Conceptos Financeiros e Investimentos
Conceptos Financeiros Básicos
Ratio
É un cociente que relaciona certas magnitudes que se deben referir ao mesmo exercicio económico.
Patrimonio Neto ou Fondos Propios
Capitais que a empresa non ten que devolver porque son propiedade súa.
Capitais Permanentes
É o conxunto formado polo patrimonio neto e o pasivo non corrente.
Fondo de Manobra
Tamén chamado fondo de rotación ou capital corrente, é a parte do activo corrente que está financiada por recursos a longo prazo. É importante para a empresa xa que serve para medir a súa estabilidade financeira.
FM = PN + PNC - ANC
FM = AC - PC
- Fondo de manobra positivo: a empresa non ten problemas para pagar as débedas a curto prazo.
- Fondo de manobra nulo ou de cero: o activo non corrente está financiado polo patrimonio neto máis o pasivo non corrente.
- Fondo de manobra negativo: o activo non corrente está financiado polo patrimonio neto máis pasivo non corrente, pero tamén co pasivo corrente. E o activo corrente está financiado por pasivo corrente.
Investimentos Empresariais
Un investimento é un aumento de capital realizado pola empresa mediante a adquisición de activos patrimoniais ou financeiros, coa intención de incrementar a súa capacidade produtiva ou de creación de riqueza.
Tipos de Investimentos Segundo a Duración
- Investimentos a curto prazo ou en activo corrente: teñen por obxectivo conseguir os materiais ou calquera dos elementos que se inclúen nesta masa patrimonial.
- Investimentos a longo prazo ou de activo non corrente: van destinados a mellorar a capacidade de funcionamento da empresa coa adquisición de maquinaria, vehículos, etc.
Tipos de Investimentos Segundo o Elemento
- Investimentos financeiros: consisten na adquisición de activos financeiros como accións, participacións, obrigas, etc., co obxectivo de obter rendementos mediante os beneficios ou facerse co control de parte ou totalidade doutra empresa.
- Investimentos produtivos: teñen por obxectivo aumentar a capacidade produtiva da empresa, como por exemplo a compra de maquinaria, elementos de transporte, etc.
Subtipos de Investimentos Produtivos
- Investimentos en mantemento ou renovación: son os que se dedican á substitución de elementos dedicados á produción que están gastados ou se avariaron.
- Investimentos en melloras tecnolóxicas: son os que se dedican a innovar algún proceso de produción, renovar maquinaria obsoleta, diminuír custos, etc.
- Investimentos de ampliación dos produtos ou dos mercados existentes: son os investimentos que se fan para aumentar a produción dos produtos que fabrica a empresa ou para aumentar a distribución deses produtos nos mercados nos que vende a empresa.
- Investimentos de ampliación a novos produtos e novos mercados: son os que se fan para crear novos produtos ou para introducirse en novos mercados.
- Investimentos impostos: son os que non se efectúan por motivos económicos senón para cumprir leis, acordos sindicais, etc.
Período Medio de Maduración
É a duración do ciclo de explotación, ciclo curto ou ciclo diñeiro-mercadorías-diñeiro, ao que está sometido o activo corrente. Á súa duración media chámaselle período medio de maduración. Hai que distinguir entre período medio de maduración económico e período medio de maduración financeiro.
- Período medio de maduración económico: é o tempo que dura todo o ciclo de explotación, dende que se produce a entrada dos materiais no almacén ata que se cobran as facturas e letras de clientes.
- Período medio de maduración financeiro: é o tempo que xeralmente a empresa tarda en recuperar os cartos que investiu na compra de materiais para a produción. É o número de días que ten que financiar totalmente a empresa.