Conceptos Filosóficos Clave: Descartes, Hume, Locke, Hobbes e Rousseau
Descartes: Conceptos Clave
Método Cartesiano
Conxunto de preceptos racionais que orientan as operacións intelectuais (intuición e dedución) na súa busca da verdade. Neste autor son:
- Evidencia
- Análise
- Síntese
- Enumeración ou revisión
A Dúbida Metódica
Consideración previa á aplicación do método cartesiano consistente en supoñer, provisionalmente, como falsos todos os coñecementos teóricos adquiridos, tanto sensibles como intelectuais, co fin de chegar á verdade.
Mathesis Universalis
Sistema universal de saber de estrutura matemática co que se resolverían todos os problemas tanto teóricos como prácticos. É construído a partir da aplicación rigorosa do método cartesiano.
A Verdade en Descartes
Evidencia, certeza, cuxos criterios se recollen na primeira regra do método. É definida a partir da claridade (manifestación inmediata e rotunda dunha idea na mente como certa) e da distinción (delimitación e diferenciación dunha idea con respecto a todos os demais contidos de conciencia).
"Penso, logo existo" (Cogito)
Chamada cogito, primeira verdade atopada trala dúbida metódica, primeira “pedra” do novo edificio filosófico. É o primeiro xuízo existencial que se establece e ratifica a existencia do eu pensante (res cogitans). Dende ela analizaranse todas as ideas da razón humana en pos da verdade, e demostrarase a existencia de Deus, clave para a recuperación da realidade posta en dúbida. Así, permite corroborar a validez da regra da evidencia.
Idea (Descartes)
Contido da mente: todo o que se afirma ou nega, quérese, imaxínase ou sente.
Solipsismo
Do latín solus ipse. Redución da realidade á propia conciencia e aos seus contidos.
Hume: Conceptos Fundamentais
Percepcións
Contidos mentais básicos cos que traballa o entendemento, chamados tamén representacións. Poden provir dos sentidos, estando movidos pola paixón ou se exercita o noso pensamento ou reflexión.
Impresións
Sensacións ou percepcións inmediatas da experiencia, como imaxes, paixóns e emocións. Segundo a súa orixe poden ser:
- De sensación: (p. ex., o cheiro a azucre queimado) cando se descoñece realmente a súa orixe (que procedan do mundo exterior é un presuposto que haberá que investigar).
- De reflexión: (p. ex., o aburrimento dunha longa espera) cando proceden de estados exclusivamente mentais (incluídas algunhas ideas).
Ideas (Hume)
Imaxes ou copias difusas das impresións. Produto da imaxinación e da memoria, que non posúen o grao de intensidade dos orixinais. Por exemplo, o recordo do frío padecido.
Percepcións Simples
Contidos do entendemento que non poden dividirse noutros menores. Por exemplo, o tacto do terciopelo, ou o recordo dese tacto.
Percepcións Complexas
Contidos do entendemento que non se poden descompoñer en percepcións máis simples. Por exemplo, a percepción dunha laranxa, ou a idea da laranxa.
Principio de Correspondencia
Presuposto da investigación humeana segundo o cal a toda idea lle corresponden impresións das cales deriva. Del derívase o fenomenismo. Matizando:
- Toda idea simple provén das súas correspondentes impresións simples.
- Nalgúns casos, as ideas complexas veñen de impresións complexas (ex., idea de mazá da impresión de mazá).
- Noutros, as ideas complexas son froito da combinación e unión que realiza a imaxinación coas impresións simples (ex., idea de mazá da impresión dun cheiro).
Relacións de Ideas (Asociación)
Leis de asociación de ideas. A saber:
- Semellanza
- Contigüidade espazo-temporal
- Causalidade
Tipos de Coñecemento
Relacións de Ideas
Xuízos que establecen relacións entre ideas e conceptos, que non describen o mundo e non xorden da experiencia, senón do razoamento: son universais e necesarios, e a súa negación é un absurdo (por exemplo, os xuízos das matemáticas).
Cuestións de Feito
Afirmacións nas que se establecen relacións entre feitos que se deberán comprobar mediante a observación e a experiencia; son continxentes e probables, e a súa negación é posible (por exemplo, “As nubes traen auga”).
Locke: Pensamento Político e Epistemolóxico
Principio do Empirismo
Presuposto filosófico na investigación sobre o coñecemento humano segundo o cal a razón non é infalible nin completamente autónoma, senón que traballa co material da experiencia, garantía e límite do éxito racional.
Estado de Natureza (Locke)
Hipótese sobre a situación orixinaria da humanidade como posuidora de dereitos naturais (á subsistencia, á propiedade, á saúde, á integridade, á liberdade…), que na realidade non é fácil que se respecten porque non hai ningunha forza co suficiente poder como para obrigar ao seu cumprimento.
O Pacto Social (Locke)
Acordo que, coa intención de asegurar o cumprimento dos dereitos naturais, os homes libres establecen para xestionar a súa incorporación na sociedade e a creación da autoridade. En ningún momento os individuos renuncian aos seus dereitos, senón que se limitan a outorgar aos gobernantes o poder necesario para garantir a súa protección.
O Estado Liberal
Sistema social e político que xorde tralo pacto como representativo, non absoluto. Os gobernantes están ao servizo dos individuos, que renuncian a parte da súa liberdade para que a autoridade protexa os seus dereitos. Se o soberano non cumpre, o pobo pode anular o pacto.
División de Poderes
Fórmula fundamental para atacar frontalmente o autoritarismo real, o abuso e a corrupción, e clave na defensa do liberalismo. É preciso que se distingan tres tipos de poder en calquera sistema político:
- Lexislativo: elaboración de leis polo Parlamento.
- Executivo: aplicación das leis e sanción do seu incumprimento por parte do monarca.
- Federativo: establecemento de alianzas e a súa ruptura, no ámbito internacional.
Hobbes: Teoría Política
Estado de Natureza (Hobbes)
Situación primitiva do ser humano na que o egoísmo e a agresividade caracterizan a convivencia humana, identificándose como un estado de guerra de todos contra todos.
O Contrato Social (Hobbes)
Acordo ou pacto convencional polo que os membros dunha sociedade deciden ceder todos os seus dereitos a un monarca, a cambio de conseguir protección que garanta a súa supervivencia.
O Estado Absolutista
Estado de sociedade na que un soberano aglutina todo o poder de xeito autoritario, a cambio de garantir a paz social.
Rousseau: Filosofía Social e Política
Estado de Natureza (Rousseau)
Situación primitiva ideal do ser humano na que a bondade e a compaixón o caracterizan, así como a liberdade e a igualdade.
O Contrato Social (Rousseau)
Acordo ou pacto convencional polo que os individuos establecen unha sociedade a partir da cesión de parte dos seus dereitos a cambio de conseguir a liberdade, a igualdade e a xustiza sociais, aproximándose así ao estado de natureza perdido e definindo un estado de sociedade.
A Vontade Xeral
Expresión que se refire á finalidade do exercicio da soberanía do pobo e entendida como o que tende a conseguir o mellor para a maioría en aras do ben común. Non confundila coa suma das vontades particulares. É o precedente da liña das democracias modernas.
A República (Rousseau)
Estado democrático ou comunidade ético-política na que o individuo, como cidadán, obedece a unha vontade xeral que recoñece como propia, en aras do ben común.