdose nun fenómeno de extraordinaria vitalidade. Nacen numerosas e importantes compañías: Antroido, Artello, Troula...
Obxectivos e Función do Teatro Independente
Superando numerosos atrancos económicos e institucionais, os grupos de teatro independente desempeñan, alén da divulgación cultural, unha función política, de loita contra a ditadura. Os seus obxectivos principais eran:
- Rescatar o teatro das salas convencionais para achegalo ao público en todo tipo de locais.
- Romper co concepto de compañía estable do teatro burgués e apostar pola itinerancia e a creación colectiva.
- Pesquisar novos métodos para a creación e a representación.
- Crear unha rede teatral no país que permitise o desenvolvemento dunha dramaturxia galega moderna e comprometida.
O Grupo de Ribadavia e o Certame Abrente (1973)
En 1973, a Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia convoca a I Mostra de Teatro Galego e o I Certame Abrente de textos dramáticos. Con esta iniciativa, Ribadavia convértese no principal punto de encontro do mundo do teatro galego. Ao tempo que se fomentan e popularizan as representacións teatrais, estimúlase, co premio Abrente, a creación de textos de teatro. O exemplo de Ribadavia foi seguido, aínda que con menor transcendencia, por outras localidades.
Arredor da Mostra de Ribadavia creouse o denominado Grupo de Ribadavia, formado por autores que tiveron unha destacada participación nel e que gañaron o premio Abrente. Ademais de escritores, son tamén directores, promotores de compañías e algúns deles mesmo actores. Os principais representantes son Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Roberto Vidal Bolaño e Francisco Taxes.