Arquitectura Moderna: Racionalismo, Organicismo e Mestres Clave

Arte e humanidades4,92 KB

A Arquitectura Moderna e os seus Mestres

O gran crecemento da cidade moderna ao longo do século XX obrigou a seguir planificando o seu desenvolvemento urbanístico e a buscar novas solucións de habitabilidade. Ademais, as consecuencias das dúas Guerras Mundiais marcaron a evolución da arquitectura e do urbanismo occidentais.

O Racionalismo e o Estilo Internacional

No período de entreguerras (anos 20 e 30), xurdiu en Europa unha corrente progresista que dominaría a arquitectura do século XX e chamada, indistintamente, Racionalismo, Funcionalismo ou Estilo Internacional, o que supuxo un cambio radical na concepción do espazo habitado. Os obxectivos desta corrente foron a funcionalidade, o urbanismo e a mellora das condicións físico-hixiénicas dos espazos humanos. Para iso, os edificios proxectáronse segundo a súa función, dando lugar a tipoloxías ben diferenciadas.

Trazos Básicos da Arquitectura Racionalista

Os trazos básicos desta corrente arquitectónica foron:

  • O emprego de novos materiais como o vidro, o aceiro e o formigón armado.
  • O uso práctico e funcional.
  • A substitución das columnas e dos arcos polos piares, dominando agora a liña recta na arquitectura.
  • A composición formal a base de superficies sinxelas e ortogonais, con espazos lixeiros, continuos e dinámicos, predominando as plantas diáfanas e sen recorrer a unha decoración superposta.

Neste uso de novos materiais e formas construtivas, os grandes mestres foron Gropius, Mies van der Rohe, Le Corbusier e Wright, quen crearon obras paradigmáticas desta nova arquitectura desde propostas e enfoques distintos.

Frank Lloyd Wright: O Organicismo na Arquitectura

Biografía e Filosofía

Frank Lloyd Wright (1867-1959) foi un arquitecto norteamericano, discípulo doutro arquitecto estadounidense, Sullivan (co que coincidía na consideración de que o edificio era resultado da súa función), e un dos grandes Mestres da arquitectura moderna pola súa radical orixinalidade. Como principal representante do chamado Organicismo, Wright promoveu a harmonía da arquitectura coa natureza, coa contorna e co ser humano. Para este arquitecto, a contorna era un aspecto fundamental a ter en conta.

Características da súa Obra

Oposto ao Racionalismo, as súas vivendas son de liñas sinxelas e novidosas pola súa funcionalidade, técnica e formas. Estas serán máis flexibles e orgánicas grazas ao uso de materiais artesanais e autóctonos, como a pedra, a madeira ou o ladrillo de cara vista. Destacan os amplos aleiros en voadizo, as cubertas un pouco inclinadas que sobresaen da liña de fachada e o predominio de fiestras horizontais.

Innovacións Arquitectónicas de Wright

Wright introduciu moitas novidades na arquitectura, como:

  • Agochar as instalacións (cables, tuberías...) nos elementos construtivos.
  • As chamadas "plantas abertas", que rompen a disposición dos interiores como estancias illadas; pola contra, as estancias comunícanse e organízanse en torno a unha cheminea central e unha escaleira, logrando así unha maior amplitude espacial.

Entre as súas obras máis destacadas están a Casa Kaufmann ou Casa da Fervenza e o Museo Guggenheim de Nova York.

Le Corbusier: O Pai da Arquitectura Moderna

Biografía e Teoría

Le Corbusier (1887-1965) foi un pintor, teórico e arquitecto franco-suízo, considerado a principal figura mundial da arquitectura moderna. As súas teorías amosaban novos principios e formas de facer arquitectura mediante a xeometría e as proporcións, principios relacionados coa época das máquinas, do progreso, da harmonía e da racionalidade construtiva.

Os 5 Postulados da Arquitectura de Le Corbusier

Os 5 postulados básicos da arquitectura de Le Corbusier eran:

  1. O uso de bloques elevados sobre piares cilíndricos ou pilotes (separando o edificio do terreo, quedando aquel como suspendido no espazo).
  2. Cubertas planas e axardinadas a xeito de terrazas.
  3. Plantas libres (os tabiques son prescindibles ao non soportar pesos).
  4. Fachadas independentes da estrutura e cun deseño libre.
  5. Fiestras grandes e alongadas cunha maior iluminación e ventilación.

Impacto e Obras Destacadas

A carreira de Le Corbusier reflicte a súa preocupación polas transformacións urbanas e paisaxísticas da sociedade industrial, aportando conceptos fundamentais e de gran repercusión como os bloques colectivos que serían o prototipo de vivenda social da posguerra. Entre as súas obras máis destacadas, recordemos a Villa Saboya, a Unidade Habitacional ou a Igrexa de Ronchamp.

Descargar

PDF Word HTML