Analítica Transcendental de Kant: Coñecemento e Categorías
Analítica Transcendental de Kant: O Coñecemento Intelectual
Kant denomina coñecemento intelectual ao segundo nivel de coñecemento. A súa función é pensar os obxectos. A este tema dedica a segunda parte da Crítica da Razón Pura, á que denomina Analítica Transcendental. Ao mesmo tempo, proponse a posibilidade da Física como ciencia.
O Entendemento e a Unidade dos Fenómenos
Co coñecemento sensible constituíronse unha pluralidade de fenómenos que non posúen unidade. Esa unidade só se consegue por medio do pensar, é dicir, a través dunha actividade capaz de unificar a pluralidade de fenómenos. Esta actividade é a levada a cabo polo entendemento (facultade de xulgar) que atribúe aos fenómenos determinados conceptos.
Exemplo: vemos unha «casa». Os sentidos ofrécennos certas impresións sensibles (cores, formas, etc.) aquí e agora. Se alguén nos preguntara que vemos, diremos que unha «casa». O concepto «casa» é a clave que nos permite comprender e interpretar esas percepcións sensibles. Supoñamos que agora se nos presenta «algo estraño»; se alguén nos preguntara que vemos, non saberíamos que contestar, fáltanos un concepto no que encaixar esas impresións sensibles. Isto o que nos amosa é como o noso coñecemento inclúe conceptos ademais de percepcións sensibles: comprender os fenómenos é poder referilos a un concepto, e esta actividade realízase sempre a través dun xuízo: «Isto é un can», «Isto é unha casa».
A Función do Entendemento e os Conceptos
O entendemento é a facultade de emitir xuízos e ten como función a de unir o diverso da sensibilidade baixo conceptos. Como no coñecemento sensible, no entendemento Kant vai distinguir unha materia: os fenómenos, e unha forma: os conceptos que o propio entendemento achega.
Tipos de Conceptos Segundo Kant
Entre os conceptos, Kant distingue:
- Conceptos empíricos (a posteriori): proveñen da experiencia, da observación de datos comúns a diversos obxectos.
- Conceptos a priori: prodúceos o entendemento por si mesmo, son espontáneos e non proveñen da experiencia; son puros.
Estes conceptos puros a priori son de verdadeira importancia para o coñecemento intelectual, e Kant denomínaos categorías, que permiten pensar e producir os empíricos.