Aplicación do Método Cartesiano á Metafísica

Filosofía e ética3,94 KB

Para acadar a unificación das ciencias, Descartes aplicou o seu método á metafísica. O obxectivo era establecer unha primeira verdade absolutamente evidente, da que non se puidese dubidar. A partir dela, deduciría o resto, construíndo un sistema dedutivo de explicación da realidade baseado na idea de substancia.

A Dúbida Metódica

Descartes entende a verdade como certeza, como a imposibilidade absoluta de dubidar. O mellor camiño para atopar algo certo é dubidar de todo, ata que se atope algunha verdade que resista, pola súa evidencia, á dúbida. A dúbida constitúe o momento da análise no método cartesiano.

Comeza dubidando das representacións baseadas nos sentidos, xa que son frecuentemente enganosas. Non podemos distinguir con claridade a vixilia do sono (hipótese do sono). Por iso, cuestiónase todo coñecemento sensible e, polo tanto, ás ciencias empíricas. Só quedan as matemáticas, porque as súas verdades consisten só en relacións de ideas, sendo tan verdadeiras na vixilia como no soño, xa que non son obtidas da experiencia sensible.

Porén, Descartes dubida tamén das matemáticas coa hipótese do Deus enganador ou xenio maligno. Supón que Deus podería ter constituído a nosa mente de tal xeito que nos enganemos sistematicamente. Este xenio maligno sería a causa do noso engano universal.

O "Cogito" e o Criterio de Certeza

Só hai algo absolutamente indubidable: poderá ser falso todo o que eu penso, pero non podo dubidar de que penso. Tanto se ó pensar me equivoco como se non, é que efectivamente penso iso que penso. O único que podo afirmar como evidente é que o meu ser consiste no pensamento, que o pensamento existe, que eu, como calquera suxeito pensante, existo (cogito, ergo sum: "penso, logo existo").

A existencia do pensamento, do suxeito pensante, é a primeira verdade, o primeiro momento do método (análise). Descartes convértea no criterio de certeza: claridade e distinción constitúen a norma para atopar outras verdades.

As Ideas Innatas

Se o pensamento é a primeira verdade absolutamente certa, as ideas, en canto representacións do pensamento, son todas verdadeiras en canto ideas, pero non todas cumpren o criterio de certeza. Descartes distingue entre:

  • Ideas innatas: Teñen a súa orixe no mesmo pensamento. Son as ideas de pensamento e existencia, e tamén conceptos matemáticos como extensión, figura, infinitude ou perfección.
  • Ideas adventicias: Proveñen do exterior, da percepción sensorial (árbore, pedra...).
  • Ideas facticias: Son construídas pola mente a partir das adventicias (serea, centauro...).

Só as ideas innatas son verdadeiras no sentido de que cumpren o criterio de certeza. As demais teñen como contido a sensación e, polo tanto, a súa orixe vén da realidade exterior, da cal non sabemos con certeza se existe ou se é un soño.

Do Solipsismo á Demostración da Existencia de Deus

Con isto, Descartes atópase nunha situación na que só pode afirmar como verdadeira a existencia do pensamento e das ideas innatas. Isto é o solipsismo: o suxeito atópase pechado no seu propio pensamento, sen poder afirmar se este e as súas ideas innatas se corresponden coa realidade en si.

Descartes busca unha correspondencia entre as ideas innatas e a realidade para fundamentar a verdade obxectiva das ideas innatas. Para isto, recorrerá a demostrar a existencia dun Deus perfecto e bo, que non nos engana. Así, a partir da existencia de Deus, demostrarase a existencia do mundo.

Conclusión: A Síntese Cartesiana

A partir da primeira verdade (a existencia do pensamento), Descartes deduce a existencia de Deus e a existencia do mundo (síntese). Este é o proceso completo da aplicación do método á metafísica.

Descargar

PDF Word HTML