Descartes: O Racionalismo, a Dúbida Metódica e o Cogito

Filosofía e ética9,61 KB

O Método Cartesiano e a Busca da Certeza

...pensamentos, comezando polos obxectos máis simples e máis doados de coñecer, para subir pouco a pouco, como por graos, ata o coñecemento dos máis compostos; e supoñendo mesmo unha orde entre aqueles que non se preceden naturalmente os uns aos outros. E o derradeiro, facer en todo enumeracións tan completas, e revisións tan xerais, que estivese seguro de non omitir nada.

Esas longas cadeas de razóns, todas simples e fáciles, das que os xeómetras teñen costume de se servir para chegar ás súas máis difíciles demostracións, déronme ocasión de imaxinar que todas as cousas que poden caer baixo o coñecemento dos homes sucédense as unhas ás outras da mesma maneira, e que, soamente con absterse de aceptar como verdadeira ningunha que non o sexa, e gardar sempre a orde precisa para deducilas unhas das outras, non pode haber entre elas ningunha tan afastada á que finalmente non se chegue, nin tan agachada que non se descubra. E non me foi difícil buscar por cales era necesario comezar, pois sabía xa que era polas máis simples e doadas de coñecer; e, considerando que entre cantos teñen con anterioridade procurado a verdade nas ciencias, só os matemáticos puideron atopar algunhas demostracións, é dicir, algunhas razóns certas e evidentes, non dubidaba que debería comezar polas mesmas que eles examinaran (...).

3. A Dúbida Metódica e o Cogito

Xa que logo, supoño que todas as cousas que vexo son falsas: convénzome de que nada foi de todo como a miña memoria chea de mentiras me representa; penso que non teño sentidos; creo que o corpo, a figura, a extensión, o movemento e o lugar só son ficcións do meu espírito. Que poderá, logo, ser considerado verdadeiro? Se cadra, só unha cousa, que non hai nada certo no mundo.

Pero, que sei respecto de se hai algunha outra cousa diferente destas que veño de xulgar incertas, algunha acerca da cal non poida ter a menor dúbida? Non hai ningún Deus, ou calquera outra potencia que me poña no espírito eses pensamentos? Isto non é necesario, pois quizais poida eu ser quen de producilos por min mesmo. Logo eu, cando menos, non son algo? Pero neguei xa que tivese sentidos nin ningún corpo. Dubido, con todo, pois que se segue diso? Serei tan dependente do corpo e dos sentidos que non poida ser sen eles?

Pero convencinme de que non había absolutamente nada no mundo, que non había ningún ceo, ningunha terra, ningúns espíritos, ningúns corpos; non me convencín logo de que eu tampouco era nada? Non, certamente, eu sen dúbida era algo se me convencera ou simplemente se pensara algunha cousa. Pero hai un non sei que enganoso, moi poderoso e moi trampulleiro, que emprega toda a súa industria en enganarme sempre. Non hai logo dúbida de que eu son, se el me engana; e engáneme tanto como queira, que non poderá endexamais facer que eu non sexa nada, senón que tanto máis pensarei ser algo. De xeito que, despois de telo ben pensado, e de ter coidadosamente examinado todas as cousas, cómpre concluír, en fin, que esta proposición: “Eu son, eu existo”, é necesariamente verdadeira, cantas veces eu a pronuncie ou a conciba no meu espírito.

4. A Proba da Existencia de Deus

Acto seguido, reflexionando sobre o feito de eu dubidar e que, en consecuencia, o meu ser non era completamente perfecto, pois vía claramente que era unha maior perfección coñecer que dubidar, ocorréuseme pensar de onde aprendera eu a pensar nalgunha cousa máis perfecta do que eu era; e coñecín evidentemente que debía ser dalgunha natureza que fose en efecto máis perfecta.

Polo que respecta aos pensamentos que tiña de moitas outras cousas fóra de min, como o ceo, a terra, a luz, a calor e mil outras, non estaba preocupado por saber de onde veñen, debido a que, non observando neles nada que semellase facelos superiores a min, podía eu crer que, se eles eran verdadeiros, o eran por unhas dependencias da miña natureza, en tanto que ela tiña algunha perfección; e se non o eran, tíñaos da nada, é dicir, eles estaban en min por algo que eu tiña de imperfecto.

Pero non podía ocorrer o mesmo coa idea dun ser máis perfecto ca o meu: pois era cousa manifestamente imposible tela da nada; e como non hai menos repugnancia en que o máis perfecto sexa unha consecuencia e unha dependencia do menos perfecto, ca a hai de que da nada proceda algo, non a podía ter tampouco de min mesmo. De xeito que só quedaba que ela fose posta en min por unha natureza que fose verdadeiramente máis perfecta do que eu era, e mesmo que tivese en si todas as perfeccións das que eu puidese ter algunha idea, é dicir, para explicalo nunha palabra, que fose Deus.

Ao que engadín que, xa libremente (se se me permite usar as palabras da Escola), senón que necesariamente era preciso que houbese algún outro máis perfecto, do cal eu dependese, e do que adquirise todo canto eu tiña. Pois se eu fose só e independente de calquera outro, de xeito que tivese por min mesmo o pouco que participaba do Ser perfecto; pola mesma razón podería ter por min mesmo todo o restante que sabía que me faltaba, e ser así eu mesmo infinito, eterno, inmutable, omnisciente, omnipotente e, en fin, ter todas as perfeccións que podía observar que están en Deus.

Contexto Histórico e Biografía de Descartes

A época que lle tocou vivir a Descartes, a primeira metade do século XVII, coincide co inicio e desenvolvemento da Modernidade. A Idade Moderna non é unha etapa que xurde de forma espontánea sen solución de continuidade cos momentos precedentes. Dende que se inicia a crise da Escolástica, alá no século XIV, ata a aparición na escena europea da filosofía moderna, transcorren uns 300 anos.

Datos Biográficos de René Descartes (1596-1650)

  • Naceu en La Haya (pobo francés actualmente denominado Descartes) e faleceu en Estocolmo.
  • Foi un filósofo e matemático francés.
  • Estudou en La Flèche onde se sentiu insatisfeito coas ensinanzas escolásticas.
  • En 1618 incorporouse ao exército onde tería un soño premonitorio no que imaxinou un novo sistema matemático e científico.
  • En 1628 redacta a obra Regras para a dirección do espírito.
  • Despois comeza a redactar O tratado do mundo, obra que non publicará ao ver a condena que sufriu Galileo.
  • No 1641 publica Meditacións metafísicas, unha das súas obras máis importantes.
  • Morreu no 1650 debido a unha pulmonía mentres exercía de profesor para a raíña de Estocolmo.

O pensador francés fíxose moi coñecido sobre todo polo seu traballo revolucionario en Filosofía, e mais por ser o inventor do sistema de coordenadas cartesiano, que influenciou o desenvolvemento do Cálculo moderno. Descartes, por veces chamado o fundador da filosofía moderna e o pai da matemática moderna, é considerado un dos pensadores máis importantes e influentes da historia ao iniciar a rama da filosofía moderna do racionalismo que tería unha gran influencia en todo o pensamento posterior.

O Renacemento: Etimoloxía e Características

Etimoloxía: Orixe relixiosa, “segundo nacemento”, nacemento do home novo e espiritual do que falan os evanxeos de San Xoán e as epístolas de San Paulo.

A partir do século XV a palabra emprégase para referirse a un fenómeno ben distinto: o rexurdir do home, unha renovación espiritual do home cara a si mesmo:

  • Máis crenza e seguridade nos seus poderes.
  • Nova relación cos outros homes, co mundo e con Deus (que non é eliminada, senón reformulada baixo outros saberes).
  • Fronte ao máis alá dos dogmas relixiosos faise necesario o redescubrimento do mundo e o home en todas as ordes (política, social, cultural, etc).

En definitiva, fronte ao dogmatismo medieval teocrático postúlase o humanismo renacentista antropocéntrico. Tras o final da época medieval chega o Renacemento, unha época na que se mira a cultura romana e grega como referencias, unha época marcada polo desenvolvemento da ciencia renacentista (Copérnico, Kepler, Galileo etc) e que desembocará na modernidade coa chamada revolución científica que dará paso á ciencia moderna. Unha época marcada tamén pola Reforma que terá lugar na Igrexa, así como movementos como o luteranismo que defende a conexión directa entre os fieis e Deus, sen pasar por intermediarios.

O Método: Crise da Escolástica e Racionalismo

Dende o final da época medieval entra en crise a escolástica, a cal empregaba como método de coñecemento o siloxismo aristotélico e o principio de autoridade. É dicir, todos os novos coñecementos tiñan que ser derivados das proposicións xa aceptadas de Aristóteles e filósofos medievais como San Tomé de Aquino.

Ao entrar este método en crise xorde a necesidade dun novo método para o coñecemento. Descartes seguirá neste sentido a liña xa comezada por Francis Bacon no Renacemento quen proporá o método indutivo-experimental (ruta da experiencia, que seguirán os empiristas), pero el proporá o seu propio método (ruta da razón, que funda o racionalismo) co que buscará a unidade da ciencia.

Características do Método Cartesiano

Este método, tamén chamado mathesis universalis, tomará a matemática (en concreto a xeometría) como modelo, ao considerar a esta como a máis rigorosa das ciencias e aquela que máis propiamente nos achega á verdade. O método supón unha confianza absoluta na razón, pero tamén marca o camiño polo que ten que ir a razón para conducirse de modo seguro cara á verdade.

Descargar

PDF Word HTML