O Contrato Social en Locke: Dereitos, Liberdade e Estado
O “Contrato Social” en Locke
Locke publicou os seus Dous tratados sobre o goberno, tras a Revolución Gloriosa de 1688 (unha especie de revolución francesa), que poñía fin á monarquía dos Estuardo e establecía unha monarquía parlamentaria. No primeiro destes tratados, Locke critica a teoría absolutista do dereito divino do monarca; no segundo, formula – de acordo coa nova situación política – a súa propia versión reformada, fronte a Hobbes, da teoría do Estado e dos cidadáns. É a perspectiva liberal, fronte ao absolutismo hobbesiano.
O estado de natureza non posúe, segundo Locke, os tons sombríos e de guerra permanente entre os homes que supoñía Hobbes. O home é un animal sociable naturalmente e a razón ensínalles aos homes que son todos iguais e libres por natureza, de tal maneira que ninguén pode danar a outro na súa vida, liberdade ou propiedade. Locke insiste moi especialmente neste punto.
Ninguén pode facer dun semellante un medio e instrumento para os seus propios fins. Baixo a ensinanza da razón natural, o estado de natureza orixinario non é un estado de guerra; pero a razón persuade aos homes de que os seus dereitos naturais poden quedar mellor salvagardados mediante o establecemento, por contrato social entre todos, da sociedade civil ou comunidade política e da autoridade do Estado.
É dicir, o Estado vai ser froito dun acordo dos seres humanos, pero o poder vai ser decidido polos individuos. Visión da orixe do Estado diferente e, sobre todo, a xustificación do poder é diferente á de Hobbes.
No Estado de Natureza cúmprense os dereitos de Locke porque temos unha especie de lei moral natural que nos fai respectar as normas. O que pasa é que eses dereitos (vida, liberdade, propiedade) non están suficientemente protexidos. Ao non haber unhas leis e uns gobernantes, non sabemos como castigar as malas accións. Por iso se establece o Estado, non hai unha perda de liberdade tan total, gañan seguridade e a garantía deses dereitos.
Para Locke hai un dobre pacto entre os individuos para formar o Estado e entre os individuos e os gobernantes. Locke é un dos grandes precursores da sociedade democrática.