Crítica da Razón Pura de Kant: As Fontes do Coñecemento
KANT, texto 3 Crítica da razón pura (1787)
CONTEXTO DO AUTOR: Kant desenvolve a súa teoría filosófica no contexto da Ilustración, un período histórico, que como vimos caracterízase sobre todo pola confianza no poder da razón e pola loita pola tolerancia e contra o dogmatismo. Immanuel Kant nace e vive na cidade alemá de Königsberg (Prusia) no ano 1724 e morre en 1804. A súa vida transcorre no século XVIII. Do seu pai herda a súa rectitude e honradez, e da súa nai de confesión “pietista” a súa bondade e intelixencia. Estudou con éxito Teoloxía, Filosofía e Ciencia natural. Chegou a ser profesor da Universidade de Königsberg, gozando dunha grande reputación. Os seus ideais liberais levárono a defender a independencia dos EEUU e aos ideais da Revolución Francesa.
CONTEXTO DA OBRA: Obra principal de Kant, pertence á etapa crítica da súa obra, na que intenta unha síntese entre o racionalismo e o empirismo. Nela investiga nas condicións do coñecemento humano e tenta superar a crítica ao principio de causalidade e ao coñecemento científico que propuxera Hume.
TEMA: As fontes do coñecemento: experiencia e coñecemento a priori.
TESES:1. Non hai na orde do tempo ningún coñecemento que preceda á experiencia. O noso coñecemento comeza coa experiencia.
a. Os obxectos que tocan os sentidos provocan por si mesmos representacións e poñen en movemento a nosa actividade intelectiva.
b. A actividade intelectiva transforma as impresións sensibles en coñecemento dos obxectos que chamamos experiencia.
Explicación: O noso coñecemento comeza cando os nosos sentidos son afectados polos obxectos provocando representacións ou imaxes na nosa mente.
2. Aínda que todo o coñecemento comece coa experiencia non todo coñecemento procede da experiencia.
a. Pode ser que o noso coñecemento empírico sexa un composto do que recibimos a través das impresións e do que a nosa facultade cognoscitiva produce por si mesma.
Explicación: Aínda que os contidos mentais proveñen dos sentidos, a nosa mente ten tamén unha actividade propia e ten un comportamento espontáneo que se activa cando recibimos información sensorial.
3. Precísase unha investigación sobre a posibilidade de existencia do coñecemento independente da experiencia e das impresións dos sentidos.
a. O coñecemento independente dos sentidos denomínase a priori.
b. O coñecemento empírico ten a súa fonte na experiencia, son a posteriori. Explicación: Kant propón investigar sobre a posibilidade dun coñecemento independente dos sentidos, un coñecemento que proveña da Razón Pura.
CONCEPTOS A DEFINIR:
Impresión sensible: produto dos sentidos que se ven afectados pola realidade. Sinónimo de sensación.
Experiencia: sinónimo de coñecemento empírico.
Coñecemento empírico: síntese entre o dado polos sentidos e as formas a priori da mente que produce o obxecto.
A priori: todo o que é independente da experiencia e anterior a ela. Todo o que provén do suxeito que coñece e que dá forma ao coñecemento.
A posteriori: todo o que provén da experiencia e procede dela. É a materia do coñecemento.
Representación: fenómenos empíricos que se producen na mente despois de ser afectados por un obxecto.
ESTRUTURA:
Liñas 1-6: tese empirista: todo coñecemento comeza coa experiencia e explicación do proceso.
Liñas 6-11: tese racionalista: non todo o coñecemento procede da experiencia. Necesidade da investigación.
Liñas 11-14: def e diferenza entre coñecemento a priori e a posteriori.
INFLUENCIAS E OPINIÓN PERSOAL:
A ética Kantiana é unha ética formal, deontolóxica (do deber).
Sitúase, enfrontada ao emotivismo de Hume, fundado no sentimento. A ética Kantiana supón un precedente dos Dereitos Humanos e a súa influencia nas éticas da xustiza.
Cabe facer referencia a Rawls que centra a súa ética na teoría da xustiza, na que os seus principios son equivalentes aos imperativos categóricos Kantianos.
A modernidade crítica está representada polas éticas procedimentais de Habermas, Apel e Rawls, que volven a Kant e fan unha fundamentación racional das normas morais dende unha postura universalista.
Os pensadores do idealismo alemán fixeron da razón un absoluto capaz de xerar a realidade toda, e polo tanto, toda decisión e toda ciencia.
Na miña opinión hai que ter en conta que a dignidade é o valor que nuclea os dereitos humanos de todas as xeracións.