Biografía e obra de Curros Enríquez: Unha análise literaria
Aspectos biográficos
Curros Enríquez naceu en Celanova no ano 1851 e alí transcorreu toda a súa infancia. Durante ese período influíu dunha maneira determinante a figura do seu pai, con quen mantivo abondosos conflitos que o levaron a abandonar a casa familiar para instalarse en Madrid, onde vivía cun irmán seu.
Alí continúa a súa formación académica estudando algúns cursos de Dereito. Precisamente, na marxe dun libro escribe o seu primeiro poema en lingua galega, Cantiga, no que aborda a traxedia da emigración. As súas vivencias en Madrid influíron moito na súa formación política, pois viviu activamente a Revolución de setembro de 1868.
En 1877, a instancias duns familiares seus, participa nun concurso literario na cidade de Ourense, conseguindo o primeiro premio coas súas composicións (A virxe do cristal, Unha voda en Einibó, O gueiteiro), textos que supoñen a súa estrea como poeta galego. En 1888 publica O divino sainete; seis anos despois colle certo desengano e pesimismo. En 1904 volveu para Galicia para ser homenaxeado na cidade da Coruña. Faleceu na Habana en 1908. No ano 1967 dedicóuselle o Día das Letras Galegas e no 2001 o seu 150 aniversario.
Aires da miña terra (1880)
É un poemario denominado pola forte actitude reivindicativa e de compromiso social que encerra, aínda que nel tamén se rastrexan outras composicións de carácter costumista ou intimista. Curros cría que a literatura era un excepcional medio para comprometerse cos galegos e co seu país, e iso levouno a afondar neste camiño de preocupación cívica.
Anos máis tarde seguirían os seus pasos poetas como Ramón Cabanillas ou o tamén celanovés Celso Emilio Ferreiro, quen mesmo chegou a escribir unha biografía de Curros. Amósanos, por veces con carraxe, as situacións inxustas que os rodeaban, como se observa no popular poema O maio.
En Aires da miña terra atopamos, así mesmo, poemas nos que Curros continúa a estética costumista propia do seu tempo e da poesía popular.
O divino sainete (1888)
Este é un longo poema narrativo de carácter burlesco que parodia a Divina Comedia de Dante, o escritor clásico italiano. Curros realiza a viaxe a Roma para gañar o xubileo. Nese percorrido irá na compaña do poeta Francisco Añón, que lles servirá de guía e o irá conducindo polos 7 vagóns do tren, que presentan os 7 pecados capitais:
- Preguiza
- Envexa
- Gula
- Ira
- Luxuria
- Avareza
- Soberbia
Nestas páxinas, o autor non dubida en dirixir o seu aguillón crítico tanto aos seus inimigos persoais como ao afán da Igrexa por enriquecerse.