A Analítica Transcendental de Kant: Coñecemento e Fenómeno
O texto expresa como na parte analítica transcendental da “Crítica da Razón Pura”, Kant demostra que o coñecemento non pode ser da cousa en si, senón do fenómeno. Ademais, que o espazo e o tempo son a forma da intuición sensible e, que son o que fai que a cousa en si se converta en fenómeno. Tamén que o coñecemento, só o é daquilo que posúa a súa correspondente intuición empírica.
A Facultade do Entendemento e a Física
A analítica transcendental, que é a parte da C. da R. P. onde Kant analiza a facultade do entendemento e a posibilidade da Física (pura ou teórica) como ciencia, establece que espazo e tempo son as condicións a priori para que se dea a experiencia. Son as formas puras da experiencia. A intuición é para Kant un modo de coñecemento inmediato como para Descartes, pero non é de carácter racional, senón que é intuición sensible. Por outro lado, Kant diferencia entre o nóumeno ou cousa en si e o fenómeno ou cousa en si baixo a condición a priori de espazo e tempo.
O Entendemento e os Xuízos
Na crítica que realiza ás facultades do coñecemento na súa obra a C. Da R. P., a parte da analítica transcendental dedícaa ao entendemento, verdadeira facultade do coñecemento. Ela é a que permite a realización dos xuízos (grazas ao emprego das categorías, as cales achega o suxeito e que permiten subsumir os fenómenos a elas), pero, como sinala o texto, o contido, a materia, o obxecto debe corresponder a unha intuición empírica, que en Kant significa coñecer o fenómeno, é dicir, a cousa en si, baixo a condición de espazo e tempo que impón a facultade da sensibilidade, como aquilo que permite unificar as sensacións ou representacións.
Kant: Conciliador entre Empirismo e Racionalismo
Kant móstrase así como conciliador entre o empirismo e o racionalismo. A cuestión do coñecemento que en última instancia trata este texto é a resposta á cuestión filosófica que podo saber? A cal lévalle a pescudar as condicións do saber científico, que identifica cos xuízos sintéticos a priori (artífices do saber que proporcionan un maior coñecemento e de forma necesaria e universal) ou coa que Kant chamou a materia e forma do coñecemento. Tal e como se indica no texto, para Kant todo coñecemento iníciase a partir da experiencia (intuición sensible) aínda que baixo unhas condicións impostas polo suxeito (espazo, tempo e categorías). Esta conciliación entre as teses empiristas e racionalistas, supón unha solución máis ou menos estable á cuestión do coñecemento que caracteriza á Idade Moderna e que desembocase por unha banda no escepticismo e polo outro no dogmatismo. Aínda que a solución kantiana deixou á Metafísica desprazada do ámbito da ciencia ao carecer de contidos empíricos.
A Relación de Kant co Racionalismo
A cuestión do coñecemento en Kant relaciónase coas teses racionalistas tanto pola formación recibida como por parte das posturas que defende.