Aristóteles: Transición ao Helenismo e Crítica á Doutrina de Platón

Filosofía e ética3,22 KB

Transición ao Mundo Helenístico

Aristóteles viviu a idade dourada de Grecia, na que o mundo heleno estaba constituído por unha serie de polis independentes e autónomas que rivalizaban constantemente entre si e que tiñan alcanzado un alto grao de desenvolvemento económico, social, político e cultural.

Este modelo político-social chegou á súa fin coa creación, por parte de Filipo II, dunha monarquía panhelénica que acabou definitivamente coa liberdade e autonomía das polis, rebaixando os orgullosos habitantes da condición de cidadáns á meros súbditos. A posterior historia do seu fillo Alexandre Magno terminou derrubando o ideal da polis como lugar de autoconstitución dunha comunidade política na que os cidadáns, iguais ante a lei e confiados no poder da razón, se afanaban en alcanzar o ben común.

Terminado o mundo clásico, Aristóteles chegou a asistir nos anos finais da súa existencia ao nacemento dunha nova época: o período helenístico (morte de Alexandre no 323 a.C. ata o século I a.C.).

O Pensamento Político no Helenismo

Nesta época helenística desaparece o soño platónico e aristotélico de que o poder político debía expresar a sabedoría dun pensamento orientado cara ao ben común. As monarquías helenísticas lexitimarán o poder do soberano, un poder non limitado por ningunha lei.

O modelo grego digno de imitación xa non foi político, senón cultural: o helenismo significou vivir ou imitar unha idea do grego como modelo de vida. As novas escolas filosóficas teñen carácter práctico. Hai tamén unha nova concepción do saber, e a Academia e o Liceo son substituídos por novas institucións como museos.

A Filosofía de Aristóteles: Crítica á Doutrina de Platón

Aristóteles foi discípulo de Platón e a súa influencia será evidente, pero non dubidou en separarse da doutrina platónica nos aspectos que lle pareceron errados, ata configurar unha obra totalmente persoal e orixinal. Aristóteles cre que o coñecemento significa a aprehensión do universal e identifica este universal coa esencia ou natureza das cousas.

Puntos de Discrepancia Fundamentais

Crítica á Teoría das Ideas
Sostén que o ser das cousas non está nas Ideas, senón na realidade física.
Nova concepción da *Physis* (Natureza)
A natureza volve ter un papel central no pensamento e prodúcese unha nova definición: a *physis* é aquilo que ten en si mesmo o principio do seu movemento.
Crítica á Epistemoloxía
Renovará o coñecemento sensible; a auténtica realidade é a dos individuos concretos e o coñecemento parte deles.
Nova concepción do Ser Humano
Para Platón, corpo e alma é a unión de dous elementos antagónicos; para Aristóteles, o corpo e a alma conforman unha única substancia, o ser humano.
Realismo político fronte a Utopismo
Defende un modelo político realista no que a prudencia dos gobernantes será indispensable, o que contrasta coa visión utópica de Platón.

Descargar

PDF Word HTML